
.jpg)
Este ano escolar empezamos forte en 4ºB.
Lemos pormenorizadamente O CAN DANADO de CE FERREIRO e topamos moitos recursos literarios que dan conta da atmósfera de terror que se viviu neste país na época en que foi escrito o texto. Por desgraza é a mesma na que se vive hoxe naqueles lugares onde está extirpada a liberdade de pensamento, de expresión, de obra e de acción.
Como o texto dá para moito, extraemos vocabulario para experimentar con el unha técnica moi usada polas Vangardas: o automatismo, a escritura automática. Os resultados, por suposto, teñen moi pouco que ver co texto do que partimos. Para velos accedede aos comentarios. O vocabulario escollido aparece destacado en maiúsculas
O CAN DANADO
Igoal que un can DANADO nos camiños
o terror anda solto polo mundo.
Semella un vento negro que pousase
súas ÁS de corvo
sobre a frente dos homes temerosos.
Un XELO de INVERNÍA en DESCAMPADO
paraliza os RELOXOS, PERFURA as GORXAS
e pon VEOS de ANGURIA nas palabras.
Un grande telescopio nos vixía
coma un ollo de Cíclope
que segue os nosos pasos
e fita sen ACOUGO o noso rumbo,
dende tódalas fiestras,
dende tódalas torres,
dende tódalas voces que nos falan.
A noite é un micrófono impasíbel
que escoita o LATEXAR do noso peito,
coma un escuro espía que ESPREITASE
os nosos pensamentos máis SEGREDOS.
Todo se TROCA en cousa inconfesábel;
detrás de cada esquina unha sospeita,
unha DÚBIDA detrás de cada sombra,
e medo, medo, medo,
un pozo profundísimo de medo,
espello de auga fría
no que o terror se mira eternamente.