luns, 30 de maio de 2011

ano X220


Estamos no ano de gracia X220
Un tipo de radiación solar descoñecida impacta contra a terra e deixa todo o planeta sen subministro eléctrico.
A avaría   é gravísima, ninguén sabe como arranxala, así que a poboación mundial empeza a decatarse que é mellor aceptar que vai ter que adoptar un estilo de vida máis rústico, sen tecnoloxía que dependa de enchufes.
Dende o punto de vista dun vigués de 26 anos, parece que a cidade volveu á era pre-eléctrica.
Por Sanxurxo Badía empezaron a circular carros de bois e bicicletas e cabalos arrastrando carretadas de mercadorías para o mercado de Teis.
Na Gran Vía volveron pastar os rabaños de ovellas nas numerosas zonas verdes que agromaron espontáneas alentadas polo clima e a baixa radiación solar.
Todo o paredón de edificios da Travesía de Vigo foi vindo abaixo pouco a pouco polo abandono permanente da poboación e o éxodo cara a zonas rurais . Moitos campos abandonados foron recuperados para o cultivo e pastos. A xente que queda aprende a sobrevivir.
A vella panificadora ponse en marcha de novo, como obradoiro de actividades artesanais.
O centro comercial A Laxe é reconvertido en almacén de produtos derivados da pesca e de alimentación en xeral.
O mundo vira en pasado neste futuro post-eléctrico.

Premonición aportada por......RP

QUE PASOU AQUÍ?


Paro a moto nun semáforo vermello do paso de peóns a altura do Corte Inglés. Algo, de súpeto, chama a miña atención. Non podo crer que unha ovella ande tan tranquila pola Gran Vía. Ninguén parece decatarse, así que esquezo o conto cando a luz vira a verde. A altura de Urzaiz algo prodixioso sucede, non hai tránsito rodado, semella que a zona peonil do Calvario se prolongou indefinidamente por toda a cidade. En vez de automóbiles andan preguiceiros os carros de bois polo medio e medio das rúas e todo o mundo vai andando. Un par de vellas tenden a roupa nas solainas de pedra. Ollo para a miña moto e penso que non é adecuada para o novo escenario, déixoa arrimadiña a unha árbore e póñome a camiñar distraidamente. Terei que poñerme ao día nesta nova vella cidade.

Ideanarrativa aportada por .....................Vaniich

KEUR ALIOUNE NDIAYE


A miña cidade chámase Keur Alioune Ndiaye. Foi fundada en 1918 por un señor chamado Alioune Ndiayac, un rico gandeiro.
Onde el vivía había moita xente con ovellas e vacas, e non había pasto para todos. Entón el saiu á procura dun lugar onde puidesen comer ben todos os seus animais. E topouno. Detrás del viñeron outros e entre todos crearon unha pequena vila que se acabou convertendo nunha das cidades máis grandes de Senegal. Agora ten uns 80.000 habitantes, algunhas empresas e varias estradas.

Rebovinado aportado por................BIBSON

mércores, 25 de maio de 2011

O MAR E A AREA


O Areal e o Berbés hai 200 anos



Só eran unhas pequenas casas ao pé da praia, casas mariñeiras sempre  cheas de xente. Os soportais en forma de arco servían como punto de venda do peixe fresco traído a diario do mar. Vendíase en patelas feitas a man polos cesteiros. Mentres a súa nai andaba no trato do peixe, a nena xogaba descalza na area, sentindo os seus pés afundirse para burlar o aborrecemento. A praia era inmensa e gustaba da súa cor aloirada brillando ao sol. Gustáballe ver dende a súa fiestra os barcos que arribaban á praia. Pero pouco a pouco, a medida que ela medraba, todo empezou a mudar. A praia deixou de ter aquelas dimensiíons xigantescas, a fiestra da casa xa non daba ao mar. Os barcos empezaron a atracar nos peiraos das fábricas de conserva. A area dourada foi sepultada baixo o asfalto e a vella cultura mariñeira aos poucos foise perdendo.
O Areal hoxe
Micronarrativo aportado por................EFFO

martes, 24 de maio de 2011

COIA, COIA

A miña nai viviu a súa infancia no Chouzo, en Coia. Cando lle preguntei o que cambiara dende aquela ata agora, díxome que todos os edificios que hai agora, antes non existían. Que todo era campo. Que a Avda Castelao era moito máis pequena. Que nos sitios onde agora están os edificios do Xulgado e Facenda, antigamente eran veigas de cultivo. O único que non sufriu tantos cambios é o lugar dom Chouzo, onde ela naceu e medrou.
Na zona da Bouza, antes estaban as cocheras dos tranvías, pero ela xa non os lembra funcionando. Si pode lembrar os trolebuses. O que hoxe se coñece como a praza da Miñoca, antes era todo terreos verdes.

Meu pai, en cambio, é de Cartagena, de Pozo Estrecho. Pozo Estrecho é unha vila máis ben grande. El di que non cambiou moito, tal vez algunhas casas máis pero nada de grandes edificios. Fixeron estradas nas aforas onde antes había só camiños. A cidade máis próxima é Torre Pacheco, cando el era neno era moito máis pequena.  Comparando doume conta que en Vigo houbo unha auténtica explosión urbanística en pouco tempo.

praza adicada ás miñocas que ventilan a terra,
un dos centros apacibles de Coia
Flash back aportado por...................CHUS

DESPOIS DO GRAN APAGÓN


Revolta eléctrica
Aínda lembro cando empezaron os cortes de luz. O Estado dicía que soamente se trataba dunhas probas de enerxía eléctrica que se realizaban por toda Europa para ver canta enerxía era malgastada. Paris e Londres foron as primeiras cidades que comezaron a sufrir os primeiros cortes. Pola televisión víase que alí todo era un caos, a luz viña e ía coma se dunha discoteca se tratase.
Ó principio, aquí, en Vigo víamos como unha anécdota o que pasaba nas grandes cidades europeas, despois de todo, para ben ou para mal, aquí as cousas sempre chegan vinte anos máis tarde. Foi en nadal cando comezou a faltar a luz. Lémbrome perfectamente que todo o mundo quedou coa quinta uva na boca, cando de súpeto, foise a retransmisión desde a Porta do Sol de Madrid e a televisión deu un chispazo. Meus pais preguntábanse se o seguro do fogar cubriría os desperfectos, pero non tardamos en descubrir que esa non ía ser a maior das nosas preocupacións.
 Un día especialmente intermitente no que a electricidade se refire, a luz foise e desde entón non nos voltou visitar xamais.
Xa podes imaxinar a escena. Ninguén tiña nin idea do que pasaba no mundo, a meirande parte dos coches eran eléctricos e os que quedaban a gasolina pronto quedaron parados coma os outros. A comida comezou a escasear e comezaron os saqueos, daquela deime conta da estupidez dalgúns seres humanos pois había grupos de xente ós que non se lles ocorrera nada mais que saquear as tendas de electrodomésticos.
As rúas estaban ateigadas de xente que andaba desorientada e pronto tivemos que pensar na maneira de conseguir alimentos. Ó final chegamos a conclusión de que non íamos ter mais remedio que volver  vivir da mesma maneira que facían os nosos antergos, agora tocaba sementar e recoller. Así, en calquera zona verde que atopabamos sementabamos o que podíamos coas sementes que algúns aproveitamos para roubar e íamos subsistindo co pouco que había.
Nun mes o parque de Castrelos estaba dividido en diferentes zonas: a dos tomates, as patacas, o millo e diferentes tipos de vexetais que despois de estar acostumados á comida rápida tivemos que comer á forza, era iso ou morrer. Aquí en Vigo tamén tivemos sorte coa fauna mariña pois abondan os peixes e os mariscos. Así que dentro do que cabe, os vigueses fomos moi privilexiados, ó contrario da xente do interior da península pois a súa dieta estaba baseada única e exclusivamente en pipas de xirasol que abundaba por esas terras.
Cando pasou un ano enteiro sen luz, as cousas comezaron a organizarse mellor, mais a vida era moi dura, moita xente morreu de fame, ou simplemente suicidouse ó quedarse sen conta en Facebook, pero aquí, eu, despois de cincuenta anos sen luz, podo dicir que son un supervivente que conseguiu adaptarse e penso que, despois de todo, a raza humana fíxose mais humana desde o día en que a electricidade se rebelou contra o sistema.                             
Rúa do Príncipe cara 1920
       Prospección no futuro aportada por.....................LUAR                                                                                             

