luns, 20 de decembro de 2010

Poema colectivo de arte menor

HIMNO PARA A CHEGADA DO 2011

1
Erguede as vosas mans
amosádeas baleiras
ensinade a vosa paz
sen armas defendédea
2
Xogade ao respecto
xogade a ser sinceros
xogade a non ter medo
3
O amor é movemento
este é o mellor momento
4
Loitamos por un mundo novo
loitamos por un mundo antigo
polo ben de cada ser vivo
5
Liberdade de aprender
liberdade de saber
para poder escoller
6
Escoller o que comer
escoller o que poñer
como vivir escoller
7
Alzade as mans, galegos,
alzade tamén o berro
ergamos o sentimento
non cometamos máis erros
8
Loitade, irmáns, loitade
a violencia é unha fogueira
chamas de desigualdade
queimando a túa caveira
9
Só hai desesperación
con violencia na rúa
a guerra non é solución
non che caiba a menor dúbida
10
Labradores do campo
deixade o gran medrar
apañade os fouciños
que hoxe saímos ceifar
11
A nosa liberdade
de ouro hase voltar
sacharemos a terra
farémola agromar
12
Xa imos escorrentar
aqueles que o merecen
botaremos de aquí
quen nos queira explotar
13
Berraremos dende os ríos
dende os máis lonxanos mares
dende as praias, dende os montes
ata as vilas e as cidades
14
O mundo nunca foi noso
os ventos xa estaban antes
os peixes e máis as aves
non destrúen os seus lares
15
A terra xa está morrendo
os seus fillos son suicidas
evitemos que os netos
respiren máis pesticidas
16
Aínda estamos a tempo
de mudar comportamentos
de facer que este mundo
non se volva un cemiterio
17
Ten que haber algún lugar
moi dentro do corazón
en que a paz estea a brillar
máis que unha explosión
18
Polo camiño da paz
nacerá unha nación
para toda a humanidá
será a nación do perdón
19
Xa é tempo de limpar
e enxoitarmos os choros
seremos todos irmáns
na alegría dos poros
20
Queridos nenos e vellos
queridos, queridos todos
hoxe é o noso futuro
dirixídeo a modo
21
Todo home é unha árbore
moi dereitiña a medrar
non queremos que se torza
a árbore do mañán
22
Dime cantos anos tes
e direiche como es...
os mozos sonche de pais
que colleitan o poder
de mudar, mudar, mudar
para todo acontecer

luns, 13 de decembro de 2010

O movemento Agrario

Directorio Antiforista de Teis
5 de xaneiro de 1908

Agrarios de O Grove







HIMNO DE ACCIÓN GALLEGA

¡Irmáns! ¡Irmáns galegos!
Desde Ortegal ó Miño
a folla do fouciño
fagamos rebrillar!

Que vexa a vila podre,
coveira da canalla,
a aldea que traballa
disposta pra loitar.

Antes de ser escravos,
irmáns, irmáns galegos!
que corra o sangue a regos
desde a montaña ó mar.
Ergámonos sen medo!

Que o lume da toxeira

envolva na fogueira
o pazo señorial!

Xa o fato de caciques
ladróns e herexes fuxe
ó redentor empuxe
da alma rexional!

Antes de ser escravos,
irmáns, irmáns galegos!
que corra o sangue a regos
dende a montaña ao val.

Ramón Cabanillas



Este é un poema escrito por Ramón Cabanillas no que o autor se ve integrado e fala como se fose un destinatario máis do poema, pois nel diríxese ao pobo galego para espertar nel o espírito rebelde fronte aos abusos dos amos da terra que escravizan os campesiños, para reclamaren os seus dereitos. Para facer isto o autor non utiliza unha forma de escritura moi adornada, o importante é a mensaxe e debe dicirse claramente para que o pobo a entenda. Podemos atopar algunhas hipérboles que dan contundencia ao que se quere transmitir, fálase de "derramar sangue a regos", pero o recurso máis utilizado é , sen dúbida, a invocación para alentar a rebelión. A voz lírica é un eu plural, un nós para demostrar que el se ve implicado na causa.
O poema son seis cuartetas de versos heptasílabos, con rima consonante no medio das estrofas e asonante os 4ºs versos entre eles, quedando o 1º solto. O ton é o adecuado para un himno e serviu para alentar as revoltas agrarias de principios do século XX pola redención dos foros.
Asinado: Luar, alumno de 4ºESO B

