Amosando publicacións coa etiqueta denuncia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta denuncia. Amosar todas as publicacións

xoves, 9 de marzo de 2017

Por cada muller .........









POR CADA MULLER HAI UN HOME

Por cada muller forte, farta de ter que aparentar debilidade,
hai un home débil farto de ter que parecer forte.

Por cada muller farta de ter que actuar como unha parva,
hai un home agobiado por ter que aparentar sabelo todo.

Por cada muller farta de ser cualificada como “femia emocional”
hai un home a quen se lle negou o dereito a chorar e a ser delicado

Por cada muller catalogada de pouco feminina cando compite,
hai un home que se ve obrigado a competir para que non se dubide da súa masculinidade.

Por cada muller farta de sentirse un obxecto sexual,

hai un home preocupado por aparentar que está sempre disposto.

Por cada muller que se sente atada polos fillos,
hai un home a quen se lle negou o pracer da paternidade.

Por cada muller que nunca tivo acceso a un traballo ou salario satisfactorio
hai un home que debe asumir a responsabilidade económica doutro ser humano.

Por cada muller que descoñece os mecanismos dun automóbil
hai un home que nunca aprendeu os segredos da arte de cociñar.

Por cada muller que dá un paso cara a súa propia liberación,
hai un home que redescobre o camiño á liberdade




Por cada muller á que non se lle recoñece o dereito ao estudo
hai un home que permanece analfabeto emocional toda a vida ( Eva R)

Por cada muller sen vacacións
hai un home manga por hombro (motero)

Por cada muller maltratada
debería haber un home no xulgado (o polbeiro)

Por cada muller que pensa que non serve para nada
hai un home que coida que serve para todo (laranxiña)

Por cada muller que desexa traballar na oficina
hai un home que goza traballando na cociña (Xoán o tolo)

Por cada muller morta
hai un orfo que chora (Aine)

Por cada muller mutilada
hai un home que non pode nin imaxinar esa dor (Cristian)

Por cada muller farta de estar confinada na casa
hai un home querendo quedar nela un pouco máis (Mathi)

Por cada muller que madurou antes de tempo
hai un home que segue sendo un neno (Andreu)

Por cada muller intelixente sen emprego
hai un home aparvado polo traballo ( Evichu)

Por cada muller violada hai un psicópata satisfeito (Aitormenta)

Por cada muller maltratada
debería haber un home arrepentido (Andrea)

Por cada muller sen voz nin voto
hai un home que se manifesta ( Nano)

Por cada muller analfabeta
hai un home con fracaso académico (Negro do whatsapp)




          






domingo, 22 de xuño de 2014

TEATRO DOCUMENTAL: Mulleres de area










O último día de clase celebrámolo por todo o alto no salón de actos con dúas representacións teatrais.

A primeira en castelán, unha ópera con texto de Bertold Brehct, interpretada e cantada por alumnado da ESO moi ben dirixidos por Diego Bouzón Caamaño, o profe de Música.




A segunda en galego, unha peza de teatro documental, con texto de Humberto Robles, interpretada por alumnas de 2º da ESO e 1º e 2º de BACHARELATO maxistralmente dirixidas por Xabier Lojo, ex-alumno do centro, a quen agradecemos o desenvolvemento e chegada a bon porto desta actividade. 

Falamos con Xabier un pouco antes da representación e estaba nerviosiño e como querendo fuxir cara a algún lado menos ao pé do escenario. Pero todo saiu ás mil marabillas, as rapazas bordaron o seu papel, houbo algunha momento que deixou o público impactado por unha posta en escena novidosa e comunicativamente falando, moi emotiva. Grazas ao labor deste grupo de rapazas, puidemos achegarnos á traxedia das mulleres de Ciudad Juárez e de todas as mulleres masacradas por razón de xénero. Grazas , Xabier, pola túa magnífica colaboración e por demostrarnos unha vez máis os talentos agochados que todos temos para facer da nosa experiencia vital un permanente experimento creativo.

Desexamos para o vindeiro curso a consolidación dun grupo permanente de teatro. Estamos seguras que entre o alumnado hai auténticos actores e actrices vocacionais e moitísimo talento para canalizar. Lembramos tamén que o que vimos representado o pasado venres foi a última fase dun longo percorrido, dende que se creou o grupo con voluntarios a principio de curso, pasando polos ensaios e o obradoiro de teatro que se levaron a cabo os martes pola tarde durante meses e meses, ás veces con temporal incluído. PARABÉNS A TODOS OS PARTICIPANTES neste obradoiro.








