mércores, 27 de outubro de 2010

CCL POR ONDE


Polo incenso da morte
pola velocidade
polas cinzas do demo
polo azucre dos mortos
por todo, nunca máis
por unha vida que vivir
polo meu mundo que cae das miñas mans
polos ríos de anguria
polos piares da miña vida
por un alento que se vai...EFFO

SEN TÍTULO


Semellaba ter a cor da pelota que precede o astro rei.
Levaba moito tempo agardando por aquelas vintecatro horas, a presión facíao sentir coma un xove grumete fronte ao seu primeiro temporal.
Quedaban xa poucos tics e aínda un tac menos para enfrontarse á árbore disecada que nese momento a mestra levaba cara á máquina tatuadora de sintagmas.
O tamborileo que emitían as agullas dos seus pés alertaron aos alumnos e todos sentaron para recibir o cadáver da árbore; xa podía ecoitar o son do diñeiro que conseguiría se todo saía como estaba planeado...LUAR

HIPNOSE


Estaba eu entre as catro pedras cunhas táboas na parte superior, que é onde vivimos, utilizando unha lámina de aceiro inoxidable afiada para picar aquel alimento que che provoca bágoas cando o cortas. De repente un animal que desprende música voadora pousou nun dos moitos buratos que quedan entre as pedras e hipnotizoume coa súa música desprendedora...ANAITA

xoves, 14 de outubro de 2010

Benvid@s ao novo curso 10-11



Este ano escolar empezamos forte en 4ºB.
Lemos pormenorizadamente O CAN DANADO de CE FERREIRO e topamos moitos recursos literarios que dan conta da atmósfera de terror que se viviu neste país na época en que foi escrito o texto. Por desgraza é a mesma na que se vive hoxe naqueles lugares onde está extirpada a liberdade de pensamento, de expresión, de obra e de acción.
Como o texto dá para moito, extraemos vocabulario para experimentar con el unha técnica moi usada polas Vangardas: o automatismo, a escritura automática. Os resultados, por suposto, teñen moi pouco que ver co texto do que partimos. Para velos accedede aos comentarios. O vocabulario escollido aparece destacado en maiúsculas

O CAN DANADO

Igoal que un can DANADO nos camiños
o terror anda solto polo mundo.
Semella un vento negro que pousase
súas ÁS de corvo
sobre a frente dos homes temerosos.
Un XELO de INVERNÍA en DESCAMPADO
paraliza os RELOXOS, PERFURA as GORXAS
e pon VEOS de ANGURIA nas palabras.
Un grande telescopio nos vixía
coma un ollo de Cíclope
que segue os nosos pasos
e fita sen ACOUGO o noso rumbo,
dende tódalas fiestras,
dende tódalas torres,
dende tódalas voces que nos falan.
A noite é un micrófono impasíbel
que escoita o LATEXAR do noso peito,
coma un escuro espía que ESPREITASE
os nosos pensamentos máis SEGREDOS.
Todo se TROCA en cousa inconfesábel;
detrás de cada esquina unha sospeita,
unha DÚBIDA detrás de cada sombra,
e medo, medo, medo,
un pozo profundísimo de medo,
espello de auga fría
no que o terror se mira eternamente.