martes, 21 de xuño de 2011

SON UN PASMÓN / C. E. FERREIRO







Son un pasmón
peatón
con opinión,
dicindo a verdade núa
pola rúa.
Nunca fun usuario
de automóbil suntuario
nin tampouco utilitario.
Camiño a pé
e por iso é polo que
vexo o mundo tal cal é.
Sei da cobiza burguesa
e do furor proletario.
O pan gárdase na artesa
e a fame ronda a diario.
Ando sen présa,
nada altera o meu horario,
nin couta o meu comentario.
Non teño medo
do que o tempo traerá,
porque sei que tarde ou cedo
o que ha de vir chegará.
Horaboa ou horamá?
Tanto me dá!
Ogallá
 me colla vivo a noticia.
Que gran ledicia
ver chegar o que virá!
Para o gran suceso,
xa está aceso
acolá moi lonxe, un lume
que no mundo prenderá
e queimará
a fedenta podredume.

Camiño a pé
e por iso é polo que
vexo o mundo tal cal é.



Se algo hai destacable neste pequeno poema de C.E.Ferreiro é o uso sistemático da rima a final de verso, case como no rap, para falar dun tema cotián dende un punto de vista asumible por calquera. A sinxeleza está apoiada polo verso curtiño e sen complicacións semánticas. O seu contido é claro, invítase a ollar o mundo dende a base, sen pedestais nin prepotencias. Hai unha clara identificación entre o automóbil e o mundo que non queremos. O poema pertence ao libro Longa noite de pedra e é unha das poucas composicións amables incluídas neste emblemático poemario que ten como temática principal o alegato contra a dictadura e a dehumanización.


2 comentarios:

Amshun dixo...

bueno, no es en gallego, pero supongo que lo aprecierás Rosa, http://www.youtube.com/watch?v=Z51joi4TzR8

tirarrollas dixo...

Grazas polo enlace, gustoume moito o vídeo de Vigo visto como un estraño labirinto polo que deambulamos como formiguiñas. Eladio y los Seres Queridos é unha banda magnífica tanto na música como nas letras, grazas de novo, amigo.