venres, 20 de maio de 2011

AS MANS LISTAS / BICENTENARIO DO URUGUAI




O pasado venres,  18 de maio conmemoramos no noso centro o bicentenario do nacemento da República Oriental do Uruguai.Nesta data concretamente conmemórase a vitoria da coñecida como Batalla das pedras, que foi o pistoletazo de saída do proceso de independencia. Tendes unha reseña deste evento no carallocorou. Disfrutamos da inestimable colaboración de dúas magníficas voces acompañadas de guitarra con aires orientais: Wálter César e Ramona Báez. Do primeiro demos con vídeos en youtube, dos cales queda aquí unha mostra. Lembramos tamén que o ceibo que plantamos hai un ano sobreviviu e, aínda que pequeniño, goza de plena vitalidade. Estamos seguros que acabará tamén por converterse no noso símbolo protector, como o é da nación uruguaya. Longa vida ao Uruguai.
Que o disfrutedes!

xoves, 12 de maio de 2011

LOIS PEREIRO, GUERRILLEIRO DA PALABRA






( Amor e sangue en Chiapas)

Ando á procura dunha ollada súa
que me confirme a fe que teño nela
e avanzo a cegas coa maior firmeza
noutra rebelión xusta que interna
nunha urxente esixencia de certezas
para este corazón rebelde e zapatista
obrigado a loitar polo evidente
cunha serea furia
antiga e sabia

desde o amor que resiste ó que o reprime
con ela por compaña como antes
ou ben só ben armado de nostalxias
deixareime invadir de sangue maia
para que retorne á súa propia terra
ou consiga vivir outras mil vidas
en loita contra o mundo
se é preciso
crebándolle o pescozo
e desviando
a historia do seu curso
xunto coas mesmas vítimas
de sempre

xullo 95

Lois Pereiro: Poesía completa, Xerais, 2011. Pertence ao libro Poemas póstumos, 2ª parte, titulada: " Luz e sombras de amor resucitado"

martes, 10 de maio de 2011

MAMASUNCIÓN Sempre Chano




Para ver Mamasunción
Como xa temos a curtametraxe no Carallocorou, achegamos unha entrevista que Manolo Rivas fixo a Chano Piñeiro na TVG, cando a televisión galaica iniciaba a súa andaina. Que disfrutedes dos dous vídeos. Nos comentarios podedes aludir a calquera deles.

luns, 2 de maio de 2011

CONTO RARO RARO


ÁRBORE AZUL
A miña nai díxome que non fose ao pé da árbore azul, porque é onde vive o trasno azul. Vale, pois eu dígolle que vou en cas Jamie botar un pito. É un domingo soleado, sen nubes no céo. Camiño pola rúa para dirixirme a casa do meu amigo. Vexo a árbore azul e o trasno ao seu lado. Achégome a el e tomo a súa cabeza entre as miñas mans e guíndolla ao céo. Cando chego a casa de Jamie bato na porta e ábreme o trasno. Asústome tanto que choro. Dígolle que estou arrepentido. El sorrí e méteme para dentro. Do único que me acordo é que esperto no hospital sen brazos, sen pernas e sen un testículo.

Contiño aportado por...........................LOUFFA