venres, 30 de maio de 2014

con-ins-des- trución por módulos











A piques de clausurar o obradoiro de reciclaxe aberto polo departamento de dinamización do galego, outra experiencia piloto neste curso 2013-14, queremos agradecer a todo o alumnado participante que colaborou activamente dentro e fóra do horario lectivo na construción destes cestiños de colores feitos con simple papel de xornal,  moita paciencia e uns pouquiños pigmentos. Tamén o noso agradecemento a todo o profesorado que se interesou pola experiencia educativa e entrou ata o fondo do obradoiro para darnos ánimos e parabéns. 
Cos cestos descubrimos unha morea de habilidades agochadas nas mans, dende a confección das varas de papel, o seu trenzado e acabado, a coloración e posterior montaxe dun muro cesteiro que se foi ampliando a medida que pasaban as semanas. Co máis do medio centenar de canastos, estamos elaborando nestes días esculturas móbiles que milagrosamente se teñen en pé antes de derrubárense ao mínimo engadido. Na foto fixa aparecen  Noel e Gabriel conseguindo unha columna imposible en que a curvatura superior se desvía considerablemente do eixo sen que todo veña abaixo. 
Veunos a fin de semana enriba e os cestos ficaron pendurados do teito do obradoiro a modo de verbena cesteira, fáltanos a orquestra!
Por último, na derradeira semana do curso, faremos unha exposición-feira para facilitar o intercambio e compra-venda dos cestos. Así que estades tod@s convidadad@s! Podedes traer os vosos amigos e familia!







Ningún comentario: