venres, 20 de decembro de 2013

Cesta de Nadal 2013








Nestes últimos días do 1º trimestre tivemos moita faena no Uruguai. Puxemos a punto os cestos e as cestas de papel reciclado. Enchémolos con doazóns de todo tipo. Montamos un cestón de comida non perecedeira para agasallar aos veciños máis necesitados. 





Tamén montamos unha cestiña de Nadal con contidos sorpresa: noces do país, dátiles de tamaño descomunal, cava catalán, crema de améndoas de Xinzo, pexegos pasos de Verín, turrón de chocolate sen patria...... e , entre as chuches, uns libriños preciosos que axenciaron os responsables da biblioteca exclusivamente para esta ocasión. 




Fixemos rifas a man para distribuír entre todos os membros da comunidade educativa. E saiu o nº 99. Velaquí tendes unha instantánea da portadora da papeleta gañadora, Ángeles, unha das secretarias. Os nosos parabéns á nosa compañeira das oficinas.





Como se pode ver nas fotos, o departamento de plástica reclutou para o alumnado unha morea de caixas para montar con elas unha pirámide-árbore de Nadal a lunares irregulares.







Arredor do encaixe arbóreo acabamos montando un mercadiño  con doazóns de roupa e todo tipo de obxectos de 2ª man para "vender" a prezo simbólico.




 E, como non, repetimos a experiencia do curso pasado de confeitaría caseira.












En fin, que no ROU este curso empezamos cun furacán de ideas que pouco a pouco van callando en magníficas realidades. Dende o tirarrollas queremos felicitar sinceramente a toda a comunidade educativa pola súa participación, protagonismo e colaboración creativa e desinteresada: parabéns ao alumnado, profesorado, conserxes, secretarias, asociación de nais-pais, persoal de limpeza e mantemento e equipo directivo.  Boas festas a tod@as.






domingo, 1 de decembro de 2013

SE PODES, DIMO CON UVE

O que vén a continuación son os primeiros exercicios que fixemos en 1º da eso co B e co V. Centramos a cuestión nas palabras que presentan diverxencia no seu uso en galego e castelán. Os resultados aquí os tendes.


Estevo foi ao pavillón  xogar un partido, cando marchaba para casa caeu un chuvasco e a súa nai foi recollelo. Cando entrou  esvarou e a súa nai dixolle que era un pouco parvo, ía sentar no sofá cando viu un vulto e como era tan covarde chamou o seu avó e saiu un escaravello. Logo foron á voda do seu avogado, que era moi esvelto e tiña unha gravata vermella. Na rúa viron un varredor vesgo coa vasoira,  logo nun documental viron un voitre pousado nun vimbio que tiña no peteiro un trevo que estaba cheo de verniz. Logo comeron unha verza e puxeron unha cazadora porque ía viruxe,  despois dei un golpe coa varanda e rompin a enxiva e puxen un caravel na cola do meu gato e púxenme a gravar.

por AIDEN 8898






Levanteime un día pola mañá un pouco vesgo, mireime no espello e tiña un vulto na fronte. Dirixíndome onda o avogado, caeu un chuvasco. Polo camiño, vin un varredor botándolle verniz á súa vasoira. Subín as escaleiras poñendo a miña man na varanda. O meu avogado parecía parvo coa súa gravata mal posta. Chamábase Estevo  e tiña un trevo enriba da mesa. Despois dirixínme cara a voda da miña prima. Pasei fronte o pavillón. Pasou diante miña un escaravello. Vin unha muller que esvarou e caeronlle as verzas. Deime conta de que ía viruxe e puxen a chaqueta. Na voda vin o meu avó. O noivo ía esvelta e levaba un caravel no smokin. A miña prima era unha covarde e non quería saír. O padriño levaba unha cesta de vimbio con plumas de voitre. A cadela dun home que tiña a enxiva inflamada comezou a ouvear, mentres o tío Manolo gravaba a voda.

