xoves, 14 de outubro de 2010

Benvid@s ao novo curso 10-11



Este ano escolar empezamos forte en 4ºB.
Lemos pormenorizadamente O CAN DANADO de CE FERREIRO e topamos moitos recursos literarios que dan conta da atmósfera de terror que se viviu neste país na época en que foi escrito o texto. Por desgraza é a mesma na que se vive hoxe naqueles lugares onde está extirpada a liberdade de pensamento, de expresión, de obra e de acción.
Como o texto dá para moito, extraemos vocabulario para experimentar con el unha técnica moi usada polas Vangardas: o automatismo, a escritura automática. Os resultados, por suposto, teñen moi pouco que ver co texto do que partimos. Para velos accedede aos comentarios. O vocabulario escollido aparece destacado en maiúsculas

O CAN DANADO

Igoal que un can DANADO nos camiños
o terror anda solto polo mundo.
Semella un vento negro que pousase
súas ÁS de corvo
sobre a frente dos homes temerosos.
Un XELO de INVERNÍA en DESCAMPADO
paraliza os RELOXOS, PERFURA as GORXAS
e pon VEOS de ANGURIA nas palabras.
Un grande telescopio nos vixía
coma un ollo de Cíclope
que segue os nosos pasos
e fita sen ACOUGO o noso rumbo,
dende tódalas fiestras,
dende tódalas torres,
dende tódalas voces que nos falan.
A noite é un micrófono impasíbel
que escoita o LATEXAR do noso peito,
coma un escuro espía que ESPREITASE
os nosos pensamentos máis SEGREDOS.
Todo se TROCA en cousa inconfesábel;
detrás de cada esquina unha sospeita,
unha DÚBIDA detrás de cada sombra,
e medo, medo, medo,
un pozo profundísimo de medo,
espello de auga fría
no que o terror se mira eternamente.

9 comentarios:

Anónimo dixo...

Eu estou impasible nun descampado vendo as ás dunha pomba danada, con anguria espreito o lago cheo de xelo; mentres o meu reloxo apunta as nove, o frío perfura a miña gorxa e fito sen acougo o veo da muller que garda o segredo do pobo...

Loiro

tirarrollas dixo...

Na invernía o descampado impasible cóbrese de xelo. Eu quedo anguriosamente fitando nos reloxos o tempo.

Bibson

Anónimo dixo...

Na invernía vese o xeo nos descampados. Un reloxo avisa sen acougo. Notas a gorxa danada e sentes latexar o corazón. Estante espreitando, fitando os teus pasos. Permanece impasible, garda o teu segredo. Dubidas, unhas ás véñente buscar, trocan a túa vida, perfuran a túa mente. O home do veo negro lévate lonxe, a anguria apodérase de ti...

Mpima

Anónimo dixo...

Alí estaba eu, sen acougo, o meu corazón latexaba tanto que se seguía así, sen dúbida, ía perfurarme o peito. No descampado e no adro da igrexa derretíase o xeo, era o remate da invernía, eu fitaba cara a porta cando o reloxo do templo comezou a soar e ela entrou impasible co seu veo, mentres eu semellaba un can danado, a miña gorxa secou de súpeto, mirei pola fiestra e vin con anguria un corvo e as súas negras ás parecían espreitar todos os nosos segredos

luaR

Anónimo dixo...

Ás de xelo, dubidosas, anguriosas perfurando o veo , trocan a invernía pola vida e o reloxo avanza.
A natureza latexa sen acougo, impasible ante as gorxas danadas que claman tempo, espreita e fita desde os descampados, ollando a súa obra.

Vaniich

Anónimo dixo...

A dúbida fita impasible e sen acougo lo latexar da anguria no xelo da invernía.
O espreitar do tempo perfura os reloxos e troca en segredos as gorxas da xente.
Un veo de ás pousa no descampado da vida e remata a dúbida.

Effo

Anónimo dixo...

Cacería

Sentín nas ás o xeo da invernía.
Fitei como un can danado a miña presa.
Seguía impasible como se xa agardase a miña aparición, como se fose ela a que espreitase dende aquel descampado.
Tal vez estiven disposta a trocar a súa vida pola miña.
Escoitei o latexar do seu corazón como un reloxo que marca os segundos...
Perfurei a súa gorxa.
Os seus ollos reflectían anguria cando atravesou o veo da morte.

Amina

Anónimo dixo...

O xelo perfuraba a gorxa e o corazón latexaba máis e máis rápido ao tempo que medraba unha anguria danada.
Mentres espreitaba o reloxo entroume a dúbida de se trocaba de hora...
Era a invernía, fitei pola fiestra unha gaivota de ás impasibles sobrevoar o descampado como se fose un segredo a súa vida...

Chus

Anónimo dixo...

O reloxo espréitanos sen acougo impasible e nós fitámolo con anguria, desexando que o deteña o xelo da invernía que anda solto polo descampado perfurando as gorxas ata parar o latexar do noso corazón danado, evitaremos que os nosos segredos e dúbidas saian ao exterior coas súas ás no veo da noite fría e escura
CELESTE