xoves, 24 de xuño de 2010

Aí vai a despedida



Se alguén de vós está interesado en copiar as fotos para levar, traede un dispositivo portátil. Lembrade que no video están comprimidas e non paga a pena imprimir de aí. Hai outra presentación no CARALLOCOROU. Boa sorte a todos-as e que pasedes un verán entretido. Grazas pola vosa colaboración.

mércores, 23 de xuño de 2010

transformacións urbanísticas, Vigo

dinamizacións festeiras

Se queredes saber máis sobre esta canción ide a

http://tirarrollas.blogspot.com/2011/01/ale-ale-jandro.html

A idea que desenvolve este vídeo é xenial : transforman ALEJANDRO en GALEGANDO, e montan unha festa co invento. A música ben se presta. A realización do vídeo esixiu a colaboración de todo o instituto. Debérono pasar de marabilla. O traballo presentárono ao concurso de ideas para a normalización da lingua. E gañou! Un aplauso para estes artistas!

xoves, 17 de xuño de 2010

1º Premio de Narrativa no Concurso Literario das Letras Galegas 2010


BICOS USADOS

Non llo dixo nunca, pero acostumou a observalo mentres traballaba. Encantáballe ver aquela expresión de concentración no seu rostro; facíao moi atractivo.
“Quizáis foi así como comezou” díxose ela en máis dunha ocasión. Miradas furtivas no despacho, cando ninguén os vía, ou iso querían crer. Sorrisos a medias e roces casuais.
Foi duro para ela ter que ocultar todo o que sentía por el, de cara aos demáis. Era moi duro finxir que non sentía nada cando el dicía o seu nome en voz alta nas interminables reunións, as risas a medias na cafetería ou os roces polos corredores. Era terrible acercarse aos seus beizos e non poder bicalos cando lía o desexo nos seus ollos, ou cando a súa man se deslizaba suavemente polas súas costas mentres camiñaban xuntos polo corredor. Aprendeu a finxir, e fíxoo tan ben que chegado o momento pensou que non sentía nada por el. Así era máis doado. Pero as bolboretas da súa barriga sempre dicían a verdade.
Aínda hoxe, despois de tanto tempo, un lixeiro calafrío percorre a súa espalda cando lembra a primera vez que el a bicou. Non o previra, ela fora a máis sorprendida. Levaba tempo crendo que os sinais que el lle mandaba formaban parte dun inocente coqueteo. Que nunca chegarían a nada. El estaba casado. CASADO. Repetía mentres recollía as súas cousas da gran mesa central. Soamente quedaba ela por marchar á casa, e miraba de esguello a luz acesa que saía da porta do seu despacho. Tratou de loitar contra o desexo de entrar alí e facerlle o amor enriba da mesa da oficina. Pero era o desexo o que falaba, non a súa mente.
O primero bico foi unha mestura de todos os seus desexo reprimidos. Quizáis foi a calor premonitoria do verán ou o esgotamento por pasar a tarde enteira con aqueles rapaces descarados os culpables. O conserxe esperábaos falando coas mulleres da limpeza e agradecendo que fose venres. A calor inundaba o edificio que a pesar da ausencia de chamas parecía estar ardendo.
Antea levaba o pelo recollido, unha blusa branca entreaberta e unha saia negra que conseguía enxalzar, aínda máis se cabe, a súa figura. Podíanse ver as súas infinitas pernas apoiadas nunhas sandalias escuras con algo de tacón. Encantáballe sentirse tan feminina diante del.
Elías tiña o seu xersei verde na man e a camisa demasiado desaliñada. Nunca o mirara con aquel aspecto tan descoidado, estando el sempre preocupado en coidar a súa imaxe cara aos alumnos. Quedaban soamente eles dous.
- É unha tortura quedar neste sitio ata tan tarde - comentou el mentres ficaba apoiado na parede do corredor. Ela volveuse e dedicoulle un daqueles sorrisos que gardaba soamente para el.
- En días coma estes o mellor é ir tomar un grolo - seguiu camiñando, facendo notable a súa implacable beleza feminina.