por BÁNGALO







Estevo, o meu avó, que de neno era un pouco aventureiro e bastante covarde,contoume unha historia de cando el aínda era neno. Díxome:

Era un día anubrado, parecía que ía chover. Eu, famento, estaba comendo verzas. 5 minutos  despois, estaba gravando un video no pavillón do meu colexio. Cando saín fóra estaba chuvascando. Vin un escaravello e quixen gravalo, acerqueime, pero esvarei cunha pedra que facía vulto no chan,. ao meu lado había unha vasoita e un espello. Collín a vasoira e deille un golpe ao espello. Pois resulta,que a vasoira era dun varredor e o espello dun avogado que tiña un voitre de mascota. O varredor colleu a vasoira e  deume con ela na cabeza e esvaecín. Cando espertei, non estaban nin o varredor, nin o avogado co seu voitre. Xa era de noite e todos os lobos andaban a ouvear. Volvín para a casa e a miña muller díxome que tiña os ollos vesgos e que non podería ir á voda daquel home esvelto cun trevo na man que hoxe andaba de varanda aínda que ía viruxe.

por RUKIA SCARLET







Ao meu avó Estevo,  que é avogado, doíalle a enxiva. Cando ía  coller o coche para ir ó dentista observou un escaravello pousado nun caravel ó lado dun campo de trevos. Estivo tanto tempo no xardín que empezou un chuvasco e correu ó automóbil, pero o chan estaba mollado, esvarou e caeu nunha caixa de vimbio chea de verzas que era para o varredor que tiña unha vasoira pendente de vernizar no pavillón. De camiño ó dentista pasou polo zoo e quedou aparvado mirando os voitres e os lobos ouvear esveltos mentres uns nenos os gravaban detrás dunha varanda. Xa na casa, a miña avoa recibiuno contándolle a historia da voda do seu curmán vesgo mentres, fóra,  había viruxe.

por CROCRETRA




Hai 10 anos eu estaba sentada no xardín e vin un escaravello, púxenlle Estevo e era moi esvelto; fixeime que estaba comendo un trevo, de seguido leveino a xunto do meu avó, que era avogado porque non sabía que facer con el. Ao meu avó deulle medo, que covarde!. Deulle cunha vasoira tan forte que foi parar ao pavillón. Coa dor ouveou, saiulle un vulto que parecía a chistera dunha voda, eu fun correndo ao pavillón  buscalo,  esvarei e caín nun xardín de caraveis, de súpeto púxose a chuvascar e veu unha viruxe moi fría e berrei coma un voitre; con moito traballo recupereime da caída, acerqueime a un edificio de vimbio e vin unha muller que pintaba co verniz e saudaba ao seu marido, que era varredor do parque. A súa empresa chamábase "a vasoira",  dirixíaa un señor vesgo que comía moitas verzas. Eu miraba o panorama asombrado; despois de camiñar cheguei ao pavillón,  resultou que Estevo estaba casando cunha gravata eu o gravei todo cunha forte dor de enxivas.  
por ROKY 333






O sábado pola mañá estaba na oficina de avogados e empezou a caer un gran chuvasco e saiu pola porta o meu avó, que é moi covarde, cun caravel no peto.
Estivemos falando e dicía que lle doía a enxiva porque lle deu cunha verza o seu veciño vesgo que ía sempre mal vestido coa gravata mal posta, tiña moitos escaravellos na casa e intentábaos botar fóra coa vasoira pero el era medio parvo e pensou que comenzaron a ouvear.
O meu tío Estevo é moi esvelto e traballa nun pavillón e dedícase a gravar os diferentes deportes que se practican alí dentro. Contounos que un día estaba no pavillón e esvarou nun trevo mollado que entrou pola ventá coa viruxe porque non pasou o varredor pola mañá.
por LULÚ



 O voitre entrou no pavillón onde se celebraba a voda . Caeulle un bote de verniz e quedou parvo e vesgo. Tropezou coa varanda e caeu, saín onde o voitre e ía viruxe e empezou a chuvascar. O meu avó é avogado e coloca moi ben a gravata. Encontrei un trevo, deume boa sorte, case esvaro pola herba e o meu irmán esvelto ría de min . Fíxenme mal na enxiva cando comía verzas . Estevo regaloulle un caravel á súa noiva nunha cesta de vimbio onde había moitos vultos. O escaravello covarde asustou ao varredor e deulle coa vasoira e eu graveino. O meu can ouveaba pola noite.
 por PIRULETA DE CORES




 O outro día fun ao avogado e díxome que na voda de Estevo iría un vesgo con gravata.
E eu díxenlle que non sería tan parvo de meterme debaixo do chuvasco que ía caer coa viruxe que ía.
Tamén cando saín de alí,  brotoume un vulto no pescozo e esvarei porque o chan estaba recén fregado e caín pola varanda, e fíxenme dano na enxiva.
Ao día seguinte fun á voda que a ían facer nun pavillón, o malo é que estaba recén vernizado e esvaraba moito.
Estevo ía moi esvelto, cun cesto de vimbio de flores, e o pavillón estaba decorado con moitos caraveis.
No chan encontrei un trevo,  púxeno na gravata, e de súpeto saíu un voitre do cristal e arrebatoulle a vasoira ao varredor, tirou ao avó, comeu un escaravello,comeu as verzas, ouveou e saíu polo cristal de novo e amolouse a voda.
 por PRUSTIC 720


  O escaravello covarde caeu na enxiva de Estevo mentres o varredor coa súa vasoira limpaba o pavillón.
O parvo esvaraba encima do trevo cando o avó gravaba o vulto da gravata na voda do avogado mentres o esvelto vesgo se tiraba pola varanda cando o voitre levaba o caravel.
O bote de verniz roloume das mans cando caía un chuvasco e ía viruxe e estaba acabando de comer as verzas situadas no prato de vimbio.
O can ouveaba porque si.
 por DTom94


 Hai moito tempo ao meu avó Estevo. que era un bo avogado, alto e esvelto, gustáballe vestir sempre con gravata.
Un día tocoulle defender un varredor, covarde e parvo que estaba a  recoller o lixo. De repente bateu cun vulto cheo de escaravellos manchados de verníz. Aquel día de chuvasco e viruxe o home gabeou o pavillón onde encontrou un home vesgo agarrado a unha varanda, aos seus pés tiña trevos, vimbios, verzas e voitres. O home ,mentres, gravaba coa súa mirada os voitres. A enxiva mirábaselle porque se lle estaba a inchar. Mentres, pareceulle escoitar ouvear as aves por enriba dunha voda da cal a noiva levaba un ramo de caraveis.
 por TRICA




Os textos e as ilustracións alfabéticas son da autoría dos máis novos. Hai máis, non están todas as que son. Xa veremos a posibilidade de videalizalas. Para tipografiar o alfabeto seguimos o símbolo de Sarmiento que consiste nun circo atravesado de arriba a baixo por unha recta. Non só saíron todas as letras do alfabeto, senón que cada quen puido imprimir nelas a súa pegada persoal.  E para pechar esta entrada deixamos unha instantánea moi simpática de 1º A












                                     

venres, 4 de outubro de 2013

Emocionante animación gráfica








Os máis pequenos do ROU conseguiron montar estas animacións o curso pasado en sexto de primaria no colexio. Ficamos asombrados da súa iniciativa e tenacidade. Cada un dos traballos necesitou máis de 600 fotogramas para conseguir o resultado final. Quere isto dicir que para eles non é ningunha novidade contar cousas coas letras bailando por aquí e por alá. E ademáis a prenderon "en vivo" a dinámica da montaxe  nas orixes do cinema. Parabéns a todos os que vos implicastes na realización destes preciosos traballos. Seguiremos investigando nas vosas asombrosas habilidades.




xoves, 3 de outubro de 2013

BENVIDA TIPOGRÁFICA




Damos a benvida unha vez máis  a todo o novo alumnado do ROU e desexamos felices reencontros a todas as alumnas e alumnos que xa estivestes connosco o pasado curso.