Fomos capturando pequenos fragmentos da obra que temos aínda que editar. Irémolos colgando todos, porque paga a pena velos todos. O ideal sería facer outra representación e gravala enteira, con reaccións do público incluídas. Pero, claro, iso aínda hai que preparalo. Bo verán para tod@s!




luns, 4 de febreiro de 2013

Mil grúas no Uruguai






Unha preciosa nube de grúas multicolores pousou en formación na entrada do instituto.Viñeron lembrarnos as víctimas de Hiroshima e Nagasaki, todas e cada unha das víctimas de todas as guerras. Nós tamén quixemos que en cada unha delas se vise reflectido un desexo unánime: que non se volvan repetir os erros do pasado, erros macabros que nunca poderemos entender.
Todo o alumnado e profesorado colaboramos para organizar este evento, usáronse follas de xornais, revistas,  libreta, folios, papel de cores. Facían falta mil pero en pouco tempo fomos quen de pregar e botar a voar case o dobre. Queremos felicitarvos a todas e todos pola vosa colaboración, facendo e ensinando a outros a facer estes pequenos grandes traballos de papiroflexia.
Este é o vídeo que vimos no salón de actos, xunto coas fotografías de diferentes momentos da elaboración do proxecto.
Deixamos máis fotos.



























sábado, 28 de abril de 2012

Os de 3º na cadea humana contra a vilencia de xénero





Alguén de nós tiña na recámara  imaxes da cadea humana que se formou en Vigo en contra da violencia de xénero a principios de curso. Do ROU fomos un grupiño de terceiro e creo que saímos todos.


venres, 13 de xaneiro de 2012

Man de Camelle




Na páxina web adicada a Man de Camelle tivemos a fortuna de dar con este vídeo en que o alemán aínda estaba vivo e ninguén sospeitaba o tráxico final da súa gran historia persoal. Rodado no verán do 86, podemos ver parte do seu traballo ao ar libre e coñecer algo da súa misteriosa personalidade. Quen isto escribe lembra estar no xardín de pedra construído por Manfred e falar con el nun ton amabilísimo e acolledor tamén a finais dos 80. Estamos seguros que entre todos os que admiramos a súa obra conseguiremos que non caia no esquecemento máis absoluto. Quedades invitados a unha visita virtual a través do enlace que vos deixamos   .

mércores, 8 de xuño de 2011

FALEI COA MIÑA NAI E A MIÑA AVOA


Vista dende San Salvador ,antes da ETEA e da hermida,
 nun tempo en que Teis era agrícola  e estaba aprendendo
a autoxestionarse. Principios do séc.XX.


Cando a miña nai era pequena, Vigo era moi diferente de como é hoxe . Antes había moitos menos edificios e algunhas casa máis das que hai agora. Moitas desapareceron, tiráronas abaixo para edificar.

Antes a Travesía de Vigo estaba chea de campos de cultivo cunhas poucas casas esparexidas pola paisaxe. Na rúa Aragón todo eran fincas e dende calquera lado vías o mar, o Morrazo e as Illas Cíes. Agora, nacen edificios que tapian a rúa a un lado e máis a outro.

Un dos barrios que menos cambiou nas últimas décadas é Bichita, que conserva o vello polígono das casas baratas, reformado e conservando as zonas verdes; ben hai uns cantos edificios máis, algún con nove pisos de altura que desntoa na contorna de construcións de baixa altura.

A contorna de Samil non estaba urbanizada, era todo monte e bosque autóctono cunha fermosa cadea de dunas fixas, cheas de vexetación, que servían de barreira natural entre o mar e a terra.

O monte do Vixiador estaba cheo de animais, había xabarís, moitos tipos de paxaros, cabalos salvaxes...

Na illa de Toralla non había edificacións, nin casas, nin o rechamante edificio que fixeron nos setenta. Na zona do Bao practicamente non vivía ninguén. A única poboación perto da illa era Canido.

Os lugares que rodeaban cada pequeno barrio periférico de Vigo eran vertedoiros descontrolados. Toda a cidade en xeral era bastante sucia, pois non tiñamos o hábito de usar papeleiras e todo se tiraba ao chan.