Elías non puido evitar mirala de arriba abaixo mentres avanzaba tras ela. Nese momento Antea xirouse de novo para cachalo mirando os seu nocellos. Caera na trampa.
- Caeuche algo, Elías? - o home, aturdido, alzou rápidamente a cabeza.
- Non, eu só… bonitas sandalias - dixo mentres entornaba os ollos.
- Grazas - agradeceu moi compracida.
Camiñaban cara á saída, dedicándose miradas que algúns poderían cualificar de lascivas, cando Antea tropezou moi oportunamente. A súa man dereita foi parar ao brazo de Elías, mentres el trataba de evitar a caída colléndoa pola cadeira. Os dous acercáronse máis do políticamente correcto. Os seus rostros separábanse só uns milímetros. Mirábanse, non podían deixar de mirarse. Antea sentía como o seu corazón comezaba a latexar dunha forma desenfreada. Avergoñouse ao pensar que poderían soar tan alto como para que Elías os escoitase. Pero quería que el o escoitase.
Elías separou o brazo que a rodeaba. Por un intre ela pensou que todo rematara, que a maxia que os embargaba desaparecera nuns segundos. Baixou a mirada. Pero Elías alzoulle a cabeza delicadamente, buscando a súa mirada. Sorriulle como só el sabía facelo e comezou a acercarse moi lentamente. Ficou queda, agardando o momento do contacto que tan sensualmente se estaba a prolongar. Os seus beizos rozáronse levemente, como con medo. Ela pechou os ollos para sentir aquel roce, e deixouse ir nos seus brazos que firmemente a suxeitaban. A sensación cálida do seu corpo contra o seu permitiulle experimentar sensacións ata daquela insospeitadas e perigosamente atraentes. Dunha volta aquel simple bico converteuse nun moito máis profundo e paixonal. Antea aferrou con forza a camisa del. Os beizos entreabertos deixaron escapar un lixeiro suspiro e o seu cálido alento mergullouse en cada un dos seus poros. Percatouse de que Elías aferrábaa con forza contra o seu corpo, coma se non quixese separarse dela; coma se non fora quen de apartarse. Bicáronse unha e outra vez embriagados por unha extáse que non parecía humana. Ela divertiuse mordéndolle o beizo inferior con tenrura mentres el exploraba a súa figura por dentro da blusa ata chegar ás súas costas. Era o desexo o que tomara o control. Non lembraban onde se atopaban nin quen os podería ver; perderan todo contacto coa realidade cun simple bico. A súa respiración entrecortada deu paso a unha loita frenética sen control por precisar máis do outro. Elías colleuna pola cintura e levouna en dous pasos á parede preto da porta. Sentíao tan cerca, e máis cerca quería sentilo. As mans del deslizábanse polo torso de Antea mentres ela xogaba coa súa boca dunha forma nova e excitante. Pensaba que estaba a volverse tola. O sangue non chegaba á súa cabeza, e non podía, non quería pensar.
O son duns pasos que avanzaban cara a eles fixo eco nas súas cabezas e cortoulles a respiración. As luces apagáronse e César, o conserxe, dobrou a esquina contraria á que estaban eles. Percatouse da situación en cuestións de segundos, finxiu que non os vira e torceu á dereita para saír pola porta.
Miráronse, sentindo aínda a calor nos seus corpos. Elías afastouse uns centímetros, pero Antea podía notalo sobre ela. Fitouna con mirada culpable e recuou algúns pasos para deixala respirar.
Querían máis. Desexaban máis. Ánbolosdous souberon cunha ollada que non se atreverían a retomar o que ata entón era pura paixón desenfreada. Antela peiteou os cabelos e botou unha man ao peto. Amosoulle as chaves dun coche.
- Vés? - invitou nun susurro.
Elías non tivo tempo de pensar e seguiuna coma hipnotizado. Deixouse levar polo seu olor a lilas.
Aquel desexo durou seis meses. Seis meses labrados na súa pel día a día.

