domingo, 3 de marzo de 2013

REGRESO AO FUTURO



Hola, Isma:

O outro día non sei que che pasou, estabas na túa casa e viches unha máquina xigante, metícheste nela, premiches un botón e apareciches na prehistoria  falando cun dos teus antergos, en galego primitivo.

 Preguntouche se o entendías e ti dixécheslle que perfectamente, que eras de aquí mesmo. Fixéstesvos colegas enseguida e empezouche a contar o que facían día a día para non morrer de fame nin de noxo

. Vivían onde cadraba, mellor perto do mar. Adicábanse á pesca de xurelos, xoubas, ollomoles, pescadas, robalizas, polbos, e as mulleres apañaban todo tipo de mariscos e moluscos. Tamén cazaban. Pero o mellor para os nenos era ir á froita: mazás, peras, mouriños, moras, cereixas bravas. Ao teu amigo cavernícola non lle gustaban nada  os mexillóns, os centolos, as nécoras, os camaróns, nin sequera as lapas nin os caramuxos. Todo o contrario que a nós agora. Os máis fortes de cada clan sabían como facer monumentos con grandes pedras, eles chamábanlle menhires e onde se xuntaba varias destas pedrafitas era un lugar especiail de reunión: chamábanlle a praza Megaelíptica.

Despois de falar e falar, chegou o momento de despedirse, os dous tiñades que regresar onda as vosas familias. Volviches premer un botón e...pum! estou estou estou na casa? Ou nooon, esta vez caíches no Neolítico, cando xa se descubrira a agricultura.

Viches un neno moi parecido a ti que se chamaba Breogán. Díxoche que vivía alí nun castro moi perto de onde estabades. Fostes alí e ensinouche as pallozas feitas de cachotes co tellado de colmo. Propuxécheslle xogar ao xadrez, pero non tiña, nin sabía o que era. Claro! aínda non viñeran os árabes. Entón el propuxo xogar aos pelouros. Había que empezar por atopar unha manchada de pedriñas redondiñas e moi pulidas, despois colocábanse na conca dunha man e tirábanse ao ar, quedabas coas que conseguías capturar coa parte de arriba da man; despois collías un pelouro e tirábalo ao ar, mentres subía e baixaba a ti dábache tempo apañar do chan como mínimo unha, así ata que tiñas todas; se non eras capaz de capturar ningunha, perdías a vez e tocáballe a outro. Fostes á procura de pelouros entre os carrascos, os toxos e as xestas, mentres nun pequeno obradoiro se preparaban os lingotes de estano para intercambiar co mercader fenicio que viña sempre co bo tempo.

De súpeto soou a corna fúnebre. O tío de Breogán, que era guerreiro, morrera esmagado por unha gran laxa na construción da sauna. O druída mandou preparar a incineración e a Breogán tocaríalle herdar todos os seus obxectos de valor.

Marabillado, volviches para a túa casa na nosa época e agora estás aí, lembrándoo todo para escribirme unha carta en que me contarás como coñeciches aos teus antergos.

Saúdos.





idea narrativa aportada por: ROCAPIB



Ningún comentario: