martes, 19 de marzo de 2013

Están tolos estes romanos!





A ROMANIZACIÓN


Un Celta, despois de viaxar no tempo cara o futuro e de ser sometido a unha longuísima entrevista por un xornalista sabeotodo, volve cara a súa época, hai miles de anos, grazas a un feitizo que lle fixera o druída do poboado. Ao chegar encontrouse co seu mellor amigo que lle preguntou que tal fora a súa viaxe no futuro da nosa terra:

- Que tal o pasaches na túa viaxe?

- Non moi ben. Vin todo o que mellorara o mundo, as novas culturas, todo era moi bonito. Pero... non entendín nada do que me dixeron.

- Podesme contar a túa viaxe. Quero saber como foi!

- Está ben... Como xa sabes pedin un conxuro que me permitise viaxar no tempo.

- Si, iso xa o sei, pero que máis pasou?.

- Primeiro viaxei pola época castrexa (a nosa época) dende que comezou ata que finalizou.

- Finalizou? Poderíasme dicir como finalizou?

- Pois claro. Chegaron unhas persoas moi raras que falaban outro idioma e que se facían chamar romanos. Levoulles máis de cen anos conquistarnos.

- (O amigo do Celta queda en silencio cos ollos abertos de par en par).

- Na miña viaxe tamén descubrín que a Terra é redonda e a xente navegou ata o noso paraíso, onde atoparon outra masa de terra flotante á que chamaron América.

- De verdade?

- Sí. Pero o máis sorprendente de todo foi cando cheguei ao século XXI , un entrevistador preguntoume cousas que non entendín nun idioma parecido ao que falaban eses “romanos”.

- E como che foi, amigo?

- Aburrínme esa hora e media máis que en toda a miña vida.

- E que fixeches?

- Asentir, asentín todo o tempo. Ben, non todo; unha vez rematou de falar,  mirou para min como dicindo: “responde, responde, que espero una resposta” entón comecei a falar, pero enseguida me cortou. Penso que quería que parase de falar. A xente é moi rara.

- E, sen contar iso, asentiches todo o tempo?

- Poderíase dicir que si. Ás veces ríame de min mesmo por asentir se non entendía o que dicía. Unha vez deume un arrepío, tremín e, él, quedou mirando para min. E unha vez farteime de tanto asentir e neguei. Asentín sobre unhas 44 veces. Pero, eso si, cando o entrevistador non miraba, eu boquexaba. Cando rematou, levanteime e botei a correr, non quería saber nada máis.

- (O amigo celta asentiu)

- E sabes cara onde vai ser a miña próxima “viaxe no tempo”?

- Cara onde vas ir ti esta vez?

- Cara o pasado, que seguro que é máis divertido. Queres vir?

- Si, si por favor.

- Pois mañá iremos ver o druída.

- Porque, hoxe que vas facer?

- Vou durmir, que estou esgotado.


Idea narrativa de  NSB




fotograma do documental A terra sen humanos





venres, 8 de marzo de 2013

FUTURIZANDO



Un neno celta xogando ás agachadas entre a vexetación esvarou e caeu nun foxo, bateu cunha rocha na cabeza e quedou inconsciente sumido nunha especie de ensoñación:

Onde estaría? Que me pasaría?

Non entenderei nada.

Andarei perdido por entre os canellóns que hai entre as pallozas rectangulares de moitísimos pisos que semellan menhires de cemento e vidro.

Premerei un botón e unha voz amiga sairá por un aparello mecánico dicíndome "agora vou".

Iremos xogar un anaquiño polo monte da Madroa e alí verei estraños animais traídos de moi lonxe, encerrados en gaiolas.

De noite irei sen sabelo onda a miña nai, e unha muller que non coñezo darame de cea catro paus fumegantes  e unha cunca de leite desaborido que sairá dunha caixiña.

Irei durmir nunha caixa chea de mobles e roupa.

Volverei quedar co meu amigo do gran menhir. Xogaremos á bola feita dun estraño material colorido e eu lembrarei as nosas pelotas de vincha de porco.

Un día, habituado á rutina e coa garda baixa, levarame por diante un touro mecánico con cousas redondas en vez de patas; abrirei os ollos e estarei metido nun foxo, no medio do monte, rodeado de pequenos salvaxes que me preguntan se estou ben.


Idea narrativa de TIPEX











domingo, 3 de marzo de 2013

REGRESO AO FUTURO



Hola, Isma:

O outro día non sei que che pasou, estabas na túa casa e viches unha máquina xigante, metícheste nela, premiches un botón e apareciches na prehistoria  falando cun dos teus antergos, en galego primitivo.

 Preguntouche se o entendías e ti dixécheslle que perfectamente, que eras de aquí mesmo. Fixéstesvos colegas enseguida e empezouche a contar o que facían día a día para non morrer de fame nin de noxo

. Vivían onde cadraba, mellor perto do mar. Adicábanse á pesca de xurelos, xoubas, ollomoles, pescadas, robalizas, polbos, e as mulleres apañaban todo tipo de mariscos e moluscos. Tamén cazaban. Pero o mellor para os nenos era ir á froita: mazás, peras, mouriños, moras, cereixas bravas. Ao teu amigo cavernícola non lle gustaban nada  os mexillóns, os centolos, as nécoras, os camaróns, nin sequera as lapas nin os caramuxos. Todo o contrario que a nós agora. Os máis fortes de cada clan sabían como facer monumentos con grandes pedras, eles chamábanlle menhires e onde se xuntaba varias destas pedrafitas era un lugar especiail de reunión: chamábanlle a praza Megaelíptica.

Despois de falar e falar, chegou o momento de despedirse, os dous tiñades que regresar onda as vosas familias. Volviches premer un botón e...pum! estou estou estou na casa? Ou nooon, esta vez caíches no Neolítico, cando xa se descubrira a agricultura.

Viches un neno moi parecido a ti que se chamaba Breogán. Díxoche que vivía alí nun castro moi perto de onde estabades. Fostes alí e ensinouche as pallozas feitas de cachotes co tellado de colmo. Propuxécheslle xogar ao xadrez, pero non tiña, nin sabía o que era. Claro! aínda non viñeran os árabes. Entón el propuxo xogar aos pelouros. Había que empezar por atopar unha manchada de pedriñas redondiñas e moi pulidas, despois colocábanse na conca dunha man e tirábanse ao ar, quedabas coas que conseguías capturar coa parte de arriba da man; despois collías un pelouro e tirábalo ao ar, mentres subía e baixaba a ti dábache tempo apañar do chan como mínimo unha, así ata que tiñas todas; se non eras capaz de capturar ningunha, perdías a vez e tocáballe a outro. Fostes á procura de pelouros entre os carrascos, os toxos e as xestas, mentres nun pequeno obradoiro se preparaban os lingotes de estano para intercambiar co mercader fenicio que viña sempre co bo tempo.

De súpeto soou a corna fúnebre. O tío de Breogán, que era guerreiro, morrera esmagado por unha gran laxa na construción da sauna. O druída mandou preparar a incineración e a Breogán tocaríalle herdar todos os seus obxectos de valor.

Marabillado, volviches para a túa casa na nosa época e agora estás aí, lembrándoo todo para escribirme unha carta en que me contarás como coñeciches aos teus antergos.

Saúdos.





idea narrativa aportada por: ROCAPIB