Non llo dixo nunca, pero acostumaba a desexala en segredo. Nunca pensou que podería desexar tanto a unha muller como desexaba a Antea. Sabía que xa pasara moito tempo desde que todo sucedeu. Pero aínda hoxe, cada vez que a miraba traballando na sala de profesores, desexábaa en segredo.
Quizáis foi así como rematou, cando o seu corpo comezou a desexala máis alá dos límites. Cando estar a soas con ela e reprimirse se fixo insoportable. Cando aquelas miradas, aqueles sorrisos e aqueles roces non eran suficientes.
Foi duro ter que escoller entre o seu corpo e a súa mente. O seu corpo bicáraa aquel día, e a súa mente afastouno de ela.
Sabían que o seu final estaba escrito dende o comezo. Seis meses máis tarde o que comezou nun bico rematou en bágoas.
- Que estamos a facer, Elías? - preguntoulle ela nunha desas noites tormentosas tan comúns na Galiza.
- Estamos na túa cama, mirando Land Rober, escoitando a choiva; estase ben - contestou, eludindo o evidente.
- Vamos… - replicou poñéndolle os ollos en branco.
- Non o sei - respondeulle finalmente.
O silencio apoderouse do cuarto. Elías respiraba o arrecendo a froitas que emanaba do seu pelo, mentres os dous meditaban as súas palabras.
Antea incorporouse sobre a cama; el deixou os seus lentes a un lado. Intuían que o final achegábase, estábase a escribir naquel intre. Ningún quería crelo.
- Elías… - ela trataba de articular algunha frase coherente, pero as palabras non poderían describir o que sentía.
- Non digas nada - cortou con voz seca e impersoal. Algunha forza allea á súa mente impedíalle deixar de mirala aos ollos.
- Agora que? - unha bágoa surcou a meixela de Antea.
Non soportaba vela sufrir. Incorporouse e achegou a súa cara á dela. Bicouna. E aquel bico con sabor ás súas bágoas sóubolle doce e amargo. Deulle unha aperta, e ela notou os seus brazos trémulos rodeando o seu corpo. Aferrouse á súa aperta. Nunca a desexara tanto coma daquela, pero todo rematara xa. Aínda que ese bico deu paso a outro máis lento e profundo. Antea intentou respirar toda a esencia do seu derradeiro bico. As súas mans comenzaron a percorrer un corpo que xa coñecían. Tumbouna na cama e agarimouna coma se nunca antes o fixese. Ela tratou de comprendelo, intentou ler nos seu ollos. Apretouna con forza mentres bicaba cada milímetro da súa pel, deixando pegadas. Aquela sería a súa amarga e doce despedida. Sería a derradeira vez que Antea fose súa en corpo e alma, que a sentira tan preto del. Aquela noite, Elías fíxolle o amor con toda a paixón e toda a rabia que sentía ao saber que non estarían xuntos nunca máis. Quería ver o seu corpo tremer unha última vez baixo o seu, que ela soubese canto a quería. As bágoas brotaban dos seus ollos mentres a bicaba de novo. Sabía que non volvería bicar así.
A lembranza dos seus beizos viviría nos seus bicos que xa marcados serían sempre bicos usados.

mércores, 16 de xuño de 2010

A revolta dos mouses




Aquí tendes un exemplo do que podedes atopar en flocos.tv, o último en oferta audiovisual creativa feita en Galicia. Neste caso é un vídeo de animación, pero hai tamén documentais, ficción, formato longo, etc. As primeiras longametraxes en galego, as históricas :SEMPRE XONXA, URXA, CONTINENTAL...permiten ser vistas dende a pw e , se vos rexistrades, podedes engadir comentarios. Que a disfrutedes.Para acceder só tendes que picar na palabra flocos que aparece no vídeo.

