mércores, 26 de xuño de 2013

Proxecto petroglifos / 3ª fase: as nosas camisolas


A cousa empezou cun precioso documental sobre os que nos precederon na máis remota antigüidade. E xa estaban alí gravando pedras sen máis instrumento que un seixo afiado e unha pedra a modo de maza ou martelo. Agromaron moitas ideas, moitas preguntas, moitas ficcións e callaron nun cardume de pequenos relatos fantásticos, porque con eles puidemos practicar o verbo en presente, en pasado e en futuro. É máis, houbo quen se permitiu traballar o tempo en espiral, xogando con labirintos de ida e volta, na máis pura liña dos narradores experimentais. Despois necesitamos saber máis cousas sobre os celtas, os preceltas e o noso mundo antigo, necesitamos coñecer o mapa mundi dos gravados en pedra, o significado deses misteriosos deseños; eran pinturas rituais?, eran, son calendarios lunares?, marcan os petroglifos lugares sagrados?, por que hai labirintos, espirais e circos concéntricos en todo o planeta? Tivemos que parar de preguntarnos e ir velos, si, ir á capital dos petroglifos galaicos e  unha das maiores concentracións  de toda Europa, están aquí, moi perto, nos cumes de Pontevedra. E alá fomos. A verdade é que non puidemos ver todos os que quixemos, pero o cervo do carballo deixounos a todas e todos moi impresionados: toda unha laxa cuberta de deseños superpostos e retocados en varias épocas ao pé dun carballo vello que vai ti saber o tempo que ten. Con todas estas experiencias paleo e neolíticas empezaron a saír debuxos, preciosos, para estampar sobre as camisolas xa usadas que temos no fondo do armario. Algunhas, con deseño comercial, serviron de base para proxectar petroglifos futuristas; outras, sen debuxo ningún, quedaron coma novas co estampado. Ademais, case sen nolo propoñer, descubrimos as técnicas do estampado artesanal en tea: cera, lixivia, rotulador, pintura específica. Aprendemos a facer moldes, colaxes e un longo etcétera de novas habilidades. Pero o mellor de todo vai ser o curso que vén. Non só lle daremos continuidade ao obradoiro de camisolas, imos empezar a investigar niso que chaman xogos celtas, algúns moi semellantes aos xogos de damas e xadrez árabes, pero con pedriñas de diferentes tamaños e cores; este ano xa fixemos unha práctica preliminar cos pelouros, e aínda quedan por descubrir puzles intelixentes e xogos de estratexia. A ver, a ver.

mércores, 12 de xuño de 2013

Vella cartografía de Galicia


1º mapa de Galicia




Os mapas de Galicia ao longo da historia revelan información interesantísima sobre as transformacións do noso territorio, longamente labrado polo mar: por exemplo o Grove antes era unha illa; ou pola acción humana, como en Vigo, onde se extendía un fermoso areal dende a Guía ata Bouzas. E isto sabémolo  grazas á prodixiosa mente dos cartógrafos que nos proporcionan vistas aéreas  sen teren nin idea do que era unha cámara fotográfica nin ter subido nunca a un avión. Eles deberon ser os primeiros en plasmar con pinturas os seus voos cartográficos, dos cales deixamos unha ligazón para que vexades con detalle como tiveron que enxeñarse para retratar a complicada xeografía das rías:                  http://www.culturagalega.org/imaxes/docs/teixeira.pdf