O título desta primeira entrada no Tirarrollas 2013-14 non é unha metáfora, é literal. Estamos en  todos os grupos de 1º da ESO tipografiando o alfabeto de maneira  lúdica para empezar a extraer cada un de nós deseños personalizados do noso nome. Con eles faremos moldes que posibiliten un perfecto estampado en camisolas. Daremos así continuidade aos nosos achados a propósito dos motivos dos petróglifos que traballamos o curso pasado.

Este ano académico que empeza vén  cheo de propostas innovadoras que nos adentrarán en novos territorios aínda por descubrir: obradoiro de pasta de papel, obradoiro de teatro, obradoiro tipográfico e unha chea de ideas que nos andan rondando e que poouco a pouco irán tomando corpo a medida que lle vaiamos metendo man. Así que......mans á obra!





Tipografía animada para os máis novos




mércores, 26 de xuño de 2013

Proxecto petroglifos / 3ª fase: as nosas camisolas


A cousa empezou cun precioso documental sobre os que nos precederon na máis remota antigüidade. E xa estaban alí gravando pedras sen máis instrumento que un seixo afiado e unha pedra a modo de maza ou martelo. Agromaron moitas ideas, moitas preguntas, moitas ficcións e callaron nun cardume de pequenos relatos fantásticos, porque con eles puidemos practicar o verbo en presente, en pasado e en futuro. É máis, houbo quen se permitiu traballar o tempo en espiral, xogando con labirintos de ida e volta, na máis pura liña dos narradores experimentais. Despois necesitamos saber máis cousas sobre os celtas, os preceltas e o noso mundo antigo, necesitamos coñecer o mapa mundi dos gravados en pedra, o significado deses misteriosos deseños; eran pinturas rituais?, eran, son calendarios lunares?, marcan os petroglifos lugares sagrados?, por que hai labirintos, espirais e circos concéntricos en todo o planeta? Tivemos que parar de preguntarnos e ir velos, si, ir á capital dos petroglifos galaicos e  unha das maiores concentracións  de toda Europa, están aquí, moi perto, nos cumes de Pontevedra. E alá fomos. A verdade é que non puidemos ver todos os que quixemos, pero o cervo do carballo deixounos a todas e todos moi impresionados: toda unha laxa cuberta de deseños superpostos e retocados en varias épocas ao pé dun carballo vello que vai ti saber o tempo que ten. Con todas estas experiencias paleo e neolíticas empezaron a saír debuxos, preciosos, para estampar sobre as camisolas xa usadas que temos no fondo do armario. Algunhas, con deseño comercial, serviron de base para proxectar petroglifos futuristas; outras, sen debuxo ningún, quedaron coma novas co estampado. Ademais, case sen nolo propoñer, descubrimos as técnicas do estampado artesanal en tea: cera, lixivia, rotulador, pintura específica. Aprendemos a facer moldes, colaxes e un longo etcétera de novas habilidades. Pero o mellor de todo vai ser o curso que vén. Non só lle daremos continuidade ao obradoiro de camisolas, imos empezar a investigar niso que chaman xogos celtas, algúns moi semellantes aos xogos de damas e xadrez árabes, pero con pedriñas de diferentes tamaños e cores; este ano xa fixemos unha práctica preliminar cos pelouros, e aínda quedan por descubrir puzles intelixentes e xogos de estratexia. A ver, a ver.

mércores, 12 de xuño de 2013

Vella cartografía de Galicia


1º mapa de Galicia




Os mapas de Galicia ao longo da historia revelan información interesantísima sobre as transformacións do noso territorio, longamente labrado polo mar: por exemplo o Grove antes era unha illa; ou pola acción humana, como en Vigo, onde se extendía un fermoso areal dende a Guía ata Bouzas. E isto sabémolo  grazas á prodixiosa mente dos cartógrafos que nos proporcionan vistas aéreas  sen teren nin idea do que era unha cámara fotográfica nin ter subido nunca a un avión. Eles deberon ser os primeiros en plasmar con pinturas os seus voos cartográficos, dos cales deixamos unha ligazón para que vexades con detalle como tiveron que enxeñarse para retratar a complicada xeografía das rías:                  http://www.culturagalega.org/imaxes/docs/teixeira.pdf









luns, 13 de maio de 2013

O documento e O Suso



O documento (1974, de Enrique Rodríguez Baixeras) from Terra e Tempo Tv on Vimeo.