martes, 30 de novembro de 2010

Campo semántico de PARTIR. Exercicio

Tradeamos ou furamos ou esburacamos....a pedra, a madeira, unha parede.
Relamos ou raspamos....o queixo, o apio, a cenoria.
Esfolamos, pelamos ou espelicamos...todo o que ten pel ou pelello ou pelella: os dedos, a froita, as castañas.
Fanicamos ou esfanicamos todo obxecto suceptible de que lle rompa unha lasca: Un prato, unha cunca, a porcelana, a pedra, o mármore, a lousa.
Estragamos ou escacharramos calquera obxecto que deixa de funciopnar: unha radio, un móbil
Tallamos...a carne, cortamos, lañamos ...o peixe, un dedo, recortamos...papel
Toramos, rebanamos...obxectos redondos para facer toros ou rebanadas: o chourizo, a pescada, o tronco dunha árbore
Esfiañamos...teas, tecidos
Esgazamos ou rachamos... bandeiras, as sabas, a roupa
Esmagamos e machucamos...materia branda que cede baixo presión: patacas cocidas, pan, biscoito
Esfarelamos, pulverizamos, rebentamos, esfrangullamos, esmigalllamos, moemos...toda aquela materia que queremos reducir a po
Abrimos, fendemos, agretamos, escachamos, esnaquizamos, fragmentamos, escachizamos, crebamos, quebramos, fracturamos, britamos...materia compacta e dura:pedra, vidro, ósos, a terra seca.
Desintegramos...só cando rebentamos a nivel atómico.

venres, 19 de novembro de 2010

venres, 5 de novembro de 2010

Dentro/ fóra


Dentro da casa está o pequeno avión facendo malabares no salón aproveitando que a súa pequena casa ten a porta aberta, e o tigre está no corredor xogando cunha pelota, mais agora mesmo a deixa e vai para onde están as quenllas metidas no seu pequeno fogar azul. E fóra está o neno nun bosque cheo de verdor, cerca do neno hai un lago dunha cor azul moi clara, óese a música que fan os pequenos animais voadores que acostuman agocharse nas árbores.

Acenos


A superficie prateada como un lago relucente devolvía o reflexo dos seus ollos tristes. As espirais douradas caían pola súa espalda en longas trenzas.
O que noutros tempos fora un sorriso, era agora unha media lúa.

Mariña


Camiñando polas musicais ondas azuis, decateime da importancia do vagalume que tanto axuda ás persoas que viven do mar. Pensa que se non fose por el, todos os metatais flotantes dirixidos por alguén poderían sufrir grandes catástrofes.
Tamén pensei no gran perigo que corren os grandes xardíns abastecidos de peixes e outros tipos de criaturas máis ou menos perigosas.
Pero o máis mortal é esa gran boca azul escumosa que pode tragar calquera cousa,como por exemplo os sulcadores mariños que tanto proveito sacan del

No bosque


érase unha vez un animal, un dos máis listos, coas orellas moi longas e un colo curto que estaba paseando no bosque pola tarde. Cando estaba nos mellores momentos do paseo, chega outro animal con espiñas na espalda e unha pequena cabeciña intentando molestalo. Cando o 1º animal escapou, deu cun cazador e díxolle :está o meu irmán seguíndome, podedes utilizar as súas espiñas como frechas para cazar...
BIBSON

mércores, 27 de outubro de 2010

CCL POR ONDE


Polo incenso da morte
pola velocidade
polas cinzas do demo
polo azucre dos mortos
por todo, nunca máis
por unha vida que vivir
polo meu mundo que cae das miñas mans
polos ríos de anguria
polos piares da miña vida
por un alento que se vai...EFFO

SEN TÍTULO


Semellaba ter a cor da pelota que precede o astro rei.
Levaba moito tempo agardando por aquelas vintecatro horas, a presión facíao sentir coma un xove grumete fronte ao seu primeiro temporal.
Quedaban xa poucos tics e aínda un tac menos para enfrontarse á árbore disecada que nese momento a mestra levaba cara á máquina tatuadora de sintagmas.
O tamborileo que emitían as agullas dos seus pés alertaron aos alumnos e todos sentaron para recibir o cadáver da árbore; xa podía ecoitar o son do diñeiro que conseguiría se todo saía como estaba planeado...LUAR

HIPNOSE


Estaba eu entre as catro pedras cunhas táboas na parte superior, que é onde vivimos, utilizando unha lámina de aceiro inoxidable afiada para picar aquel alimento que che provoca bágoas cando o cortas. De repente un animal que desprende música voadora pousou nun dos moitos buratos que quedan entre as pedras e hipnotizoume coa súa música desprendedora...ANAITA

xoves, 14 de outubro de 2010

Benvid@s ao novo curso 10-11



Este ano escolar empezamos forte en 4ºB.
Lemos pormenorizadamente O CAN DANADO de CE FERREIRO e topamos moitos recursos literarios que dan conta da atmósfera de terror que se viviu neste país na época en que foi escrito o texto. Por desgraza é a mesma na que se vive hoxe naqueles lugares onde está extirpada a liberdade de pensamento, de expresión, de obra e de acción.
Como o texto dá para moito, extraemos vocabulario para experimentar con el unha técnica moi usada polas Vangardas: o automatismo, a escritura automática. Os resultados, por suposto, teñen moi pouco que ver co texto do que partimos. Para velos accedede aos comentarios. O vocabulario escollido aparece destacado en maiúsculas

