Amosando publicacións coa etiqueta cestos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta cestos. Amosar todas as publicacións

xoves, 21 de xaneiro de 2016

Os gremios medievais, entre eles o dos cesteiros




Seis oficios gremiais: canteiros, alfares, cesteiros, panadeiros, boteiros e zapateiros ilustrados na azulexería catalana. Son o antecedente da formación profesional e dos sindicatos de traballadores. O aprendiz empezaba a aprender o oficio dende neno e a medida que se profesionalizaba ía acadando a categoría de oficial e de mestre. Despois dunha vida enteira adicada a un oficio, non é de estrañar que as obras chegasen a ser consideradas artísticas. Todo se facía a man e, no caso dos cestos, o máis importante era o acabado perfecto. 

Demos cun antecedente medieval dos nosos cestos reciclados de papel de xornal: O cesto redondo con armazón.



Este é un prototipo datado no século XII do que se conserva unha  descrición en Alemaña. As diferentes partes do cesto teñen denominacións que delatan a visión teocéntrica da época:
1.  A armazón tamén se chama "alma", de xeito que unha asa con interior de madeira, chámase "asa con alma"
2. O cesto empézase con dous círculos iguais  de vimbio groso que se colocan en vertical e horizontal. Onde conflúen fórmase unha cruz que se ata cun nó coñecido en todo o mundo como o "ollo de Deus". Dese nó fanse partir os radios que lembran os raios divinos. 

Nesta imaxe podemos ver traballos feitos coa técnica do ollo de Deus por tribos americanas precolombinas da parte de México. Realizábanse para agasallar aos recén nacidos como amuletos protectores.




E para rematar esta entrada cesteira e medieval, lembrar que a aparición dos primeiros cestos  sitúase no 12.000 antes de Cristo, antes que os tecidos, os recipientes de barro  ou as redes, en Oriente Medio.



Imaxe dun cesto prehistórico.




venres, 30 de maio de 2014

con-ins-des- trución por módulos











A piques de clausurar o obradoiro de reciclaxe aberto polo departamento de dinamización do galego, outra experiencia piloto neste curso 2013-14, queremos agradecer a todo o alumnado participante que colaborou activamente dentro e fóra do horario lectivo na construción destes cestiños de colores feitos con simple papel de xornal,  moita paciencia e uns pouquiños pigmentos. Tamén o noso agradecemento a todo o profesorado que se interesou pola experiencia educativa e entrou ata o fondo do obradoiro para darnos ánimos e parabéns. 
Cos cestos descubrimos unha morea de habilidades agochadas nas mans, dende a confección das varas de papel, o seu trenzado e acabado, a coloración e posterior montaxe dun muro cesteiro que se foi ampliando a medida que pasaban as semanas. Co máis do medio centenar de canastos, estamos elaborando nestes días esculturas móbiles que milagrosamente se teñen en pé antes de derrubárense ao mínimo engadido. Na foto fixa aparecen  Noel e Gabriel conseguindo unha columna imposible en que a curvatura superior se desvía considerablemente do eixo sen que todo veña abaixo. 
Veunos a fin de semana enriba e os cestos ficaron pendurados do teito do obradoiro a modo de verbena cesteira, fáltanos a orquestra!
Por último, na derradeira semana do curso, faremos unha exposición-feira para facilitar o intercambio e compra-venda dos cestos. Así que estades tod@s convidadad@s! Podedes traer os vosos amigos e familia!







sábado, 5 de abril de 2014

INSTRUCIÓNS PARA ANIMARSE ou non A FACER UN CESTO








por DOWNEY

A ver, xente, eu non teño nin idea disto. De feito, o que fixen polo de agora no meu cesto foi coa axuda da profe. Así que, se queres, faime caso e apunta: non acabarás cun cesto senón cunha bóla de escoura de papel tintado.

Para empezar,  temos que facer unha morea de pauciños de papel de xornal de maneira que poidamos unilos con moita facilidade metendo o extremo dun no extremo doutro; a este fenómeno creo que se lle dá o nome de EMPATE. A continuación, montamos seis varas de dobre tubo ou pau ou rulo, facemos feixes de tres e montamos unha cruz con eles, esmagamos ben coa palma da man o centro. Isto último podes facelo con suavidade, tacto e cariño ou co denominado modo roqui, a golpes de cotobelo. Despois temos que facer algo arriscado... unha viaxe á hiperpinza, nada máis e nada menos que un empate de tres varas, rulos ou tubos, teremos un megarrulo que dobraremos pola metade para empezar a base ou cú do cesto. A primeira volta enrolamos as varas de tres en tres pasando unha vara da pinza por riba e outra cruzada por debaixo de cada feixe de tres. A partir da segunda volta enrolamos nun oito cada unha das varas do redondel e así seguido ata acadar o ancho da base que queremos que teña o noso cesto.....e polo de agora nada maís, supoño que continuar en vertical ata que o cestiño vaia aparecendo el só. Ben, non me fagades moito caso xa que facendo cestos eu son como Esperanza Aguirre facendo trasnadas co seu coche privado...moi perigoso!