Produción audiovisual baseada nunha historia tamén recollida por Anxel Fole nos seus contos da montaña.







Produción audiovisual baseada nun par de  contos de Ferrín





venres, 3 de maio de 2013

100 por 100 Celso Emilio Ferreiro


                                   




HOMENAXE a Celso Emilio en Vigo





mércores, 1 de maio de 2013

Os petróglifos de Campo Lameiro





A música é de Alan Stivell, canta en bretón o tema An ani a garan



Quedamos con fame. Non porque nos dese a gana de comer polo camiño, nin porque fixesemos unha gran camiñada por ver os petróglifos; quedamos con fame porque non nos chegou a nada. Temos que volver e volver con tempo para percorrer con calma todo o parque, pasar alí o día e apuntar nun caderniño os enigmáticos debuxos dos nosos antergos, deixar que nos conten cousas mentres vemos, adiviñamos o percorrido labiríntico das espirais, dos circos concéntricos, das formas humanas apenas perceptibles, dos cervos......

Traballo pendente: tirar un diseño sinxelo para estampar artesanalmente en camisetas. E confeccionar con pasta de papel e pelouros un xoguiño celta.






sábado, 27 de abril de 2013

PALÍNDROMOS A BORDO



CAPTURAS PALINDROMÍNICAS DE 1º A

o colo coloco

a laca acala

non o coloco non

el le

ela le

o coco

a caca

amor a Roma / Roma é amor

alaba a bala

oír o río

a rata atara

e se é ese?

a vaca cava

a baca acaba


CAPTURAS PALÍNDROMÍNICAS DE 1º B

acurruca ( en castelán)

recocer

a nana anana

así rara risa

asila alisa / asilo aliso

o sal laso

a sala lasa






sábado, 13 de abril de 2013

PALABROGRAMAS, A PICTOGRAFÍA DA PALABRA ESCRITA



Estes días descubrimos o gran potencial plástico das palabras escritas. Entón,  comprendemos a forza do pictograma oriental. Todo un mundo por descubrir nas linguas alfabetizadas de Occidente. Velaquí algúns dos nosos achados:














Se fas clic na foto poderás vela máis grande





xoves, 11 de abril de 2013

martes, 19 de marzo de 2013

Están tolos estes romanos!





A ROMANIZACIÓN


Un Celta, despois de viaxar no tempo cara o futuro e de ser sometido a unha longuísima entrevista por un xornalista sabeotodo, volve cara a súa época, hai miles de anos, grazas a un feitizo que lle fixera o druída do poboado. Ao chegar encontrouse co seu mellor amigo que lle preguntou que tal fora a súa viaxe no futuro da nosa terra:

- Que tal o pasaches na túa viaxe?

- Non moi ben. Vin todo o que mellorara o mundo, as novas culturas, todo era moi bonito. Pero... non entendín nada do que me dixeron.

- Podesme contar a túa viaxe. Quero saber como foi!

- Está ben... Como xa sabes pedin un conxuro que me permitise viaxar no tempo.

- Si, iso xa o sei, pero que máis pasou?.

- Primeiro viaxei pola época castrexa (a nosa época) dende que comezou ata que finalizou.

- Finalizou? Poderíasme dicir como finalizou?

- Pois claro. Chegaron unhas persoas moi raras que falaban outro idioma e que se facían chamar romanos. Levoulles máis de cen anos conquistarnos.