Premio de narrativa no concurso literario das Letras Galegas 2010


Miguel e Helena é un matrimonio galego que emigrou, o seu destino foi a capital de Arxentina, Bos Aires. Como tódolos emigrantes Galegos nos anos da Guerra Civil española, emigraron pola falta de oportunidades e tamén por ter unhas ideoloxías
moi contrarias ao bando azul. En Arxentina, non tiñan unha casa, só tiñan os aforros de toda súa vida. Buscaron un fogar para vivir e, por sorte, os dous encontraron un bo traballo para só ter 23 anos. Miguel traballaba nas instalacións do gran club arxentino, River Plate; e Helena era unha camareira dunha famosa pizzería do centro da cidade. Miguel tivo moita sorte porque un adestrador mirouno xogar nun partido e pareceulle un bo xogador para o seu equipo e díxolle que o quería no seu equipo. O que máis lle importou a Miguel, foi que ía gañar moito diñeiro por xogar nun equipo profesional. O 28 de febreiro debutou , Helena foi ver o partido coma unha seguidora mais. El era moi bo, o adestrador dixo logo do partido: “Cada vez que o vexo xogar, vexo un futbolista con moita calidade, sobre todo na velocidade e caneo.”
Todo o mundo fixábase en Miguel pero Helena tamén triunfaba na pizzería en que traballaba, ela ascendeu de camareira a encargada. O matrimonio galego que foi pobre transformouse nun matrimonio moi rico e poderoso. O avó de Miguel sempre dicía que o diñeiro volvía tolo a xente, ninguén lle facía caso a Angel agás Miguel que sempre levaba a practica os consellos do seu avó. Os familiares que habitaban en España, recibiron un golpe moi duro. O pai de Helena morreu asasinado polo bando franquista. Esta nova cambia a vida do matrimonio, ela estaba esnaquizada pola morte de Gabriel. Miguel propúxolle á súa muller ir a Galiza para visitar a familia e amigos no verán.

Chegou o verán, Miguel e Helena foron a Vigo, toda a cidade cambiou radicalmente só nun ano e medio. Os veciños do barrio estaban moi orgullosos do éxito do matrimonio en Arxentina e soñaban ver a Miguel xogando co Celta no campo de Coia. Helena, segundo a seu esposo, foi clave no éxito conseguido en Bos Aires.

Tralo seu regreso a Arxentina, informan a Miguel que un equipo español está interesado pola súa fichaxe pero non lle dixeron o nome do equipo.
Uns días máis tarde, chéganlle dúas novas; unha nova persoal e a outra profesional. A nova persoal é que Helena está embarazada dun neno, e a nova profesional é que o Celta de Vigo quere fichalo. O xogador non rexeitouou a oferta do equipo da súa cidade e volveron á súa terra para quedar definitivamente. A xente estaba moi contenta pola volta do matrimonio á súa terra, o diñeiro que gañaron en Sudamérica serviulles para reformar a casa dos pais de Miguel que estaba en ruínas.

Cinco meses despois da chegada a Vigo, naceu o seu fillo chamado Santiago. Co seu nacemento, Miguel e Helena mercaron unha casa mais grande situada nas aforas da cidade. Miguel empezou xogando en Barcelona, toda a súa familia foi ver o partido contra o poderoso Barcelona que foi o campión o ano anterior. En Barcelona, Helena encóntrase con Tania, unha xove de Cambados que tamén emigrou a Arxentina. Ela trasladouse a Barcelona polo seu marido,Ismael, que encontrou un traballo mellor nunha empresa telefónica. Ó chegar a Vigo, Helena chamou a súa irmá Alicia para contarlle a súa aventura en Barcelona e que viu a Tania .
Unha semana despois de volver a Barcelona, Miguel debuta co Celta no campo de Coia, tódolos veciños do seu barrio, amigos e familia foron ver o partido. O xogador do Celta marcou un gol na vitoria contra o Sevilla.

Coa chegada de Miguel e Helena, a familia foi enriquecendo de diñeiro. Candela, a nai de Miguel, decidiu investir mil pesetas nunha compañía de taxis xa que o seu avó foi taxista en Betanzos. Toda a familia aceptou a idea e propuxeron mercar unha casa na praia pero Miguel dixo que era moi cara aínda que en dous anos xa puideron mercala.

Durante dous anos, Santiago empezou a camiñar e ir á escola do seu barrio. El, segundo os mestres da escola, era un gran estudante e aprendeu a escribir moi cedo para a súa idade. Miguel seguiu xogando no Celta e conseguindo moitos éxitos profesionais. Helena dende que o seu esposo chegou a Vigo, non traballou, nese tempo dedicouse a coidar do seu fillo e de limpar e cociñar.

Xa pasados os anos 30, cando todo ía ben, morre Angel por tuberculose. Miguel, moi abatido e triste, pensou en seguir xogando ó fútbol ou en coidar da súa familia. A familia tiña moito diñeiro cousa que case ninguén podía conseguir, só o conseguía moi pouca xente nesa época. O diñeiro pode mercar todo agás a saúde.

Miguel estivo pensando o seu futuro como futbolista durante tres anos, el decidiu retirarse, o seu estado físico e mental non era moi bo e deixou de xogar o fútbol. Trala súa decisión, Helena e Santiago puideron disfrutar un pouquiño máis de Miguel, xa que cando xogaba, non podían estar moito con el. Cando o diñeiro era escaso, Helena decidiu poñerse a traballar na oficina da empresa de taxis na que investira a súa sogra.
A empresa de taxis triunfaba en Vigo, xa que era a única empresa de taxis da cidade.

Dez anos despois, cando Santiago tiña 18 anos, foi estudar a Santiago de Compostela para ser mestre. Sempre lle gustou ensinar e aprender cousas da xente. Mentras estudaba, escribía poemas en contra do réxime franquista aínda que dous libros foron censurados polo seu contido. Na universidade, coñeceu a Paloma, ela era unha compañeira de clase a quen Santiago tiña moito aprezo e tamén estaba namorado dela. O segundo ano da universidade, empezaron a ter unha relación amorosa moi especial. El sempre a levaba a sitios moi románticos como o Monte do Gozo en Santiago de Compostela ou o Castro en Vigo. Despois de rematar os estudos universitarios, casaron no castelo de Soutomaior. Miguel e Helena estiveron moi emocionados durante toda a cerimonia relixiosa xa que puideron darlle ao seu fillo pequenos consellos para manter o matrimonio para toda a vida. Nesa época, todo ía moi rápido, Santiago e Paloma foron de vacacións a Mallorca. Tralo seu regreso, fixeron pública unha nova: Paloma estaba embarazada dun neno.

Nove meses despois, naceu o fillo de Santiago e Paloma que son eu, Iago. Os meus pais educáronme dunha forma moi estrita e tamén moi seria, sempre quixeron que eu fora coma eles pero non sei moi ben como vou ser nun futuro. Encántame escribir sobre a historia dos meus antepasados, estou moi orgulloso deles porque aprendín moitas cousas. O meu avó Miguel fálame moito como se sentía cando marcaba un gol co Celta e tamén me dá moitos consellos sobre a vida. Case contei a historia da miña familia durante trinta anos aínda que sobre algunhas cousiñas non me lembro moi ben e por iso prefiro non poñelas. Seguramente, vos preguntaredes en que década escribo. Estou escribindo no ano 1963, ultimamente está moi de moda o grupo “The Beatles”, gústame bastante. O outro día tocaron en Nova Olimpia e as súas cancións son moi boas, encántanme as letras, espero que sigan moitos anos máis. Vigo crece moi rápido, hai un cambio urbanístico bastante grande, non imaxinades! Ben… despídome. Espero que vos gustase a historia da miña familia. Un saúdo amigos!