martes, 26 de maio de 2015

A CÁNTIGA POPULAR: UAH! / POBO QUE CANTA NON MORRE



Uah! de Suso Vaamonde in youtube


 O vello mestre estalle aínda a aprender aos máis novos como se canta na nosa terra, a ritmo de bombo  e tambor, coas palmas das mans, con cunchas de vieiras, con botelliñas de anís, con paus e latas, con gaitas e pandeiretas e con todo aquilo que ben acompasado poida acompañar unha boa letra en molde popular.

Os de 1ºA xa gravaron algunhas copliñas ao ritmo do Uah!, faltounos un pouco de calma e toda a percusión, pero sempre hai quen cun chisco de vontade consegue resultados máis que aceptables. Admítense comentarios!




                             

AO INSTITUTO A ESTUDAR
E Á HORTA A TRABALLAR
COAS ROSAS E CON PABLO
MOI BEN O IMOS PASAR




SEICA O ANO QUE VÉN
RECORTAN NA EDUCACIÓN
PERO A LINGUA GALEGA
NON CHE ESTÁ PARA EXTINCIÓNS




Á MAÑÁ NO INSTITUTO
AS CLASES MOI DIVERTIDAS
LOGO MÁNDANNOS TAREFAS
E NA CASA ESTÁN PERDIDAS



venres, 15 de maio de 2015

PLANTAMOS UN MAIO







 

Si, si. Plantamos un maio  na porta de entrada do salón de actos do ROU pero a súa estabilidade empezou a perigar moi seriamente, así que decidimos replantealo no mesmísimo centro do escenario onde se celebrou o festival das letras galegas 2015. 

O festival durou máis da conta porque houbo unha auténtica eclosión de creatividade copleira e ninguén se achantou á hora de facer valer a súa capacidade repentista e regueifeira, motivo polo cal o  sistema operativo do equipo informático asignado para o evento seguramente determinou pola súa conta, e sen que ninguén lle mandadse, empezar a facer actualizacións sen control de todo o sistema operativo e aínda porriba  coa máxima pachorra habida e por haber na cibergalaxia hipotética. 

Ao noso maio, pobriño,  deulle tempo a fructificar unha chea de especies autóctonas e alóctonas: cabazas, cebolas, millo, flores de sabugueiro, pampillos, capuchinas naturalizadas, flores de xestas, moitos rebentos de fiuncho, unhas cantas cornas e unha coroa de rosas con todas as súas espiñas. Quedou tan exhausto que cando abandonamos o salón volveu curvarse elegantemente para agradecer a todo o mundo tanta paciencia e participación e desinteresada. 

Por segundo ano consecutivo, fixemos un maio e unha morea de coplas para celebrar que o noso idioma aínda está milagrosamente vivo pese a quen lle pese e a pesar das mil e unha circunstancias adversas.

Na foto inferior, reproducimos as coplas improvisadas en 1º da ESO, un pouco antes do festival. Grazas a tod@s!


Rosa Romero Web : Aquí toparedes máis fotos e vídeos



 Ai! Cuco ,cuquiño, que tanto dormiches!
Pasou o maio  e ti non o viches.
Ahí ven o maio pola Pescadería
Ahí ven o maio lucindo a sardiña.
¡Ai! maiño,maio,maiño florido!
Cóbrese a campiña de colorido.
¡Ay , maio florido!
 Xardiñas trouxeches  e a min non me deches.
 
Copla de maio popular de Muros

luns, 11 de maio de 2015

MÁIS PICTOGRAMAS RE-CREATIVOS

 unha abella comunicándose en círculos
 unha árbore camuflada
 un autobús que nos viña moi ben para coñecer a nosa terra de maneira práctica e autoxestionaria
 unha bóla española
 un cabaliño do demo sicodélico
 un can que deixa as pegadas do seu nome
 unha cara moi mona
 un grandísimo cero


 unhas follas de millo que se xuntan para facer escritura colectiva
 unha maceira para merendar comodamente
 unha mesiña reciclada que coxea dunha pata
 un móvil de última de- xeneración
 unha paisaxe animada
 uns ratos roedores que pararon un intre
 un tv ultraplano do grosor dun folio
 e....todo tipo de xoguetes ultradidácticos!





martes, 5 de maio de 2015

PICTOGRAMAS 2015






De novo sucedeu. Falando e falando de escritura e tipografía á hora de deseñar letreiros para os cultivos da horta, demos cos pictogramas chineses, que son a máxima expresión plástica da escritura humana. Pero tamén podemos xogar a ideografar coas nosas letras latinas e os resultados foron moi xeitosos. Por aquí hai tipografada unha caléndula, por alá un café por acolá unha chave perdida, un pirata, un peixe pirateado, un submariño amarelo, un ovo cósmico que contén todo o sol, unha nube e un feixe de chuvia, un reloxo marcando unha hora bendita e moitas outras propostas que non se presentsaron aínda como é debido, é dicir, rematadas. Os autores son de 1º A e aposto que nos outros primeiros non tardarán en agromar máis palabrogramas enteiros e completos. Parabéns ao alumnado máis novo por deslumbrarnos outra vez.