martes, 21 de xuño de 2011

SON UN PASMÓN / C. E. FERREIRO







Son un pasmón
peatón
con opinión,
dicindo a verdade núa
pola rúa.
Nunca fun usuario
de automóbil suntuario
nin tampouco utilitario.
Camiño a pé
e por iso é polo que
vexo o mundo tal cal é.
Sei da cobiza burguesa
e do furor proletario.
O pan gárdase na artesa
e a fame ronda a diario.
Ando sen présa,
nada altera o meu horario,
nin couta o meu comentario.
Non teño medo
do que o tempo traerá,
porque sei que tarde ou cedo
o que ha de vir chegará.
Horaboa ou horamá?
Tanto me dá!
Ogallá
 me colla vivo a noticia.
Que gran ledicia
ver chegar o que virá!
Para o gran suceso,
xa está aceso
acolá moi lonxe, un lume
que no mundo prenderá
e queimará
a fedenta podredume.

Camiño a pé
e por iso é polo que
vexo o mundo tal cal é.



Se algo hai destacable neste pequeno poema de C.E.Ferreiro é o uso sistemático da rima a final de verso, case como no rap, para falar dun tema cotián dende un punto de vista asumible por calquera. A sinxeleza está apoiada polo verso curtiño e sen complicacións semánticas. O seu contido é claro, invítase a ollar o mundo dende a base, sen pedestais nin prepotencias. Hai unha clara identificación entre o automóbil e o mundo que non queremos. O poema pertence ao libro Longa noite de pedra e é unha das poucas composicións amables incluídas neste emblemático poemario que ten como temática principal o alegato contra a dictadura e a dehumanización.


sábado, 18 de xuño de 2011

mércores, 15 de xuño de 2011

O carro e o home - Antonio Roman (1945)



Documental etnográfico sobre a cultura do carro en Galiza. Rodado no 1945, ofértanos unha visión panorámica do mundo rural galego a mediados do séc.XX, centrándose no carro como eixo narrativo. Cómpre destacar que a Galiza rural conservou formas ancestrais de ocupación do territorio ata finais de século. O panorama está cambiando drasticamente debido á:

rede viaria de autovías e estradas que tallan a paisaxe de maneira brutal, illando poboacións que sempre estiveron comunicadas por unha rede de camiños

éxodo da poboación campesiña ás cidades por falta de viabilidade económica

concentración parcelaria para crear explotacións lucrativas

abandono xeralizado

NOTA: neste vídeo podemos atopar imaxes de vocabulario referido a aparellos e faenas agrícolas. Aproveitádeas.

martes, 14 de xuño de 2011

Folk music from Galicia - Semper Idem : Deixame subir



NESTE ENLACE darás con máis traballos  Arany Zoltán, que se adica a reinterpretar as músicas do mundo.
Neste caso temos un vello tema popular galego ( Déixame subir ao cuarto da criada / déixame subir que non lle fago nada ) reformulado musicalmente e traducido ao castelán con mestura galaica. O máis simpático  é que Zoltán é un músico húngaro e co seu grupo anda a investigar na vella tradición musical europea. Na súa canle en youtube hai vídeos con música medieval moi interesantes. Que o disfrutedes.

mércores, 8 de xuño de 2011

Vigo antigo / Vigo moderno (1ª parte)

FALEI COA MIÑA NAI E A MIÑA AVOA


Vista dende San Salvador ,antes da ETEA e da hermida,
 nun tempo en que Teis era agrícola  e estaba aprendendo
a autoxestionarse. Principios do séc.XX.


Cando a miña nai era pequena, Vigo era moi diferente de como é hoxe . Antes había moitos menos edificios e algunhas casa máis das que hai agora. Moitas desapareceron, tiráronas abaixo para edificar.

Antes a Travesía de Vigo estaba chea de campos de cultivo cunhas poucas casas esparexidas pola paisaxe. Na rúa Aragón todo eran fincas e dende calquera lado vías o mar, o Morrazo e as Illas Cíes. Agora, nacen edificios que tapian a rúa a un lado e máis a outro.

Un dos barrios que menos cambiou nas últimas décadas é Bichita, que conserva o vello polígono das casas baratas, reformado e conservando as zonas verdes; ben hai uns cantos edificios máis, algún con nove pisos de altura que desntoa na contorna de construcións de baixa altura.

A contorna de Samil non estaba urbanizada, era todo monte e bosque autóctono cunha fermosa cadea de dunas fixas, cheas de vexetación, que servían de barreira natural entre o mar e a terra.

O monte do Vixiador estaba cheo de animais, había xabarís, moitos tipos de paxaros, cabalos salvaxes...

Na illa de Toralla non había edificacións, nin casas, nin o rechamante edificio que fixeron nos setenta. Na zona do Bao practicamente non vivía ninguén. A única poboación perto da illa era Canido.

Os lugares que rodeaban cada pequeno barrio periférico de Vigo eran vertedoiros descontrolados. Toda a cidade en xeral era bastante sucia, pois non tiñamos o hábito de usar papeleiras e todo se tiraba ao chan.

A miña avoa comentoume que cando era pequena nin pola cabeza  lle pasaba que Vigo puidese cambiar tanto, nin en tan pouco tempo. No camiño de Frián non había nin un só edificio. Non existían os bloques de Fenosa, nin o Carrefour, nin Mercadona, nin o Cash, nin Dia. Coa paisaxe primitiva perdeuse moita seguridade , os camiños foron convertidos en estradas cheas de automóbiles, vitrasas e motos ; os nenos deixaron de ter lugares próximos ás casas para xogar e os vellos xogos caeron no esquecemento. Tamén se foi perdendo o trato amable entre veciños de toda a vida; antes os veciños visitábanse e a porta da casa estaba aberta para quen quixer entrar. Cando alguén facía sidra ou viño, todo o mundo probaba. Cando se pescaba moito, había peixe para todos. Cando había moita froita, regalábase. Nas fogueiras de San Xoan, reuníanse as familias en torno á mesma fogueira. No día da festa maior toda a parroquia se xuntaba para bailar e beber e comer o que fixera falta ata caer de cú.  En Teis, que é un barrio grande, coñecíanse as familias todas, dende Frián e Rorís ata o Praixal, A Riouxa, Ríos, A Oliveira, Espiñeiro, Guixar, A Robleda...
Mesmo había moi boa relación veciñal coa xente de San Xoán e do Calvario ou de Cabral.
Hoxe en día a ninguén lle importa o que lle pasa a outro e é frecuente a indiferenza entre xente que vive porta con porta.

Parece, pois, que Vigo mellorou no aspecto hixiénico, "nivel de vida", comodidade e capacidade adquisitiva pero perdeuse moito na calidade das relacións sociais e medioambientais.


fronteira cultural invisible
confluencia de Sanxurxo Badía -Guixar e García Barbón
1950
só un pouco antes da eclosión urbanística




Lembranzas familiares aportadas por...................FELPS

martes, 7 de xuño de 2011

O galego tamén é unha forma de resistir



Darás con máis vídeos sobre a importancia de defender todos os idiomas nesta canle de youtube