Amosando publicacións coa etiqueta campos semánticos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta campos semánticos. Amosar todas as publicacións

domingo, 14 de maio de 2017

UNHA ESCOLA DE FÁBULA

-Unha escola de insectos-

Nun lugar moi lonxano, existe unha escola de insectos, eu son unha simple formiga que teño que ir nun cabaliño do demo, porque andando non é moi doado. Polo camiño atopo a abella e a mosca voando para chegar antes, e o saltón co seu mellor amigo o grilo saltando para chegar rápido tamén. Ao chegar é moi típico encontrar os malotes fumando clorofila: o mosquito, a araña e a avespa. A eiruga chega tarde e o profe escaravello verde sempre a castiga. A xoaniña e a bolboreta están co espello a man e con maquillaxe para impresionar á vacaloura. A lesma é a peor profesora de todas, parece parva sempre babando enriba, e iso sen falar da cadela de frade, cortando o rollo dos que falan unha palabra que non está no libro. Todos queren de parella ao cagalume cando toca laboratorio, é moi inxusto. A mellor clase é a do milpés, porque pasan uns dez minutos ata que entre. O carracho dame medo, sempre falando de sangue, nunca trae merenda e anda a pedila ás pulgas. Ao chegar a casa xogo coas lendias ata que as chame o señor piollo.





venres, 3 de marzo de 2017

O corpo humano (por fóra)


Algúns nomes de partes do corpo



















Os nomes dos dedos



Nesta ligazón hai moitos máis termos por orde alfabética







sábado, 13 de xuño de 2015

Tipocantamos no uruguai




Combinado de coplas de maio e tipografía.
As coplas inventadas en 1ºB, así como os nomes impresos en caixas, combínanase cos letreiros artesáns da horta para componer esta videomontaxe que demostra una vez máis que somos moito máis inventivos do que poida parecer. E que ben se lles dá a algúns rapear en galego! 

luns, 27 de abril de 2015

O XÉNERO DOS SUBSTANTIVOS 4



ESQUEMA DE GRUPOS DE PALABRAS QUE NON TEÑEN O MESMO XÉNERO GRAMATICAL EN GALEGO E CASTELÁN.

1. TODAS AS PALABRAS REMATADAS EN -AXE agás TRAXE, PAXE, GARAXE
 (proba a facer un listado sen ver no dicionario nin no caderno, a ver cantas se che ocorren, hainas a centos)

2. PALABRAS QUE DAN CONTA DE PARTES DO CORPO HUMANO: 
AS PÁLPEBRAS
O NARIZ
O QUEIXO
O PULSO
O LOMBO
OS XEONLLOS
A EMPEÑA
A MAMILA
AS DEDAS
O SOBACO
O PAPO DA PERNA
O PAPO DOS DEDOS

3.NOMES DE ANIMAIS

O ESQUÍO
A TOUPA
O SAPOCONCHO
A QUENLLA
A LURA
O CHOCO
O OURIOL
O PASPALLÁS
A PITA DO MONTE
O CARUNCHO
O VAGALUME
O CABALIÑO DO DEMO

4. VOCABULARIO SOLTO DE AQUÍ E DE ALÁ

SON MASCULINOS                              

O CUME
O LUME
O LEGUME
O COSTUME
O FOUCE
O COUCE
O CÁRCERE
O SANGUE
O MEL
O LEITE
O FEL
O SINAL
O SAL
O CAL
O LABOR

SON FEMININAS

A ÁRBORE
A PONTE
A ARTE
A COR
A DOR
A CANLE
A PARÉNTESE
A ANÁLISE
A CUTE
A PUBE
A ECLIPSE
A MARXE
A ORDE ( cronolóxica, alfabética, numérica.....)
A DESORDE  
  
Proba a
  1. adxectivalas con adxectivos marcados 
  2. introducilas con un ou varios determinantes. 
  3. poñelas en grao aumentativo e diminutivo
  4. traducilas ao castelán
  5. facer enunciados simples e complexos en forma de oracións e composicións con esta selección léxica.





