domingo, 22 de xuño de 2014

TEATRO DOCUMENTAL: Mulleres de area










O último día de clase celebrámolo por todo o alto no salón de actos con dúas representacións teatrais.

A primeira en castelán, unha ópera con texto de Bertold Brehct, interpretada e cantada por alumnado da ESO moi ben dirixidos por Diego Bouzón Caamaño, o profe de Música.




A segunda en galego, unha peza de teatro documental, con texto de Humberto Robles, interpretada por alumnas de 2º da ESO e 1º e 2º de BACHARELATO maxistralmente dirixidas por Xabier Lojo, ex-alumno do centro, a quen agradecemos o desenvolvemento e chegada a bon porto desta actividade. 

Falamos con Xabier un pouco antes da representación e estaba nerviosiño e como querendo fuxir cara a algún lado menos ao pé do escenario. Pero todo saiu ás mil marabillas, as rapazas bordaron o seu papel, houbo algunha momento que deixou o público impactado por unha posta en escena novidosa e comunicativamente falando, moi emotiva. Grazas ao labor deste grupo de rapazas, puidemos achegarnos á traxedia das mulleres de Ciudad Juárez e de todas as mulleres masacradas por razón de xénero. Grazas , Xabier, pola túa magnífica colaboración e por demostrarnos unha vez máis os talentos agochados que todos temos para facer da nosa experiencia vital un permanente experimento creativo.

Desexamos para o vindeiro curso a consolidación dun grupo permanente de teatro. Estamos seguras que entre o alumnado hai auténticos actores e actrices vocacionais e moitísimo talento para canalizar. Lembramos tamén que o que vimos representado o pasado venres foi a última fase dun longo percorrido, dende que se creou o grupo con voluntarios a principio de curso, pasando polos ensaios e o obradoiro de teatro que se levaron a cabo os martes pola tarde durante meses e meses, ás veces con temporal incluído. PARABÉNS A TODOS OS PARTICIPANTES neste obradoiro.








Fomos capturando pequenos fragmentos da obra que temos aínda que editar. Irémolos colgando todos, porque paga a pena velos todos. O ideal sería facer outra representación e gravala enteira, con reaccións do público incluídas. Pero, claro, iso aínda hai que preparalo. Bo verán para tod@s!




Ningún comentario: