venres, 22 de xaneiro de 2010

extracto dun discurso paródico sobre o trilingüismo


DECRÉPITO DEL GALEGO. DECRÉPITO DO GHALLEJO. GALICIAN'S DECREPIT


Os galegos e galegas falarán español de luns a mércores e inglés xoves e venres, reservándose o galego para as bebedeiras e fins de semana.


Traslado dos restos da Lingua Galega ao Panteón de Galegos Ilustres.


Manual de gramática trilingüe para cada fogar galego.


Todas as materias troncais serán impartidas en español, coa excepción de traxe, paxe e garaxe.


Traslado da celebración do Día das Letras Galegas para o 30 de febreiro.


O himno galego pasará a chamarse God Save The Rumorosos e promoverase o seucoñecemento en inglés, chinés e ruso culto.


O programa Luar pasará a chamarse Moonlight Shadow.


Creación en todas as empresas galegas dun descanso de 10 mm ás cinco do serán para tomar o té


Para garantir o plurilingüismo no Parlamento de Galicia, os deputados do PP falarán en español, os do PSOE en inglés e os do BNG en galego.


Creación dunha nova canle autonómica de TV que emitirá as 24 horas a programación da BBC.


Promoverase a fonética inglesa con acento texano, para o cal se provocará no alumnado unha parálise inducida do beizo superior.


Para evitar a contaminación lingüística, o alumnado de Primaria non poderá pasar na aldea máis dunha fin de semana.


STOP ao fracaso escolar. As familias de alumnos e alumnas que suspendan máis de 5 materias terán dereito a unha entrevista no xornal El Mundo para se xustificar afirmando que a culpa é de que as clases se imparten en galego.


Asina o documento o partido BLOQUESOCIALISTAPOPULAR.


2 comentarios:

tirarrollas dixo...

O texto está extraído dun evento teatral executado en Compostela polas rúas da cidade vella a mañá da concentración en contra do decreto de plurilinguismo para o ensino . Destacamos o ton paródico e desquiciante baseado na creación sistemática de esxaeracións para conseguir o absurdo.
A camelia é un símbolo do idioma que resiste e permanece mesmo nas circunstancias máis adversas.

David profe de música dixo...

Ola, son David, ex-alumno do ROU e tamén ex-profe de música do ROU. Onte na manifa coincidín con Rosa e deume o enlace para este blogue. Está moi currado, esteticamente é moi xeitoso e os artigos que levo lidos parécenme interesantes. Eu tamén teño un blogue (http://davidov3.blogia.com), adicado principalmente á música e á literatura, pero cada vez teño máis artigos relacionados co noso idioma e cos problemas que o actual goberno nos está a provocar coa súa actitude lingüicida. Convídovos a visitar o artigo que fixen co motivo da prensa desta manifestación (http://davidov3.blogia.com/2010/012202-la-manifestacion-de-ayer-contra-el-decretazo-la-prensa-opina....php), e os artigos que adiquei ó noso idioma (http://davidov3.blogia.com/temas/galego.php). Unha aperta desde Verín