venres, 24 de abril de 2015

XÉNERO DOS SUBSTANTIVOS 3











ANIMAIS +  2ª E 5ª PERSOAS DO PRET. PERFECTO



 Ti comiches a borra do choco co arroz  / Vós comestes a borra do choco co arroz

Ti viches unha quenlla papar unha lura / Vós vistes unha quenlla papar unha lura

Ti fotografaches ese sapoconcho africano /  Vós fotografastes ese sapoconcho africano

Liches o libro da lebre e o sapoconcho /  Lestes o libro da lebre e o sapoconcho

Subiches a unha atracción en forma de lura translúcida / Subistes a unha atracción en forma de lura translúcida

Tapaches o burato da toupeira / Tapastes o burato da toupeira

Apañaches ovos de paspallás na aldea/ Apañastes ovos de paspallás na aldea

Albiscaches un esquío no piñeiro / Albiscastes un esquío nun piñeiro




TIPOGRAFAMOS OS NOMES DOS CULTIVOS





No primeiro trimestre realizamos unha introdución á tipografía deseñando cada alumno un alfabeto con temática libre. Os resultados foron tan chamativos que coas letras dun alfabeto agricultor e festeiro montamos a cabeceira do noso blog.

No segundo trimestre cada alumno fixo o deseño tipográfico do seu nome e levouno a un molde de soporte duro para recortar. Con estes moldes podemos estampar cada nome no soporte que queiramos: probamos cunha caixa de madeira e cunha caixa de cartón, pero xa sabemos que é viable, con pintura adecuada, en tea de camisolas ou de calquera outra prenda.

No terceiro trimestre puxémonos mans á obra tipografando os nomes dos cultivos que van progresando na horta.. Vannos servir de  letreiros ben colocados en garrafas de plástico que se erguen sobre o terreo apoiadas nun vara de paraugas avariado. De maneira que xa descubrimos dúas utilidades novas para os recipientes de plástico transparente e para os elementos metálicos dos paraugas rotos. Parabéns a tod@s


ten  un certo aire alieníxena recén chegado da nosa galaxia cabácica exterior!






domingo, 30 de marzo de 2014

O carro e o home




O Carro e o Home from Matugeno on Vimeo.



Por segunda vez, volvemos incluír na nosa bitácora esta peza histórica do cinema documental galego( a versión de youtube foi eliminada, disque por infrinxir o regulamento de propiedade intelectual, unha mágoa). Nel relátase de maneira emotiva a longa e fructífera relación do home co carro, o carro artesán feito basicamente de madeira ensamblada de xeito que fose útil para todo tipo de labores e terreos. Unha vez máis, podedes constantar a grandísima habilidade dos mestres artesáns para crear algo útil para toda a comunidade a partir de elementos apañados directamente da natureza. No documental saen tamén faenas agrícolas directamente asociadas ao mundo do carro. Que o disfrutedes!

mércores, 2 de maio de 2012

rachando coa pana



Sara Petapou era unha muller peculiar que gustaba de vestir diferente a todo o mundo. Ela collía o primeiro que lle viña á man no armario. Se eran dúas saias, poñíaas. Se lle viña un chuvasqueiro, aínda que fose un día de sol, poñíao toda contenta e marchaba con el posto á praia. Todos os nenos da vila agardaban que Sara saíse da casa para ver aquel cadro abstracto que mudaba a diario de cores.
 Hoxe leva un bonito colar de diamantes saíndo do seu xersei de colo alto por debaixo da camisola do pillama. Que muller máis rara! E que levará por baixo?  Pois unhas cirolas de home tapadas por unha longa saia que se suxeita ao van cun cinto de fibela dourada. Da saia saen dous escarpíns estampados con porquiños. Á dereita de cada un pódense ver botoeiras sen botóns. Nos pés leva unhas pantuflas de cor negra. Con todo, o máis rechamante son os suplementos: reloxos a moreas, brincos de diferentes modelos a modo de medallas, cachirulo de cores na cabeza atado á maneira pirata das danzadoras populares.....Leva sempre nas mans unhas luvas e un paraugas coas cores do arco da vella. Algúns din que o pano dos mocos vai gardado nun calcetín e cando se asoa volve meter alí o pano e este ponse novo do trinque.