A miña avoa comentoume que cando era pequena nin pola cabeza  lle pasaba que Vigo puidese cambiar tanto, nin en tan pouco tempo. No camiño de Frián non había nin un só edificio. Non existían os bloques de Fenosa, nin o Carrefour, nin Mercadona, nin o Cash, nin Dia. Coa paisaxe primitiva perdeuse moita seguridade , os camiños foron convertidos en estradas cheas de automóbiles, vitrasas e motos ; os nenos deixaron de ter lugares próximos ás casas para xogar e os vellos xogos caeron no esquecemento. Tamén se foi perdendo o trato amable entre veciños de toda a vida; antes os veciños visitábanse e a porta da casa estaba aberta para quen quixer entrar. Cando alguén facía sidra ou viño, todo o mundo probaba. Cando se pescaba moito, había peixe para todos. Cando había moita froita, regalábase. Nas fogueiras de San Xoan, reuníanse as familias en torno á mesma fogueira. No día da festa maior toda a parroquia se xuntaba para bailar e beber e comer o que fixera falta ata caer de cú.  En Teis, que é un barrio grande, coñecíanse as familias todas, dende Frián e Rorís ata o Praixal, A Riouxa, Ríos, A Oliveira, Espiñeiro, Guixar, A Robleda...
Mesmo había moi boa relación veciñal coa xente de San Xoán e do Calvario ou de Cabral.
Hoxe en día a ninguén lle importa o que lle pasa a outro e é frecuente a indiferenza entre xente que vive porta con porta.

Parece, pois, que Vigo mellorou no aspecto hixiénico, "nivel de vida", comodidade e capacidade adquisitiva pero perdeuse moito na calidade das relacións sociais e medioambientais.


fronteira cultural invisible
confluencia de Sanxurxo Badía -Guixar e García Barbón
1950
só un pouco antes da eclosión urbanística




Lembranzas familiares aportadas por...................FELPS

venres, 4 de marzo de 2011

A REVOLTA DOS ANIMAIS / GEORGE ORWELL

É un libro doado de ler, e moi interesante. Faise un símil da Revolución Rusa e do stalinismo que Geroge Orwell desprezaba. A novela non conta con case ningún elemento grotesco ou humorístico, sendo unha historia máis tráxica do que eu pensaba. Algúns detalles da narración resultáronme cómp`lices e hábiles, quizais porque son afeccionada á historia rusa. O conto é como unha chiscadela de principio ao fin, aínda que o significado tráxico e pesimista da acción o converte nun aceno de tristura. E, desde logo, non se lle pode negar un constante toque de fábula amena e sinxela, unha boa maneira de que mesmo un neno poida comprender sobre a dinámica de toda revolución. Algunhas decodificacións poden ser as seguintes:
PORCOS: a clase dirixente. Representa o goberno comunista e dictatorial da etapa rusa bolxevique. É o poder corrompido: MAIOR = LENIN ( o gran soñador, o formulador da utopía), SNOWBALL = TROTSKI (perseguido e desprezado polo goberno revolucionario), NAPOLEÓN = STALIN ( o gran dictador, o asasino do espírito revolucionario, o inventor do capitalismo do estado), 
SQUEALER = parece querer simbolizar o aparello propagandístico fanático e enganoso a favor do culto a Stálin.
A GATA = semella querer representar a actitude antirevolucionaria e conformista dos nobres que seguían a favor do antigo réxime zarista. Os membros da aristocracia rusa que sobreviviron ao embiste revolucionario acabaron exiliados fóra do país. O seu mundo estaba acabado.
O CORVO MOSES = simboliza a igrexa ortodoxa rusa, que apoiaba, santificaba e divinizaba aos zares na época anterior á revolución.
O CABALO BOXER = Representa o proletariado ruso. Matouse traballando para a revolución. Apoiou ata a extenuación o goberno revolucionario. Prometéranlle pensión de xubilación e coidados na vellez, finalmente, cando estaba xa exhausto, levárono ao matadoiro para expremerlle ata a última tallada de carne.
OS CACHORROS TRANSFORMADOS EN CANS DOENTES = simbolizan por un lado a xuventude rusa criada na educación autoritaria e obrigatoria que impuxo o réxime aos cativos rusos dende case o momento do seu nacemento, priorizando determinadas materias e áreas do saber e obrigándoos a prácticas académicas ao servizo dos intereses do estado. Tamén simbolizan, chegados a cans, as forzas de seguridade e todo o sistema de control do réxime sobre a poboación. Garanten a orde e a ausencia de calquera posible disidencia.
AS OVELLAS = a poboación submisa
O MUÍÑO = o progreso a calquera prezo
OS DEZ MANDAMENTOS = a lei, desprezada por quen a impón

Toda unha lección de lectura en paralelo

Reseña aportada por.......Allison

martes, 1 de marzo de 2011

RECUPERACIÓN DA MEMORIA HISTÓRICA



Neste enlace atoparás a presentación da actividade e máis comentarios dos compañeiros de 4ºA

http://carallocorou.blogspot.com/2011/02/os-tesouros-vivos.html

PROPOSTA: cóntanos sobre o libro vivo que visitaches, opina sobre a historia e a maneira que tivo o narrador de contarcha. Dinos se coñeces alguén que poida ter historias vivas para contarnos. Fai unha estimación da actividade.