O CAN DANADO

Igoal que un can DANADO nos camiños
o terror anda solto polo mundo.
Semella un vento negro que pousase
súas ÁS de corvo
sobre a frente dos homes temerosos.
Un XELO de INVERNÍA en DESCAMPADO
paraliza os RELOXOS, PERFURA as GORXAS
e pon VEOS de ANGURIA nas palabras.
Un grande telescopio nos vixía
coma un ollo de Cíclope
que segue os nosos pasos
e fita sen ACOUGO o noso rumbo,
dende tódalas fiestras,
dende tódalas torres,
dende tódalas voces que nos falan.
A noite é un micrófono impasíbel
que escoita o LATEXAR do noso peito,
coma un escuro espía que ESPREITASE
os nosos pensamentos máis SEGREDOS.
Todo se TROCA en cousa inconfesábel;
detrás de cada esquina unha sospeita,
unha DÚBIDA detrás de cada sombra,
e medo, medo, medo,
un pozo profundísimo de medo,
espello de auga fría
no que o terror se mira eternamente.

xoves, 24 de xuño de 2010

Aí vai a despedida



Se alguén de vós está interesado en copiar as fotos para levar, traede un dispositivo portátil. Lembrade que no video están comprimidas e non paga a pena imprimir de aí. Hai outra presentación no CARALLOCOROU. Boa sorte a todos-as e que pasedes un verán entretido. Grazas pola vosa colaboración.

mércores, 23 de xuño de 2010

transformacións urbanísticas, Vigo

dinamizacións festeiras

Se queredes saber máis sobre esta canción ide a

http://tirarrollas.blogspot.com/2011/01/ale-ale-jandro.html

A idea que desenvolve este vídeo é xenial : transforman ALEJANDRO en GALEGANDO, e montan unha festa co invento. A música ben se presta. A realización do vídeo esixiu a colaboración de todo o instituto. Debérono pasar de marabilla. O traballo presentárono ao concurso de ideas para a normalización da lingua. E gañou! Un aplauso para estes artistas!

