xoves, 21 de xaneiro de 2016

Os gremios medievais, entre eles o dos cesteiros




Seis oficios gremiais: canteiros, alfares, cesteiros, panadeiros, boteiros e zapateiros ilustrados na azulexería catalana. Son o antecedente da formación profesional e dos sindicatos de traballadores. O aprendiz empezaba a aprender o oficio dende neno e a medida que se profesionalizaba ía acadando a categoría de oficial e de mestre. Despois dunha vida enteira adicada a un oficio, non é de estrañar que as obras chegasen a ser consideradas artísticas. Todo se facía a man e, no caso dos cestos, o máis importante era o acabado perfecto. 

Demos cun antecedente medieval dos nosos cestos reciclados de papel de xornal: O cesto redondo con armazón.



Este é un prototipo datado no século XII do que se conserva unha  descrición en Alemaña. As diferentes partes do cesto teñen denominacións que delatan a visión teocéntrica da época:
1.  A armazón tamén se chama "alma", de xeito que unha asa con interior de madeira, chámase "asa con alma"
2. O cesto empézase con dous círculos iguais  de vimbio groso que se colocan en vertical e horizontal. Onde conflúen fórmase unha cruz que se ata cun nó coñecido en todo o mundo como o "ollo de Deus". Dese nó fanse partir os radios que lembran os raios divinos. 

Nesta imaxe podemos ver traballos feitos coa técnica do ollo de Deus por tribos americanas precolombinas da parte de México. Realizábanse para agasallar aos recén nacidos como amuletos protectores.




E para rematar esta entrada cesteira e medieval, lembrar que a aparición dos primeiros cestos  sitúase no 12.000 antes de Cristo, antes que os tecidos, os recipientes de barro  ou as redes, en Oriente Medio.



Imaxe dun cesto prehistórico.




Ningún comentario: