venres, 13 de novembro de 2015

Colaxe tipográfica, posible portada para un códice uruguaíno





Todas as letras están pintadas a man 
É unha creación colectiva
Cada alumno tiña que traer unha letra grande e bonita
Trouxeron case todos
Recortámolas 
e pegámolas
(nunha vella cartolina que atopamos no armario)
non houbo sitio para todas
(son grupos moi numerosos)
quedou material para montar outra
(xa veremos)
ao mellor 
se montamos un códice
a portada......
podería saírnos DADÁ

xoves, 12 de novembro de 2015

Textos para tipografar

1.

CÁNTIGA PARA DURMIR UN NENO

Celanova ten un vento,
Celanova un vento ten,
un vento peleriñante,
un vento que vai e vén.
Un vento que mais que vento
é un teimoso roncón
fungando polos tellados
con grave e tristeiro son.
Iste vento vagamundo,
vai coa lúa, vén co sol,
vai cos mozos, vén cos vellos,
vai coa neve, vén coa frol.
Vai coas nubes viaixeiras
por camiños de romaxe.
Vén co pandeiro da chuvia
repenicando a paisaxe.
De día vai cos paxaros
i anda a brincar polas hortas.
De noite vén cos morcegos
i anda a petar polas portas.
Meu neno, no teñas medo,
que iste vento é meu amigo
i anque rosma polas rúas
non te levará consigo.
Vento que vas á ventura,
non ollas cómo che aceno?
Vaite de aquí paseniño,
deixa durmir o meu neno.
Onde se marchou mi padre
o ventiño reiseñol,
ventiño de doce gaita,
ónde se foi co seu fol?
O vento atópase canso
do seu constante bulir.
Deitouse nos piñeirales,
coma nun berce, a durmir.
I o vento que rebulía,
Celanova xa o non ten.
O meu neno está durmido

i o vento durmiu tamén.

CELSO EMILIO FERREIRO: Longa noite de pedra


2.





3.

DEITADO FRONTE Ó MAR

Lingua proletaria do meu pobo
eu fáloa porque si, porque me gusta
porque me peta e quero e dame a gana
porque me sae de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sen raíces
que ó pór a garavata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos avós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos da linguaxe,
remo e arado, proa e rella sempre.
Eu fáloa porque si, porque me gusta
e quero estar cos meus, coa xente que sofren longo
unha historia contada noutra lingua.
Non falo prós soberbios,
non falo prós ruíns e poderosos,
non falo prós finchados,
non falo prós estupidos,
non falo prós baleiros,
que falo prós que aguantan rexamente
mentiras e inxustizas de cotío;
prós que súan e choran
un pranto cotián de bolboretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas de 
tódolos que sofren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ó mar, ise camiño...

CELSO EMILIO FERREIRO: Longa noite de pedra

4.
PORQUE A TERRA É REDONDA

Cunha man colleu a mar
e coa outra un veleiro,
para explicar unha das probas
de que a Terra é redonda.

- Todos os días?, preguntáballe eu.

 O mesmo polo día que pola noite?

- Sempre, respondeume, e si redonda non fora
en toda a súa coda non se tería nada en pé,
a mar subiría deica a neve dos altos montes,
non poderían voar as aves
nin correr os nenos polos campos do verán.
Nin siquer habería verán.

Todo o que é, a rosa e máila lua,
a alma miña, os ventos, a sorrisa dela
e a sombra da cerdeira, e as cereixas,
tal son porque é redonda a Terra.

Ó veleiro mergullábase no horizonte
e a mar ía e viña na súa man dereita
a escuma das ondas escorrendo entre os seus dedos.
Refrescaban o meu rostro redondas pingas de choiva
caída de grandes nubens que viñan do sul
gracias a que a Terra é redonda.

Ávaro Cunqueiro: Herba de aquí e de acolá, 1980


5.


 Danse clases de poesía
por licenciados en metafóricas.
Coñecimentos sobre sinestésias
de sensacións e doutoramento
en pareados. Precio económico.
Proximidade oposicións poetas
de corporación locais.
Temario plastificado incluido
con matrícula. Dez horas semanais.
Compatibilidade de horarios.
Temas sobre:
-A lírica metonímica na Constitución de 1978
-O verso libre nos municipios periféricos.
-A concatenación sonética en porteiros
e ordenanzas.
-O barroquismo poético dentro da administración.
-A falta de recursos humanos na entrada e saída de documentos.
-A sobriedade literaria da figura do Alcalde.
-A utopía como fórmula de loita contra da excesiva natalidade de pombas e
gaivotas con respecto ao deterioro das fachadas dos edificios.
-Dependencias e servicios adicados ao cuarteto de rima impar
asonante nas oficinas de atención ao público.


NON AGARDES MAIS
VEN RESERVALATUA PRAZA
RONSELTZ
ACADEMY

6.

BANDO

Prohíbese por orde da Alcaldía,
que medren porque si
as rosas do xardín municipal.
Dende agora as pombas teñen
que pedir licencia para voar.
Prohíbeselle á lúa
andar ceiba de noite polo ceo.
A lúa é unha tola que anda espida
dando mal exemplo ás nenas castas
e aos fillos de boa familia.
Pagarán trabucos os poetas.
Prohíbese soñar de 10 a 11.
Prohíbese tamén derramar bágoas.
Pódese chorar tan só cando hai sequía
para que non fiquen baldeiros os pantanos.
Un só se pode emocionar
os Xoves e Domingos
cando toca
a Banda do Concello no quiosco.
Están fóra de Lei
as estrelas, a Primavera,
as flores e os paxaros
Dáse este bando en tal e cual
para que se cumpra
de orde do Alcalde.
Firmado e rubricado

MANUEL MARÍA: Documentos persoais, 1958

7.

Chove en Santiago
meu doce amor.
Camelia branca do ar
brilla entebrecida ao sol.
Chove en Santiago
na noite escura.
Herbas de prata e de soño
cobren a baleira lúa.
Olla a choiva pola rúa,
laio de pedra e cristal.
Olla o vento esvaído
sombra e cinza do teu mar.
Sombra e cinza do teu mar
Santiago, lonxe do sol.
Auga da mañá anterga
trema no meu corazón.

FEDERICO GARCÍA LORCA: Seis poemas galegos, 1935

                    Resultado de imaxes para letras goticas medievales

mércores, 11 de novembro de 2015

Tipografías animadas. Curso 2015-16
















Esta é só unha pequena achega dos primeiros proxectos gráficos que realizaremos este novo curso 2015-16. Os alfabetos están rematados pero este ano iremos moito máis alá. Empezamos a facer manuscritos ao estilo dos vellos códices medievais. Os primeiros resultados son magníficos e  deixamos polo de agora unha mostra da altura que estamos collendo en tipografía:




non é vertixinoso?