xoves, 17 de xuño de 2010

1º Premio de Narrativa no Concurso Literario das Letras Galegas 2010


BICOS USADOS

Non llo dixo nunca, pero acostumou a observalo mentres traballaba. Encantáballe ver aquela expresión de concentración no seu rostro; facíao moi atractivo.
“Quizáis foi así como comezou” díxose ela en máis dunha ocasión. Miradas furtivas no despacho, cando ninguén os vía, ou iso querían crer. Sorrisos a medias e roces casuais.
Foi duro para ela ter que ocultar todo o que sentía por el, de cara aos demáis. Era moi duro finxir que non sentía nada cando el dicía o seu nome en voz alta nas interminables reunións, as risas a medias na cafetería ou os roces polos corredores. Era terrible acercarse aos seus beizos e non poder bicalos cando lía o desexo nos seus ollos, ou cando a súa man se deslizaba suavemente polas súas costas mentres camiñaban xuntos polo corredor. Aprendeu a finxir, e fíxoo tan ben que chegado o momento pensou que non sentía nada por el. Así era máis doado. Pero as bolboretas da súa barriga sempre dicían a verdade.
Aínda hoxe, despois de tanto tempo, un lixeiro calafrío percorre a súa espalda cando lembra a primera vez que el a bicou. Non o previra, ela fora a máis sorprendida. Levaba tempo crendo que os sinais que el lle mandaba formaban parte dun inocente coqueteo. Que nunca chegarían a nada. El estaba casado. CASADO. Repetía mentres recollía as súas cousas da gran mesa central. Soamente quedaba ela por marchar á casa, e miraba de esguello a luz acesa que saía da porta do seu despacho. Tratou de loitar contra o desexo de entrar alí e facerlle o amor enriba da mesa da oficina. Pero era o desexo o que falaba, non a súa mente.
O primero bico foi unha mestura de todos os seus desexo reprimidos. Quizáis foi a calor premonitoria do verán ou o esgotamento por pasar a tarde enteira con aqueles rapaces descarados os culpables. O conserxe esperábaos falando coas mulleres da limpeza e agradecendo que fose venres. A calor inundaba o edificio que a pesar da ausencia de chamas parecía estar ardendo.
Antea levaba o pelo recollido, unha blusa branca entreaberta e unha saia negra que conseguía enxalzar, aínda máis se cabe, a súa figura. Podíanse ver as súas infinitas pernas apoiadas nunhas sandalias escuras con algo de tacón. Encantáballe sentirse tan feminina diante del.
Elías tiña o seu xersei verde na man e a camisa demasiado desaliñada. Nunca o mirara con aquel aspecto tan descoidado, estando el sempre preocupado en coidar a súa imaxe cara aos alumnos. Quedaban soamente eles dous.
- É unha tortura quedar neste sitio ata tan tarde - comentou el mentres ficaba apoiado na parede do corredor. Ela volveuse e dedicoulle un daqueles sorrisos que gardaba soamente para el.
- En días coma estes o mellor é ir tomar un grolo - seguiu camiñando, facendo notable a súa implacable beleza feminina.
Elías non puido evitar mirala de arriba abaixo mentres avanzaba tras ela. Nese momento Antea xirouse de novo para cachalo mirando os seu nocellos. Caera na trampa.
- Caeuche algo, Elías? - o home, aturdido, alzou rápidamente a cabeza.
- Non, eu só… bonitas sandalias - dixo mentres entornaba os ollos.
- Grazas - agradeceu moi compracida.
Camiñaban cara á saída, dedicándose miradas que algúns poderían cualificar de lascivas, cando Antea tropezou moi oportunamente. A súa man dereita foi parar ao brazo de Elías, mentres el trataba de evitar a caída colléndoa pola cadeira. Os dous acercáronse máis do políticamente correcto. Os seus rostros separábanse só uns milímetros. Mirábanse, non podían deixar de mirarse. Antea sentía como o seu corazón comezaba a latexar dunha forma desenfreada. Avergoñouse ao pensar que poderían soar tan alto como para que Elías os escoitase. Pero quería que el o escoitase.
Elías separou o brazo que a rodeaba. Por un intre ela pensou que todo rematara, que a maxia que os embargaba desaparecera nuns segundos. Baixou a mirada. Pero Elías alzoulle a cabeza delicadamente, buscando a súa mirada. Sorriulle como só el sabía facelo e comezou a acercarse moi lentamente. Ficou queda, agardando o momento do contacto que tan sensualmente se estaba a prolongar. Os seus beizos rozáronse levemente, como con medo. Ela pechou os ollos para sentir aquel roce, e deixouse ir nos seus brazos que firmemente a suxeitaban. A sensación cálida do seu corpo contra o seu permitiulle experimentar sensacións ata daquela insospeitadas e perigosamente atraentes. Dunha volta aquel simple bico converteuse nun moito máis profundo e paixonal. Antea aferrou con forza a camisa del. Os beizos entreabertos deixaron escapar un lixeiro suspiro e o seu cálido alento mergullouse en cada un dos seus poros. Percatouse de que Elías aferrábaa con forza contra o seu corpo, coma se non quixese separarse dela; coma se non fora quen de apartarse. Bicáronse unha e outra vez embriagados por unha extáse que non parecía humana. Ela divertiuse mordéndolle o beizo inferior con tenrura mentres el exploraba a súa figura por dentro da blusa ata chegar ás súas costas. Era o desexo o que tomara o control. Non lembraban onde se atopaban nin quen os podería ver; perderan todo contacto coa realidade cun simple bico. A súa respiración entrecortada deu paso a unha loita frenética sen control por precisar máis do outro. Elías colleuna pola cintura e levouna en dous pasos á parede preto da porta. Sentíao tan cerca, e máis cerca quería sentilo. As mans del deslizábanse polo torso de Antea mentres ela xogaba coa súa boca dunha forma nova e excitante. Pensaba que estaba a volverse tola. O sangue non chegaba á súa cabeza, e non podía, non quería pensar.
O son duns pasos que avanzaban cara a eles fixo eco nas súas cabezas e cortoulles a respiración. As luces apagáronse e César, o conserxe, dobrou a esquina contraria á que estaban eles. Percatouse da situación en cuestións de segundos, finxiu que non os vira e torceu á dereita para saír pola porta.
Miráronse, sentindo aínda a calor nos seus corpos. Elías afastouse uns centímetros, pero Antea podía notalo sobre ela. Fitouna con mirada culpable e recuou algúns pasos para deixala respirar.
Querían máis. Desexaban máis. Ánbolosdous souberon cunha ollada que non se atreverían a retomar o que ata entón era pura paixón desenfreada. Antela peiteou os cabelos e botou unha man ao peto. Amosoulle as chaves dun coche.
- Vés? - invitou nun susurro.
Elías non tivo tempo de pensar e seguiuna coma hipnotizado. Deixouse levar polo seu olor a lilas.
Aquel desexo durou seis meses. Seis meses labrados na súa pel día a día.