- (O amigo do Celta queda en silencio cos ollos abertos de par en par).

- Na miña viaxe tamén descubrín que a Terra é redonda e a xente navegou ata o noso paraíso, onde atoparon outra masa de terra flotante á que chamaron América.

- De verdade?

- Sí. Pero o máis sorprendente de todo foi cando cheguei ao século XXI , un entrevistador preguntoume cousas que non entendín nun idioma parecido ao que falaban eses “romanos”.

- E como che foi, amigo?

- Aburrínme esa hora e media máis que en toda a miña vida.

- E que fixeches?

- Asentir, asentín todo o tempo. Ben, non todo; unha vez rematou de falar,  mirou para min como dicindo: “responde, responde, que espero una resposta” entón comecei a falar, pero enseguida me cortou. Penso que quería que parase de falar. A xente é moi rara.

- E, sen contar iso, asentiches todo o tempo?

- Poderíase dicir que si. Ás veces ríame de min mesmo por asentir se non entendía o que dicía. Unha vez deume un arrepío, tremín e, él, quedou mirando para min. E unha vez farteime de tanto asentir e neguei. Asentín sobre unhas 44 veces. Pero, eso si, cando o entrevistador non miraba, eu boquexaba. Cando rematou, levanteime e botei a correr, non quería saber nada máis.

- (O amigo celta asentiu)

- E sabes cara onde vai ser a miña próxima “viaxe no tempo”?

- Cara onde vas ir ti esta vez?

- Cara o pasado, que seguro que é máis divertido. Queres vir?

- Si, si por favor.

- Pois mañá iremos ver o druída.

- Porque, hoxe que vas facer?

- Vou durmir, que estou esgotado.


Idea narrativa de  NSB




fotograma do documental A terra sen humanos





venres, 8 de marzo de 2013

FUTURIZANDO



Un neno celta xogando ás agachadas entre a vexetación esvarou e caeu nun foxo, bateu cunha rocha na cabeza e quedou inconsciente sumido nunha especie de ensoñación:

Onde estaría? Que me pasaría?

Non entenderei nada.

Andarei perdido por entre os canellóns que hai entre as pallozas rectangulares de moitísimos pisos que semellan menhires de cemento e vidro.

Premerei un botón e unha voz amiga sairá por un aparello mecánico dicíndome "agora vou".

Iremos xogar un anaquiño polo monte da Madroa e alí verei estraños animais traídos de moi lonxe, encerrados en gaiolas.

De noite irei sen sabelo onda a miña nai, e unha muller que non coñezo darame de cea catro paus fumegantes  e unha cunca de leite desaborido que sairá dunha caixiña.

Irei durmir nunha caixa chea de mobles e roupa.

Volverei quedar co meu amigo do gran menhir. Xogaremos á bola feita dun estraño material colorido e eu lembrarei as nosas pelotas de vincha de porco.

Un día, habituado á rutina e coa garda baixa, levarame por diante un touro mecánico con cousas redondas en vez de patas; abrirei os ollos e estarei metido nun foxo, no medio do monte, rodeado de pequenos salvaxes que me preguntan se estou ben.


Idea narrativa de TIPEX











domingo, 3 de marzo de 2013

REGRESO AO FUTURO



Hola, Isma:

O outro día non sei que che pasou, estabas na túa casa e viches unha máquina xigante, metícheste nela, premiches un botón e apareciches na prehistoria  falando cun dos teus antergos, en galego primitivo.

 Preguntouche se o entendías e ti dixécheslle que perfectamente, que eras de aquí mesmo. Fixéstesvos colegas enseguida e empezouche a contar o que facían día a día para non morrer de fame nin de noxo

. Vivían onde cadraba, mellor perto do mar. Adicábanse á pesca de xurelos, xoubas, ollomoles, pescadas, robalizas, polbos, e as mulleres apañaban todo tipo de mariscos e moluscos. Tamén cazaban. Pero o mellor para os nenos era ir á froita: mazás, peras, mouriños, moras, cereixas bravas. Ao teu amigo cavernícola non lle gustaban nada  os mexillóns, os centolos, as nécoras, os camaróns, nin sequera as lapas nin os caramuxos. Todo o contrario que a nós agora. Os máis fortes de cada clan sabían como facer monumentos con grandes pedras, eles chamábanlle menhires e onde se xuntaba varias destas pedrafitas era un lugar especiail de reunión: chamábanlle a praza Megaelíptica.