HAPPY GIRL








sábado, 10 de marzo de 2012

Arboredo bilingüe galego-castelán





Aquí temos o 1º vídeo montado por alumnas de 1º ESO B co tema do arboredo. Hai algúns erros pero creo que xa aparecen correxidos.Se vos animades a facer máis,  procurade captar fotogramas das follas e do tronco. Unha mesma árbore pode ter dous ou máis fotogramas que vaian do plano xeral ao detalle e viceversa. Se tendes árbores na vosa horta non dubidedes en retratalas. Faltan todas as froiteiras. Tamén se poden incluír os diferentes nomes cos que coñecemos esas árbores, por exemplo o lamagueiro é o mesmo que o chopo branco ou choupeira, o lodoeiro tamén é outra maneira de chamarlle ao ulmeiro, o estripeiro é o mesmo que o espiñeiro, cambroeira ou espiñeiro albar. Neste vídeo aparece o castiñeiro de Indias ( que dan as castañas das bruxas) pero non aparece o castiñeiro europeo, e a nosa é unha terra de castañas. Así que poñede atención ao material base que ides utilizar e que a boa sombra das árbores vos protexa.



martes, 13 de decembro de 2011

ai! o corpo! cantos sustiños nos dá!






Ben, por fin damos a benvida a este vídeo no noso caderno. Á terceira vai a vencida. Fixemos unha incursión nas imaxes en rede para ilustrar o vocabulario que dá conta dos aparellos sexuais externos masculino e feminino e demos con auténticas barbaridades, dende esaxeracións anatómicas e deformacións ata auténticas aberracións. Parece mentira que na era do audiovisual haxa tanta dificultade para dar con imaxes relativas aos sexos que gocen de saúde e unha certa normalidade. Supoño que iso significará algo. Entre outras cousas, que todo o relativo ao sexo segue sendo tabú e materia para as manipulacións máis disparatadas. Vía libre para os comentarios. Evítense as chocalladas embadurnantes.


venres, 2 de decembro de 2011

xoves, 24 de novembro de 2011

o corpo humano 2



Montaxe realizada por Funky Donkey, Estrela e Mapoula



mércores, 23 de novembro de 2011

venres, 11 de novembro de 2011

RETRATOS ROBOT-ABSTRACTO

Nun día tan especial coma este, o once do once do dous mil once, alá polas once da mañá os pequenos remataron uns cantos retratos abstractos de robots espaciais e os resultados case igualan aos conseguidos para a confección de menús. Como ademáis da estraña configuración numérica, hoxe é o día de San Martiño, ese que lle chega a todo porquiño, estamos de festa rachada, asando enormes castañas ben acompañadas de filloas, biscoito de chocolate e galletiñas caseiras. Todo ese aporte enerxético vénnos moi ben para dar boa conta deste raudal imaxinario que acaba de eclosionar no IES Uruguai. Bo venres 11 a tod@as!





RETRATO1

Olla as túas cellas sorprendidas,
o teu nariz furioso,
eses beizos amorosos e atraentes,
as meixelas vergoñentas,
o queixo simpático e as xenerosas orellas.
Os ollos estánseche poñendo somnolentos
e no entrecello empeza a chover desilusión.
As pestanas nerviosas non paran de dubidar.
A fronte despexada tatexa.
O pelo recóllelo con alegría e frescura, quedan ao vento algúns mechóns de simpatía e amizade.
O iris escureceu de coraxe furiosa.
As pálpebras pequenas emiten sons.
O branco dos ollos énchese de medo, pánico e terror
e os dentes están acugulados de egoísmo.
Unha risa nerviosa esboza as queixadas sen pedir permiso ás meixelas magoadas.
A noca atenta prefire mostrarse alegre, alargada e moi curiosa.




