venres, 30 de maio de 2014

con-ins-des- trución por módulos











A piques de clausurar o obradoiro de reciclaxe aberto polo departamento de dinamización do galego, outra experiencia piloto neste curso 2013-14, queremos agradecer a todo o alumnado participante que colaborou activamente dentro e fóra do horario lectivo na construción destes cestiños de colores feitos con simple papel de xornal,  moita paciencia e uns pouquiños pigmentos. Tamén o noso agradecemento a todo o profesorado que se interesou pola experiencia educativa e entrou ata o fondo do obradoiro para darnos ánimos e parabéns. 
Cos cestos descubrimos unha morea de habilidades agochadas nas mans, dende a confección das varas de papel, o seu trenzado e acabado, a coloración e posterior montaxe dun muro cesteiro que se foi ampliando a medida que pasaban as semanas. Co máis do medio centenar de canastos, estamos elaborando nestes días esculturas móbiles que milagrosamente se teñen en pé antes de derrubárense ao mínimo engadido. Na foto fixa aparecen  Noel e Gabriel conseguindo unha columna imposible en que a curvatura superior se desvía considerablemente do eixo sen que todo veña abaixo. 
Veunos a fin de semana enriba e os cestos ficaron pendurados do teito do obradoiro a modo de verbena cesteira, fáltanos a orquestra!
Por último, na derradeira semana do curso, faremos unha exposición-feira para facilitar o intercambio e compra-venda dos cestos. Así que estades tod@s convidadad@s! Podedes traer os vosos amigos e familia!







xoves, 29 de maio de 2014

De Baiona a Praia América









O pasado martes fixemos a ruta de sendeirismo de Baiona a Praia América cos de 1º e 2º da ESO, en colaboración cos departamentos de Educación Física e Lingua Castelá. Chegamos a Baiona nun periquete pola autovía e así que baixamos do bus, empezou a marcha en e de todos os sentidos. O día anubrado quixo protexernos da insolación excesiva e, aínda que corría un fresquiño, nada máis pisar a praia houbo quen se guindou no mar sen pensalo dúas veces. Toda Praia América estaba ao noso dispór,así que ademais do baño, houbo partidiño, corretadas, estumballadas, sesión de sand art e paseíños pola beira do mar. De todo isto tiramos material gráfico para unha longametraxe, pero nesyte momento non temos vagar nin para unha micro de tres minutos, así que aí quedan as fotos para o que dispoñades. Un saúdo a todos os camiñantes!



















mércores, 14 de maio de 2014

A festa da exaltación da primavera









Por primeira vez no ROU, dende a súa apertura no 1986, puxémonos en serio a celebrar como se debe a escandalosa chegada da primavera. Despois dun inverno de chuvias e temporais, despois dunha cadea incesante de alertas de todas as cores, a terra rebentou por todos lados nunha festa colorida e farturenta que inundou o noso obradoiro, os corredores e as aulas e non pararemos ata que este estoupido de vida chegue a todas e cada unha das dependencias do noso centro. 
Estamos montando un maio, un maíño cónico e piramidal como os máis sobranceiros dos nosos montes castrexos. Para arroupar o noso maio de vexetación non tivemos que ir moi lonxe. Teis fai agromar cada nova estación unha  inmumerable variedade de plantas salvaxes autóctonas e alóctonas que cobren os muros, os valados, os terreos baldíos, os entullos e mesmo as beirarrúas e os tellados do país dunha mesta capa de verdor e floriñas ventureiras: hortelán. fiuncho, edra, capuchiñas, sabugueiros, dedaleiras, cardos, pampillos, mapoulas, trebos, xeranios, margaridas, malvas, estrugas... e rosas, rosas de todas as cores. Cando o rematemos iremos arredor do maio bailar e cantar unhas coplas  das que cada val ten para esta celebración pagana da vida no seu máximo esplendor.





COPLAS POPULARES

Escoiten nosos señores
o que lles imos cantar:
as copras que tran "Os maios"
floridos hastra namáis.

Estén todos moi atentos
que imos escomenzar,
deprendan o que cantamos
axúdennos ó acabar.

Cantar, cantarlle ó "maio" florido.
Cantar, cantarlle unha vez máis.
Cantar, cantarlle ó "maio" garrido.
Cantar, cantarlle así sen parar.

Maio popular






Xa chegou o "Maio"
florido e galán.
Chegou tra-lo inverno
e antes do verán.

Baixou dende o cumio
do castelo antergo.
ata o val do Eume
doce e señoreiro.

"Maio" rameiro:
bicou as campiñas
i en cada bicada
naceron floriñas.

"Maio" amarigoso
bicou as cerdeiras
e ahí tede-las froitas
máis ricas da terra.

Xa chegou o "Maio"
da nosa mariña
"Maio" namorado
do mar e da andoriña.

Chegou dende lonxe
acollédeo ben
nesta noble vila
de Galicia "edén".

Maio das Mariñas




COPLAS DE AUTOR

FIXEN UN MAIO

Oín un paxaro
chiar nun regueiro,
que andaba na auga
afiando o punteiro.

Ollei á tardiña
unha lúa grande
que viña de lonxe

prós montes de Ousande.

Andaban os ríos
falando baixiño
e cantarolaban
no son do muíño.

E chegada a noite
na cerdeira en flor
a lúa cantaba
como un rousiñol.

Era a primavera,
decateime máis,
que se vai e morre
e nunca se vai.

Collín polos montes
bugallos e xestas
e fixen un maio
pra brincar nas festas.


XA CHEGOU O MAIO

Xa chegou de lonxe,
de verde vestida,
co refaixo novo
a dona perdida.

Chea de paxaros,
de flores cheíña,
vén a primavera
muíña, muíña.

No bico do maio
van os bicos dela,
e chegan seus bicos
deica aquela estrela

A estrela lonxana
e a lúa e o sol
abrochan agora
tal como unha flor.

Asubía o vento
gaitas e pandeiros
van de mar a mar
nos ventos mareiros.

Gaitas e pandeiros
na flor do luar,
van do mar á serra
van da serra ao mar.

Dáme moitos bicos,
anda rapaciña,
que anda a primavera
muíña, muíña.

Miña muiñeira,
depenica a centos
os bicos que traen
toliños os ventos.

Achégate nena
ao pé da roseira,
que arrecenda a rosas
túa pel milagreira.

Que arrecenda a rosas
que arrecenda a sol,
quéntame as manciñas
no teu corazón.


ANTÓN TOVAR: Arredores, 1962


O MAIO

Ahí vén o maio
de flores cuberto…
Puxéronse á porta
cantándome os nenos;
e os puchos furados
pra min extendendo,
pedíronme crocas
dos meus castiñeiros.
Pasai, rapaciños,
calados e quedos,
que o que é polo de hoxe
que darvos non teño.
Eu sonvo-lo pobre
do pobo galego:
pra min non hai maio.
pra min sempre é inverno!
Cando eu me atopare
de donos liberto
e o pan non mo quiten
trabucos e préstamos,
e como os do abade
florezan meus eidos,
chegado habrá entonces
o maio que eu quero.
Queredes castañas
dos meus castiñeiros…?
Cantádeme un maio
sen bruxas nin demos,
un maio sen segas
usuras nin preitos,
sen quintas nin portas,
nin foros nin cregos.

CURROS ENRÍQUEZ: Aires da miña terra, 1880 nesta ligazón tendes a versión musicalizada de Luís Emilio Batallán










Vídeo con imaxes históricas dos maios en Galiza