Despois de falar e falar, chegou o momento de despedirse, os dous tiñades que regresar onda as vosas familias. Volviches premer un botón e...pum! estou estou estou na casa? Ou nooon, esta vez caíches no Neolítico, cando xa se descubrira a agricultura.

Viches un neno moi parecido a ti que se chamaba Breogán. Díxoche que vivía alí nun castro moi perto de onde estabades. Fostes alí e ensinouche as pallozas feitas de cachotes co tellado de colmo. Propuxécheslle xogar ao xadrez, pero non tiña, nin sabía o que era. Claro! aínda non viñeran os árabes. Entón el propuxo xogar aos pelouros. Había que empezar por atopar unha manchada de pedriñas redondiñas e moi pulidas, despois colocábanse na conca dunha man e tirábanse ao ar, quedabas coas que conseguías capturar coa parte de arriba da man; despois collías un pelouro e tirábalo ao ar, mentres subía e baixaba a ti dábache tempo apañar do chan como mínimo unha, así ata que tiñas todas; se non eras capaz de capturar ningunha, perdías a vez e tocáballe a outro. Fostes á procura de pelouros entre os carrascos, os toxos e as xestas, mentres nun pequeno obradoiro se preparaban os lingotes de estano para intercambiar co mercader fenicio que viña sempre co bo tempo.

De súpeto soou a corna fúnebre. O tío de Breogán, que era guerreiro, morrera esmagado por unha gran laxa na construción da sauna. O druída mandou preparar a incineración e a Breogán tocaríalle herdar todos os seus obxectos de valor.

Marabillado, volviches para a túa casa na nosa época e agora estás aí, lembrándoo todo para escribirme unha carta en que me contarás como coñeciches aos teus antergos.

Saúdos.





idea narrativa aportada por: ROCAPIB



luns, 25 de febreiro de 2013

O legado Celta no noroeste peninsular ibérico








Estamos os de 1º da ESO elaborando uns menús neolíticos e para abrir boca mergullámonos de cheo na forma de vida das primitivas tribos galaicas. Deberon alimentarse os nosos ancestros do mellor: marisco, peixe, moluscos, bivalvos, polbo, xoubas, sardiñas, xurelos, pescada, linguado, vieiras, coruxo, areeiro, chocos, luras, camaróns, percebes, mazás bravas, moras, mouriños, peras do monte, raíces xa para nós descoñecidas, trigo e centeo salvaxe, bagas da roseira brava e un sen fin do que aínda quedan vestixios nas zonas menos deturpadas do país. Bo apetito!

luns, 4 de febreiro de 2013

Mil grúas no Uruguai






Unha preciosa nube de grúas multicolores pousou en formación na entrada do instituto.Viñeron lembrarnos as víctimas de Hiroshima e Nagasaki, todas e cada unha das víctimas de todas as guerras. Nós tamén quixemos que en cada unha delas se vise reflectido un desexo unánime: que non se volvan repetir os erros do pasado, erros macabros que nunca poderemos entender.
Todo o alumnado e profesorado colaboramos para organizar este evento, usáronse follas de xornais, revistas,  libreta, folios, papel de cores. Facían falta mil pero en pouco tempo fomos quen de pregar e botar a voar case o dobre. Queremos felicitarvos a todas e todos pola vosa colaboración, facendo e ensinando a outros a facer estes pequenos grandes traballos de papiroflexia.
Este é o vídeo que vimos no salón de actos, xunto coas fotografías de diferentes momentos da elaboración do proxecto.
Deixamos máis fotos.