venres, 29 de abril de 2011

Rapsusklei -Dando e perdendo (con letra) -Pandemia 2010




Na entrada inmediatamente anterior alguén, Suso, suxeriu esta peza de rap. Fun por ela e encantoume o estilo . Cando se poida faremos unha verisón galaica da letra intentando aproveitar todos os recursos sonoros, que son moitos. Magnífica proposta, Suso!

martes, 12 de abril de 2011

A FEA E O GUAPO



Bela é unha moza feíña que vive encerrada no faiado da casa, alí o seu pai inventa artiluxios para que ela sexa un chisco máis guapa. Un día, o seu pai vai a unha feira de inventores. A porta do faiado queda aberta e ela foxe. Chega a un castelo, alí vive un home perfecto e moi guapo que toda rapaza desexaría namorar, un home inacadable, chámase Besta. Ela entra no castelo e dá con el e dende o primeiro momento queda prendada. Proponlle facérense noivos. El dille que nanai. Ela empeza a perseguilo por todas as dependencias do castelo. Pero os obxectos, que están vivos e teñen personalidade propia, planean unha rebelión contra ela para axudar ao señor do castelo e acaban botándoa de alí........pero, misteriosamente, a medida que ela se vai alonxando vai virando cada vez máis fermosa e el máis e máis feíño. Entón el empeza a perseguila para tentar recuperala ( non sabemos se o que quería recuperar era a ela ou a beleza perdida, ou máis ben roubada). Bela consegue, belísima, chegar a casa montada nun brioso cabalo. O guapo bestial que virou feíño  ficou encastelado pensando en quitarse a vida ante a imposibilidade de dar con Bela e a súa beleza perdida.

luns, 11 de abril de 2011

CARAPUCHIÑA VERMELLA REMASTERIZADA

Era unha vez unha nena que tiña unhas cualidades un tanto estrañas, podía adiviñar o futuro.
Un día ventou que a nai a ía mandar en cas da avoa levarlle uns confeites e que mentres ela camiñaba cara alá un lobo se lle adiantaría e comería a súa avoa, poría a súa roupa e meteríase na cama a agardar por ela e logo tentaría comela a ela tamén.

Entón empezou a planear unha estratexia. Levou unha boneca tamaño humano  a casa da avoa para substituíla. Despois deu co lobo, que estaba durmindo, e inoculoulle unha especie de anestesia, abriulle a barriga e colocoulle ben colocadiña unha cremalleira de maneira que se puidese abrir por dentro.

Chegou o día esperado de cumprir co mandado que lle encomendara a súa nai. Camiñando, camiñando, bateu co lobo, que levaba unha expresión moi rara na cara porque, ao parecer, algo tirante no bandullo lle estaba tirando. El, ignorante da operación á que fora sometido, levou a Carapuchiña polo camiño máis longo, ignorando cal era o contido da cesta ( alí estaba ben envolveita unha bomba destinada a reencher a barriga do lobo cando fose necesario e tamén uns confeites recheos de pementa). Na casa da avoa, invitouno a comer mentres el pensaba o inxenua que ela era. Despois dos confeites comeuna todiña, bomba incluída ben agochada entre a roupa. Cando a nena xa estaba no estómago do animal, activou a bomba e saiu de alí abrindo a cremalleira. O lobo, tumbado na cama, coidaba morrer de ardor de estómago por culpa dos confeites-bomba-pementa e...bum! estoupou!.

Carapuchiña observaba morta de risa dende a ventá da cociña toda a escena. Aquela noite preparou unha barbacoa coa carne do lobo, non lle fixo falta máis que botarlle un pouco de sal, porque pementa xa tiña.

Aclaración: o lobo que morreu neste conto é un lobo literario remasterizado.

Contiño ideado por..................CHUS

xoves, 7 de abril de 2011

NEGRASOMBRA

Negrasombra é unha muller desas cun carácter un pouco psicótico.

Unha vez deulle por ir polo país adiante visitando circos nos que secuestraba persoas que pola súa anormal estatura eran exhibidas ao público. Unha vez capturadas, usábaas de empregadas de fogar e cando se fartaba disecábaas para exportalas aos EEUU onde eran usadas como gnomos de xardín ( case sempre de herba artificial).

Un día, despois de raptar o seu sétimo anano, a Negrasombra veulle a fame e decidiu ir a un Kebab saciar o seu apetito. Comeu con tanta ansia que un anaco de cordeiro lle quedou entalado na gorxa e, faltándolle o aire, caeu ao chan sen sentido.
O dono do establecemento pensaba que a muller morrera mais, de súpeto, ela abriu os ollos, levantouse e comezou a bailar ao son da música que saía pola radio, o último da súa banda favorita: Blue Prince.

Negrasombra comprendeu, abraiada, que fora esa canción a que a devolvera á vida. E valorouna por primeira vez na súa vida. Decidiu no instantiño non volver raptar máis ananiños. Curou da súa psicopatía para se converter nunha desas adolescentes que pasan a chorar de emoción todo o día, esquecendo todo o demais.

Narración aportada por.......................LÚAR

CON ANACOS DO MEU INTERIOR / Manoel Antonio


CON ANACOS DO MEU INTERIOR

Con anacos do meu interior
fago xogos de mans
Sollar do sol encol
dos agros e o silenzo que alborexa
Con ancos de min
Xogador.
Un subtil son de lonxe
fío claro
A tristura dos eixos abate nos pinos
Na corredoira da fonte van pasos
Un paxaro que pasa cortando a fiestra
Con anacos de min
Non reparo.
Con anacos do meu interior
malabarescamente
enrabesadamente
auto-rompecabezador

Manoel Antonio: Con anacos do meu interior, publicado postumamente.



COMENTARIOS

Neste poema publicado póstumamente polo vangardista Manoel Antonio o autor fala nun eu lírico que carece de receptor, facéndoo semellar un monólogo, pois o poeta parece falar consigo mesmo.


O poema comeza: "con anacos do meu interior", este primeiro verso anticípanos o tema que o autor vai tratar: o seu mundo interior. Para isto, Manoel Antonio non se apoia en elementos internos do seu ser, se non que nos oferta unha serie de imaxes e sóns do mundo exterior para deixar claro, que o que el é, o conforma en gran parte, o mundo no que vive, como tamén el é quen en gran parte modela o mundo exterior.

Así o autor dinos: "Sollar do sol encol, dos agros e o silenzo que alborexa" (referíndose o sol que quenta os campos recén saído) e segue percorrendo pedazos da súa vida con versos coma: "Un subtil son de lonxe" "fío claro" "A tristura dos eixos abate nos pinos" (Estes versos lembran o són do típico carro labrego que caracteria tanto o agro galego) "Na corredoira da fonte van pasos" (Aquí observamos, ou mais ben, escoitamos, a típica escena da xente dirixíndose cara a fonte tan necesaria para vivir nesa época) "Un paxaro que pasa cortando a fiestra" (Aquí faise unha referencia a un paxaro que pasa voando pero o que se nos oferta é unha impresión visual insólita e xoga coa imaxe do paxaro dicindo que está a cortar a fiestra cando en realidade non é así)

O autor, finalmente remata o poema describindo o modo en que ve a vida e plásmaa nas súas obras, para esto utiliza tres palabras (malabarescamente, enrabesadamente e auto-rompecabezador) das cales só unha é aceptada polo dicionario (enrabesadamente), sendo as dúas restantes colleita propia do autor. Neste poema podemos ver dúas grandes características da lírica vangardista, xa que  está carente de rima tradicional e en canto á métrica este é polisimétrico. Ou sexa, verso libre. Manoel Antonio recorre ós paralelismos e as anáforas (Versos 1 e 14 e 5 e 12) e utiliza sinestesias dotando de sensacións a cousas que realmente non as teñen.
Comentario aportado por......................LÚAR

mércores, 6 de abril de 2011

H & G A RESISTENCIA

Houbo unha vez no futuro unha cidade sostible na que os cidadáns debían seguir unha dieta programada polo goberno: o plan BRUXA ( Bloque Rector Unilateral Xeral da Administración) pensada para converter os cadáveres en combustible.

Pero dous xoves irmáns, H e G, operaban na resistencia, que se adicaba a infiltrar miguiñas de pan ( que, como todo o mundo sabe, fan que o corpo non prenda ben) nos bancos de alimentos coa esperanza de que se lles acabase o combustible e o sistema quebrase.

Pero a policía secreta do BRUXA capturounos e ameazou con matalos. Mais antes alimentáronos ben xa que os tempos non estaban para desperdiciar dous bos corpos. Eles, ao principio, negábanse a comer, pero á final a fame puido máis ca eles e comeron.

Cando xa todo parecía perdido e coidaban que ían morrer, os camaradas da resistencia invadiron o centro de operacións do BRUXA e derrocaron o goberno.

Finalmente, todo o mundo tiña  liberdade para levar a dieta que quixese e foron quen de substituír o combustible humano por outro totalmente novo: as miguiñas de pan.


Remasterización de Hansel e Gretel feita por....................................Uaniich

TRÍPTICO ELEMENTAL DE ESPAÑA. VAL DEL OMAR

Granada, Castilla e Galiza compoñen a Tríptico elemental de España de José Val del Omar . Auga, lume e terra, dende o mundo árabe ata o mundo celta.

Granada: Aguaespejo granadinohttp://v.youku.com/v_show/id_XMjE1NTgxNDY4.html (1952-1955)

Castilla: Fuego en Castilla : http://dai.ly/fDeijS (1957-1960)

Galiza:
Acariño Galaico: http://carallocorou.blogspot.com/2011/03/galiza-nas-vangardas.html (proxecto rodado en 1961, retomado en 1981-82, rematado postumamente en 1995)

fotograma de Acariño galaico


RESPOSTAS

1

Galiza, país de mar e morte
país de fuxidos procurando sorte.
Construída pola igrexa
e acalada por ela
as campás pairan sobre as voces.

Relevo de barro
`modelado polo home cal deus
erosiona co tempo, pero segue.

Péchanse as tumbas
e os fogos da festa
alumean as caras das testemuñas.

A escuridade tapa a beleza,
as serpes devoran a súa presa.
UANIICH


2

Penumbra e soidade
 tranquilidade

Aferrados a un deus
a pobreza

Costume galego
emigración

Hai unha alma con vida
unha alma sen corpo
barro

A desolación e a soidade
comparten
un atardecer
inquedante

Moita serenidade
a fin dos camiños
sen fin
berros no silencio
pingas de saudade

Un costume galego
emigración
campesiñado
barro
morte ( disparos)
EFFO


3

Prisión
Explosións
Gaiteiros
Catedral
Natureza
Burbullas
Eternidade
Cultura
Lixo
Fogo /  lume
Apóstol
Santuario
Cemiterio
Tristura
Procesión
Peixe
Carne
Bautizo
Queimaduras

Fogos de artificio
Atardecer
Descoido / abandono
Poesía
Indignación
Golpe de estado
Guerra
ANAITA