Non llo dixo nunca, pero acostumaba a desexala en segredo. Nunca pensou que podería desexar tanto a unha muller como desexaba a Antea. Sabía que xa pasara moito tempo desde que todo sucedeu. Pero aínda hoxe, cada vez que a miraba traballando na sala de profesores, desexábaa en segredo.
Quizáis foi así como rematou, cando o seu corpo comezou a desexala máis alá dos límites. Cando estar a soas con ela e reprimirse se fixo insoportable. Cando aquelas miradas, aqueles sorrisos e aqueles roces non eran suficientes.
Foi duro ter que escoller entre o seu corpo e a súa mente. O seu corpo bicáraa aquel día, e a súa mente afastouno de ela.
Sabían que o seu final estaba escrito dende o comezo. Seis meses máis tarde o que comezou nun bico rematou en bágoas.
- Que estamos a facer, Elías? - preguntoulle ela nunha desas noites tormentosas tan comúns na Galiza.
- Estamos na túa cama, mirando Land Rober, escoitando a choiva; estase ben - contestou, eludindo o evidente.
- Vamos… - replicou poñéndolle os ollos en branco.
- Non o sei - respondeulle finalmente.
O silencio apoderouse do cuarto. Elías respiraba o arrecendo a froitas que emanaba do seu pelo, mentres os dous meditaban as súas palabras.
Antea incorporouse sobre a cama; el deixou os seus lentes a un lado. Intuían que o final achegábase, estábase a escribir naquel intre. Ningún quería crelo.
- Elías… - ela trataba de articular algunha frase coherente, pero as palabras non poderían describir o que sentía.
- Non digas nada - cortou con voz seca e impersoal. Algunha forza allea á súa mente impedíalle deixar de mirala aos ollos.
- Agora que? - unha bágoa surcou a meixela de Antea.
Non soportaba vela sufrir. Incorporouse e achegou a súa cara á dela. Bicouna. E aquel bico con sabor ás súas bágoas sóubolle doce e amargo. Deulle unha aperta, e ela notou os seus brazos trémulos rodeando o seu corpo. Aferrouse á súa aperta. Nunca a desexara tanto coma daquela, pero todo rematara xa. Aínda que ese bico deu paso a outro máis lento e profundo. Antea intentou respirar toda a esencia do seu derradeiro bico. As súas mans comenzaron a percorrer un corpo que xa coñecían. Tumbouna na cama e agarimouna coma se nunca antes o fixese. Ela tratou de comprendelo, intentou ler nos seu ollos. Apretouna con forza mentres bicaba cada milímetro da súa pel, deixando pegadas. Aquela sería a súa amarga e doce despedida. Sería a derradeira vez que Antea fose súa en corpo e alma, que a sentira tan preto del. Aquela noite, Elías fíxolle o amor con toda a paixón e toda a rabia que sentía ao saber que non estarían xuntos nunca máis. Quería ver o seu corpo tremer unha última vez baixo o seu, que ela soubese canto a quería. As bágoas brotaban dos seus ollos mentres a bicaba de novo. Sabía que non volvería bicar así.
A lembranza dos seus beizos viviría nos seus bicos que xa marcados serían sempre bicos usados.

mércores, 16 de xuño de 2010

A revolta dos mouses




Aquí tendes un exemplo do que podedes atopar en flocos.tv, o último en oferta audiovisual creativa feita en Galicia. Neste caso é un vídeo de animación, pero hai tamén documentais, ficción, formato longo, etc. As primeiras longametraxes en galego, as históricas :SEMPRE XONXA, URXA, CONTINENTAL...permiten ser vistas dende a pw e , se vos rexistrades, podedes engadir comentarios. Que a disfrutedes.Para acceder só tendes que picar na palabra flocos que aparece no vídeo.

Premio de narrativa no concurso literario das Letras Galegas 2010


Miguel e Helena é un matrimonio galego que emigrou, o seu destino foi a capital de Arxentina, Bos Aires. Como tódolos emigrantes Galegos nos anos da Guerra Civil española, emigraron pola falta de oportunidades e tamén por ter unhas ideoloxías
moi contrarias ao bando azul. En Arxentina, non tiñan unha casa, só tiñan os aforros de toda súa vida. Buscaron un fogar para vivir e, por sorte, os dous encontraron un bo traballo para só ter 23 anos. Miguel traballaba nas instalacións do gran club arxentino, River Plate; e Helena era unha camareira dunha famosa pizzería do centro da cidade. Miguel tivo moita sorte porque un adestrador mirouno xogar nun partido e pareceulle un bo xogador para o seu equipo e díxolle que o quería no seu equipo. O que máis lle importou a Miguel, foi que ía gañar moito diñeiro por xogar nun equipo profesional. O 28 de febreiro debutou , Helena foi ver o partido coma unha seguidora mais. El era moi bo, o adestrador dixo logo do partido: “Cada vez que o vexo xogar, vexo un futbolista con moita calidade, sobre todo na velocidade e caneo.”
Todo o mundo fixábase en Miguel pero Helena tamén triunfaba na pizzería en que traballaba, ela ascendeu de camareira a encargada. O matrimonio galego que foi pobre transformouse nun matrimonio moi rico e poderoso. O avó de Miguel sempre dicía que o diñeiro volvía tolo a xente, ninguén lle facía caso a Angel agás Miguel que sempre levaba a practica os consellos do seu avó. Os familiares que habitaban en España, recibiron un golpe moi duro. O pai de Helena morreu asasinado polo bando franquista. Esta nova cambia a vida do matrimonio, ela estaba esnaquizada pola morte de Gabriel. Miguel propúxolle á súa muller ir a Galiza para visitar a familia e amigos no verán.

Chegou o verán, Miguel e Helena foron a Vigo, toda a cidade cambiou radicalmente só nun ano e medio. Os veciños do barrio estaban moi orgullosos do éxito do matrimonio en Arxentina e soñaban ver a Miguel xogando co Celta no campo de Coia. Helena, segundo a seu esposo, foi clave no éxito conseguido en Bos Aires.

Tralo seu regreso a Arxentina, informan a Miguel que un equipo español está interesado pola súa fichaxe pero non lle dixeron o nome do equipo.
Uns días máis tarde, chéganlle dúas novas; unha nova persoal e a outra profesional. A nova persoal é que Helena está embarazada dun neno, e a nova profesional é que o Celta de Vigo quere fichalo. O xogador non rexeitouou a oferta do equipo da súa cidade e volveron á súa terra para quedar definitivamente. A xente estaba moi contenta pola volta do matrimonio á súa terra, o diñeiro que gañaron en Sudamérica serviulles para reformar a casa dos pais de Miguel que estaba en ruínas.

Cinco meses despois da chegada a Vigo, naceu o seu fillo chamado Santiago. Co seu nacemento, Miguel e Helena mercaron unha casa mais grande situada nas aforas da cidade. Miguel empezou xogando en Barcelona, toda a súa familia foi ver o partido contra o poderoso Barcelona que foi o campión o ano anterior. En Barcelona, Helena encóntrase con Tania, unha xove de Cambados que tamén emigrou a Arxentina. Ela trasladouse a Barcelona polo seu marido,Ismael, que encontrou un traballo mellor nunha empresa telefónica. Ó chegar a Vigo, Helena chamou a súa irmá Alicia para contarlle a súa aventura en Barcelona e que viu a Tania .
Unha semana despois de volver a Barcelona, Miguel debuta co Celta no campo de Coia, tódolos veciños do seu barrio, amigos e familia foron ver o partido. O xogador do Celta marcou un gol na vitoria contra o Sevilla.

Coa chegada de Miguel e Helena, a familia foi enriquecendo de diñeiro. Candela, a nai de Miguel, decidiu investir mil pesetas nunha compañía de taxis xa que o seu avó foi taxista en Betanzos. Toda a familia aceptou a idea e propuxeron mercar unha casa na praia pero Miguel dixo que era moi cara aínda que en dous anos xa puideron mercala.

Durante dous anos, Santiago empezou a camiñar e ir á escola do seu barrio. El, segundo os mestres da escola, era un gran estudante e aprendeu a escribir moi cedo para a súa idade. Miguel seguiu xogando no Celta e conseguindo moitos éxitos profesionais. Helena dende que o seu esposo chegou a Vigo, non traballou, nese tempo dedicouse a coidar do seu fillo e de limpar e cociñar.

Xa pasados os anos 30, cando todo ía ben, morre Angel por tuberculose. Miguel, moi abatido e triste, pensou en seguir xogando ó fútbol ou en coidar da súa familia. A familia tiña moito diñeiro cousa que case ninguén podía conseguir, só o conseguía moi pouca xente nesa época. O diñeiro pode mercar todo agás a saúde.

Miguel estivo pensando o seu futuro como futbolista durante tres anos, el decidiu retirarse, o seu estado físico e mental non era moi bo e deixou de xogar o fútbol. Trala súa decisión, Helena e Santiago puideron disfrutar un pouquiño máis de Miguel, xa que cando xogaba, non podían estar moito con el. Cando o diñeiro era escaso, Helena decidiu poñerse a traballar na oficina da empresa de taxis na que investira a súa sogra.
A empresa de taxis triunfaba en Vigo, xa que era a única empresa de taxis da cidade.

Dez anos despois, cando Santiago tiña 18 anos, foi estudar a Santiago de Compostela para ser mestre. Sempre lle gustou ensinar e aprender cousas da xente. Mentras estudaba, escribía poemas en contra do réxime franquista aínda que dous libros foron censurados polo seu contido. Na universidade, coñeceu a Paloma, ela era unha compañeira de clase a quen Santiago tiña moito aprezo e tamén estaba namorado dela. O segundo ano da universidade, empezaron a ter unha relación amorosa moi especial. El sempre a levaba a sitios moi románticos como o Monte do Gozo en Santiago de Compostela ou o Castro en Vigo. Despois de rematar os estudos universitarios, casaron no castelo de Soutomaior. Miguel e Helena estiveron moi emocionados durante toda a cerimonia relixiosa xa que puideron darlle ao seu fillo pequenos consellos para manter o matrimonio para toda a vida. Nesa época, todo ía moi rápido, Santiago e Paloma foron de vacacións a Mallorca. Tralo seu regreso, fixeron pública unha nova: Paloma estaba embarazada dun neno.

Nove meses despois, naceu o fillo de Santiago e Paloma que son eu, Iago. Os meus pais educáronme dunha forma moi estrita e tamén moi seria, sempre quixeron que eu fora coma eles pero non sei moi ben como vou ser nun futuro. Encántame escribir sobre a historia dos meus antepasados, estou moi orgulloso deles porque aprendín moitas cousas. O meu avó Miguel fálame moito como se sentía cando marcaba un gol co Celta e tamén me dá moitos consellos sobre a vida. Case contei a historia da miña familia durante trinta anos aínda que sobre algunhas cousiñas non me lembro moi ben e por iso prefiro non poñelas. Seguramente, vos preguntaredes en que década escribo. Estou escribindo no ano 1963, ultimamente está moi de moda o grupo “The Beatles”, gústame bastante. O outro día tocaron en Nova Olimpia e as súas cancións son moi boas, encántanme as letras, espero que sigan moitos anos máis. Vigo crece moi rápido, hai un cambio urbanístico bastante grande, non imaxinades! Ben… despídome. Espero que vos gustase a historia da miña familia. Un saúdo amigos!

xoves, 6 de maio de 2010

Plantamos un ceibo


O pasado 27 de abril no instituto plantamos un ceibo para conmemorar tamén nós o día do Uruguai. Ao evento acudiu a consulesa do Uruguai en Galicia dende Santiago de Compostela. Ela falounos da historia do seu país e lemos en alto a lenda do CEIBO, a árbore emblemática do Uruguai.
LENDA DA ÁRBORE DO CEIBO

(tamén chamado seibo, seíbo, gallito ou bucaré)



Conta a lenda que nas beiras do Paraná vivía unha indiña fea, de trazos toscos, chamada Anahí. Aínda que era fea, nas tardes do verán deleitaba a toda a xente da súa tribu guaraní coas súas cancións inspiradas nos seus deuses e o amor á terra da que eran donos... Pero chegaron os invasores, eses valentes, atrevidos e destemidos seres de pel branca, que arrasaron as tribos e lles arrebataron as terras, os ídolos, e a súa liberdade.

Anahí foi levada cautiva xunto con outros indíxenas. Pasou moitos días chorando e moitas noites en vixilia, ata que un día no que o sono venceu á súa sentinela, a indiña logrou escapar, pero ao facelo, a sentinela acordou e ela, para lograr o seu obxectivo, espetou un puñal no peito do seu gardián, e fuxiu rápidamente á selva.

O berro do moribundo carcereiro, espertou aos outros españois, que saíron nunha persecución que se converteu en cacería da pobre Anahí, quen non tardou en ser alcanzada polos conquistadores. Estes, en vinganza pola morte do gardián, impuxéronlle como castigo a morte na fogueira.

Atárona a unha árbore e prenderon o lume, que parecía non querer alongar as súas lapas cara á moza indíxena, que sen murmurar palabra, sufría en silencio, coa súa cabeza inclinada cara un costado. E cando o lume comezou a subir, Anahí foise convertendo en árbore, identificándose coa planta nunha asombrosa milagre

Ao abrir o día, os soldados atopáronse diante do espectáculo dunha fermosa árbore de verdes follas relucintes, e flores vermellas aveludadas, que se mostraba en todo o seu esplendor, coma o símbolo de valentía e fortaleza diante do sufrimento.

luns, 22 de marzo de 2010

mércores, 17 de marzo de 2010

léxico 3 clasificación botánica das flores

Aquí tendes as familias das flores, o nome latino deixa ver perfectamente algunhas denominacións comúns :acanto, begoña, borraxe, xeranio, lirio, malva, onagra, orquídea, papoula, . O t0x0 aparece clasificado como leguminosa, as maceiras e os morodos como rosáceas, as cabazas como corcubitáceas.

xoves, 25 de febreiro de 2010

Léxico 2 Flores

Selección de imaxes para o campo semántico das flores. Hai problemas coa flor do toxo, que é amarela e tamén se chama chorima ou alecrín. As violetas tampouco están ben representadas. Polo demáis a calidade do vídeo é excelente.

poema en imaxes 7 Corre o vento, o río pasa

http://www.youtube.com/watch?v=kiZLzvEEjiM

mércores, 24 de febreiro de 2010

poema em imaxes 6 Madrigal á cidade de Santiago


Este é o 1º dos seis poemas galegos de Federico García Lorca

Chove en Santiago
meu doce amor.
Camelia branca do ar
brilla entebrecida ao sol.

Chove en Santiago
na noite escura.
Herbas de prata e de soño
cobren a baleira lúa.

Olla a choiva pola rúa
laios de pedra e cristal-
Olla o vento esvaído
sombra e cinza do teu mar.

Sombra e cinza do teu mar
Santiago, lonxe do sol.
Auga da mañá anterga
trema no meu corazón

luns, 22 de febreiro de 2010

martes, 9 de febreiro de 2010

Monólogo viaxeiro


Na compaña do silencio


#-Hola, chámome Clara.

Foi todo o que puido dicir antes de embarcarse na aventura de ir na viaxe.
Con cada paso que daba en dirección ó bus sentía que as pernas lle tremían e se non se concentraba o suficiente en respirar non tardaría moito en rematar no chan.
Ia un día frío e húmido, un deses días que vai tanto frío que fai que as extremidades respondan torpemente facéndote quedar coma unha inútil ante os demais, e tan húmido que o tacto de todo canto che rodea resulta lixeiramente raro e molesto.
Despois de bater numerosas veces cos seus propios pés ante as burlonas miradas dos seus “compañeiros”, conseguiu chegar a un asento no fondo. Dado que tiña o seu fiel MP4, polo menos daría a imaxe de estar ocupada en algo e ninguén sentiría a necesidade de falarlle polo feito de ser a rapaza nova a que hai que interrogar ata a saciedade ou falarlle por compaixón, xa que sabe por experiencia que a maioría destas conversacións forzadas rematan por ser embarazosas e frustrantes.
A viaxe transcorreu sen incidentes, excepto polo feito da incomodidade que a invadiu no momento no que Daniel sen ton nin son sentou ao seu carón.
Pero en lugar dunha conversa, o que saíu de Daniel foi un enorme sorriso e o día tomou un xiro positivamente inesperado.
KremiK

luns, 8 de febreiro de 2010

O toque da alba


Da catedral campana
grave, triste e sonora,
cando ó raiar do día
o toque da alba tocas,
no espazo silencioso
soando melancólica,
as túas badaladas
non sei que espertares me recordan.

Foron algúns tan puros
coma o fulgor da aurora,
outros cal a esperanza
que o namorado soña;
e á derradeira inquedos,
mitá luz, mitá sombras,
mitá un pracer sen nome,
e mitá unha sorpresa aterradora-

Ai! que os anos correron
e pasaron auroras,
e menguaron os días,
e medraron as congoxas,
e cando agora,
o toque da alba tocas,
sinto que se desprenden
dos meus ollos bagullas silenciosas.

Que xorda e tristemente,
que pavorosa soas
no meu esperto oído´
mensaxeira da aurora,
cando ó romper o día
pausadamente tocas!
Onde van aqueles
espertares de ditas e de glorias?

Pasaron para sempre!
Mais ti, grave e sonora,
ai! ó romper o día,
coa túa voz melancólica
vés decote a lembrarnos
cada nacente aurora;
e parece que a morto
por eles e por min a un tempo dobras-

Da catedral campana,
tan grave e tan sonora
por que a tocar volviches
á alba candorosa
desque eu houben de oírte
en bagullas envolta?
Mais ben pronto..., ben pronto, os meus oídos
nin te oirán na tarde nin na aurora.

Follas Novas, libro II, Do íntimo.

poema en imaxes 3 O toque da alba

domingo, 31 de xaneiro de 2010

A diversidade lingüística e cultural





Xogando cos dous videos podes facer comparativas entre os diversos momentos históricos da expansión e retroceso das diferentes linguas da Península

venres, 22 de xaneiro de 2010

extracto dun discurso paródico sobre o trilingüismo


DECRÉPITO DEL GALEGO. DECRÉPITO DO GHALLEJO. GALICIAN'S DECREPIT


Os galegos e galegas falarán español de luns a mércores e inglés xoves e venres, reservándose o galego para as bebedeiras e fins de semana.


Traslado dos restos da Lingua Galega ao Panteón de Galegos Ilustres.


Manual de gramática trilingüe para cada fogar galego.


Todas as materias troncais serán impartidas en español, coa excepción de traxe, paxe e garaxe.


Traslado da celebración do Día das Letras Galegas para o 30 de febreiro.


O himno galego pasará a chamarse God Save The Rumorosos e promoverase o seucoñecemento en inglés, chinés e ruso culto.


O programa Luar pasará a chamarse Moonlight Shadow.


Creación en todas as empresas galegas dun descanso de 10 mm ás cinco do serán para tomar o té


Para garantir o plurilingüismo no Parlamento de Galicia, os deputados do PP falarán en español, os do PSOE en inglés e os do BNG en galego.


Creación dunha nova canle autonómica de TV que emitirá as 24 horas a programación da BBC.


Promoverase a fonética inglesa con acento texano, para o cal se provocará no alumnado unha parálise inducida do beizo superior.


Para evitar a contaminación lingüística, o alumnado de Primaria non poderá pasar na aldea máis dunha fin de semana.


STOP ao fracaso escolar. As familias de alumnos e alumnas que suspendan máis de 5 materias terán dereito a unha entrevista no xornal El Mundo para se xustificar afirmando que a culpa é de que as clases se imparten en galego.


Asina o documento o partido BLOQUESOCIALISTAPOPULAR.