xoves, 6 de maio de 2010

Plantamos un ceibo


O pasado 27 de abril no instituto plantamos un ceibo para conmemorar tamén nós o día do Uruguai. Ao evento acudiu a consulesa do Uruguai en Galicia dende Santiago de Compostela. Ela falounos da historia do seu país e lemos en alto a lenda do CEIBO, a árbore emblemática do Uruguai.
LENDA DA ÁRBORE DO CEIBO

(tamén chamado seibo, seíbo, gallito ou bucaré)



Conta a lenda que nas beiras do Paraná vivía unha indiña fea, de trazos toscos, chamada Anahí. Aínda que era fea, nas tardes do verán deleitaba a toda a xente da súa tribu guaraní coas súas cancións inspiradas nos seus deuses e o amor á terra da que eran donos... Pero chegaron os invasores, eses valentes, atrevidos e destemidos seres de pel branca, que arrasaron as tribos e lles arrebataron as terras, os ídolos, e a súa liberdade.

Anahí foi levada cautiva xunto con outros indíxenas. Pasou moitos días chorando e moitas noites en vixilia, ata que un día no que o sono venceu á súa sentinela, a indiña logrou escapar, pero ao facelo, a sentinela acordou e ela, para lograr o seu obxectivo, espetou un puñal no peito do seu gardián, e fuxiu rápidamente á selva.

O berro do moribundo carcereiro, espertou aos outros españois, que saíron nunha persecución que se converteu en cacería da pobre Anahí, quen non tardou en ser alcanzada polos conquistadores. Estes, en vinganza pola morte do gardián, impuxéronlle como castigo a morte na fogueira.

Atárona a unha árbore e prenderon o lume, que parecía non querer alongar as súas lapas cara á moza indíxena, que sen murmurar palabra, sufría en silencio, coa súa cabeza inclinada cara un costado. E cando o lume comezou a subir, Anahí foise convertendo en árbore, identificándose coa planta nunha asombrosa milagre

Ao abrir o día, os soldados atopáronse diante do espectáculo dunha fermosa árbore de verdes follas relucintes, e flores vermellas aveludadas, que se mostraba en todo o seu esplendor, coma o símbolo de valentía e fortaleza diante do sufrimento.

Ningún comentario: