venres, 11 de novembro de 2011

RETRATOS ROBOT-ABSTRACTO

Nun día tan especial coma este, o once do once do dous mil once, alá polas once da mañá os pequenos remataron uns cantos retratos abstractos de robots espaciais e os resultados case igualan aos conseguidos para a confección de menús. Como ademáis da estraña configuración numérica, hoxe é o día de San Martiño, ese que lle chega a todo porquiño, estamos de festa rachada, asando enormes castañas ben acompañadas de filloas, biscoito de chocolate e galletiñas caseiras. Todo ese aporte enerxético vénnos moi ben para dar boa conta deste raudal imaxinario que acaba de eclosionar no IES Uruguai. Bo venres 11 a tod@as!





RETRATO1

Olla as túas cellas sorprendidas,
o teu nariz furioso,
eses beizos amorosos e atraentes,
as meixelas vergoñentas,
o queixo simpático e as xenerosas orellas.
Os ollos estánseche poñendo somnolentos
e no entrecello empeza a chover desilusión.
As pestanas nerviosas non paran de dubidar.
A fronte despexada tatexa.
O pelo recóllelo con alegría e frescura, quedan ao vento algúns mechóns de simpatía e amizade.
O iris escureceu de coraxe furiosa.
As pálpebras pequenas emiten sons.
O branco dos ollos énchese de medo, pánico e terror
e os dentes están acugulados de egoísmo.
Unha risa nerviosa esboza as queixadas sen pedir permiso ás meixelas magoadas.
A noca atenta prefire mostrarse alegre, alargada e moi curiosa.




RETRATO2 (EN SOÑOS)
Nos cabelos da moza esvara feliz a curiosidade. Na fronte buliga o nerviosismo porque sabe que esa noite irá cos ollos cheos de amor a un baile sen máscaras. O medo recúa nas súas pestanas. Que lle diría? Preguntábase. Volveu co queixo cheo de furia e coraxe. As cellas bailaban unha valse de tristura. Sentiu vergoña nos pés. Foi a peor noite da súa vida.



RETRATO3
Cáenlle bágoas de euforia soñada
polo nariz escorren traizoadas.
Por culpa da súa ignorancia
caen polo retrete sen misericordia.

A vergoña péchalle os beizos.
A soidade impide ser escoitado.
Carentes de cortesía, cando pechan as pálpebras
énchense de esquecemento.

A falta de coñermento do seu oído
fai que a intelixencia dea de fronte co silencio.
A culpa tena o egoísmo da carraxe detida nas meixelas.
O medo silencia a lingua.
Non sabe que dicir.



RETRATO4
El tiña ollos alegres,
cellas cheas de vergoña,
nerviosismo nos beizos
e sorpresas na boca.

El tiña euforia na fronte
e algo de egoísmo
o soño de ter unha idea
intelixencia e curiosismo.


El tiña o pelo crecho
con aros de mágoa,
un aquel de simpatía
nunca trae rabia.

O temor de ter
depresión ou odio
non ten por que
enchereche as pálpebras de noxo.

RETRATO5
Pupilas de egoísmo
fronte de noxo
queixo de ignorancia
cellas de soño
ollos de sorpresa
beizos recheos de alegría
nariz pacífico con liña simpatía
iris cheo de amor
peito confiado
lingua xenerosa
dentes curiosos
entrecello intelixente
branco do ollo medoñento
pavillón do pánico.
Se eu fose ti
non tería vergoña
sería feliz
sen depresións, sen tristura
cheo de euforia amable
para agasallar con amor
o teu corazón
dígoche
ámote
cabezón

Ningún comentario: