domingo, 22 de xuño de 2014

TEATRO DOCUMENTAL: Mulleres de area










O último día de clase celebrámolo por todo o alto no salón de actos con dúas representacións teatrais.

A primeira en castelán, unha ópera con texto de Bertold Brehct, interpretada e cantada por alumnado da ESO moi ben dirixidos por Diego Bouzón Caamaño, o profe de Música.




A segunda en galego, unha peza de teatro documental, con texto de Humberto Robles, interpretada por alumnas de 2º da ESO e 1º e 2º de BACHARELATO maxistralmente dirixidas por Xabier Lojo, ex-alumno do centro, a quen agradecemos o desenvolvemento e chegada a bon porto desta actividade. 

Falamos con Xabier un pouco antes da representación e estaba nerviosiño e como querendo fuxir cara a algún lado menos ao pé do escenario. Pero todo saiu ás mil marabillas, as rapazas bordaron o seu papel, houbo algunha momento que deixou o público impactado por unha posta en escena novidosa e comunicativamente falando, moi emotiva. Grazas ao labor deste grupo de rapazas, puidemos achegarnos á traxedia das mulleres de Ciudad Juárez e de todas as mulleres masacradas por razón de xénero. Grazas , Xabier, pola túa magnífica colaboración e por demostrarnos unha vez máis os talentos agochados que todos temos para facer da nosa experiencia vital un permanente experimento creativo.

Desexamos para o vindeiro curso a consolidación dun grupo permanente de teatro. Estamos seguras que entre o alumnado hai auténticos actores e actrices vocacionais e moitísimo talento para canalizar. Lembramos tamén que o que vimos representado o pasado venres foi a última fase dun longo percorrido, dende que se creou o grupo con voluntarios a principio de curso, pasando polos ensaios e o obradoiro de teatro que se levaron a cabo os martes pola tarde durante meses e meses, ás veces con temporal incluído. PARABÉNS A TODOS OS PARTICIPANTES neste obradoiro.








Fomos capturando pequenos fragmentos da obra que temos aínda que editar. Irémolos colgando todos, porque paga a pena velos todos. O ideal sería facer outra representación e gravala enteira, con reaccións do público incluídas. Pero, claro, iso aínda hai que preparalo. Bo verán para tod@s!




luns, 2 de xuño de 2014

Confíns dos verdes castros: O castro de Penalba e a Pedra da Serpe




subida en bus cara os outeiros


Esta mañá  ben cedo os de 1º da ESO e uns pouquiños de 3º,  saímos de Vigo para emproar de novo cara a capital dos petróglifos galaicos. Unha invitación inesperada levounos de novo pola ruta iniciada o curso pasado. E xa temos bastante claro que debemos converter estas visitas ás vellas pedras gravadas nunha práctica habitual. Hai centos de rutas aínda descoñecidas para nós que, pouco a pouco, se irán percorrendo con ou sen guías. Nesta ocasión contamos coa inestimable colaboración de dous guias, facilitados por unha empresa ubicada en Campo Lameiro. Previa visita ás instalacións da empresa, partimos cara os outeiros onde puidemos camiñar por dous enclaves máxicos: o Castro de Penalba e a Rotea do Mende. Do vello castro só fica en pé parte da muralla exterior, o resto foi reconvertido en pista de acceso e ermida. Na coroa do castro está emprazada dende tempo inmemorial unha gran rocha que ten como único gravado unha enorme serpe de dúas cabezas ou dúas serpes que se xuntan , ao seu carón aparecen dúas coviñas que algúns interpretan como un par de ovos, en referencia ao ovo cósmico asociado co motivo da serpe


CASTRO DE PENALBA





muralla exterior do castro de Penalba


      

 Na coroa do castro, dende onde se divisa o horizonte en todas as direccións


San Antoniño do Monte
non che veño pedir pan
véñoche pedir un mozo
para me poder casar








                                        

A Pedra da Serpe de Penalba, onde se celebraron ao longo da historia ritos de fertilidade










                












A ROTEA DE MENDO

Para chegar , fixemos un pequeno percorrido por unha pista no monte que non presentou ningunha dificultade. Moito cuarzo branco e dourado e sinais de cabalos salvaxes. A Rotea está perfectamente delimitada por un valado de madeira que protexe o conxunto de pedras gravadas. Aquí os trazos non son tan perceptibles como os da Pedra da Serpe, posiblemente porque son moito máis antigos ou estiveron máis sometidos a erosión. Estamos falando de, como mínimo,  3.000 anos atrás. Cervos con grandes cornamentas, espirais, circos concéntricos e, nun recanto do conxunto, dúas figuras humanas que danzan.......







conxunto de cervos 


deseño sobre pantalla