RETRATO2 (EN SOÑOS)
Nos cabelos da moza esvara feliz a curiosidade. Na fronte buliga o nerviosismo porque sabe que esa noite irá cos ollos cheos de amor a un baile sen máscaras. O medo recúa nas súas pestanas. Que lle diría? Preguntábase. Volveu co queixo cheo de furia e coraxe. As cellas bailaban unha valse de tristura. Sentiu vergoña nos pés. Foi a peor noite da súa vida.



RETRATO3
Cáenlle bágoas de euforia soñada
polo nariz escorren traizoadas.
Por culpa da súa ignorancia
caen polo retrete sen misericordia.

A vergoña péchalle os beizos.
A soidade impide ser escoitado.
Carentes de cortesía, cando pechan as pálpebras
énchense de esquecemento.

A falta de coñermento do seu oído
fai que a intelixencia dea de fronte co silencio.
A culpa tena o egoísmo da carraxe detida nas meixelas.
O medo silencia a lingua.
Non sabe que dicir.



RETRATO4
El tiña ollos alegres,
cellas cheas de vergoña,
nerviosismo nos beizos
e sorpresas na boca.

El tiña euforia na fronte
e algo de egoísmo
o soño de ter unha idea
intelixencia e curiosismo.


El tiña o pelo crecho
con aros de mágoa,
un aquel de simpatía
nunca trae rabia.

O temor de ter
depresión ou odio
non ten por que
enchereche as pálpebras de noxo.

RETRATO5
Pupilas de egoísmo
fronte de noxo
queixo de ignorancia
cellas de soño
ollos de sorpresa
beizos recheos de alegría
nariz pacífico con liña simpatía
iris cheo de amor
peito confiado
lingua xenerosa
dentes curiosos
entrecello intelixente
branco do ollo medoñento
pavillón do pánico.
Se eu fose ti
non tería vergoña
sería feliz
sen depresións, sen tristura
cheo de euforia amable
para agasallar con amor
o teu corazón
dígoche
ámote
cabezón

mércores, 9 de novembro de 2011

MENÚS ESPACIAIS



 Os de 1º  da Eso puxéronse a elaborar menús mois especiais, alentados pola lectura do xenial Gianni Rodari;  os resultados foron bastante máis que especiais, ata o punto que empezaron a saír propostas 
máis ben espaciais e galácticas, demostrando unha vez máis que a linguaxe non ten fonteiras cando vai guiada pola imaxinación sen límites. Deixamos aquí constancia cuns cantos exemplos prácticos:


MENÚ 1

Restaurante: OS PRATOS SUCIOS DE CHARLI

ENTRANTES:
Aceitunas ou olivas en tinta de boli
Lapis de cores en borra de choco
Plásticosa variados con unllas en esmalte
Cartón á francesa

1º PRATO
Escarpíns á feira
Asfalto recén pintado
Ovos recheos de esterco

2ºPRATO
Neumático á prancha con ensalada de parafusos
Móbil rebozado
Espello con patacas

BEBIDAS
Aceite centrifugado
Suor atrasada
Coca-loca
Boa de froitas do país

POSTRES
Pasta de dentes de morango ou menta
Desaugues azucrados


MENÚ 2

Restaurante: RESTAURANTE RÚSTICO ESPACIAL

1º PRATO
Ensalada de sementes de cabaciña con vinagre de mercurio
Torradas de pan galáctico con chourizo de porco voador
Sopa de po de aspiradora e pescada

2ºPRATO
Fideos estelares con salsa de sabor a pés
Puré de area de praia con repolo e bólas de escarpíns cocidos
Lasaña de quiñelas caducadas e cinsas acompañada de legumes cósmicos

POSTRES
Torta de núcleo de cometa
Flan de cartón e amorodos con auga de mar lunar
Xeado de atún de Saturno, sandía triangular e auga de chuvia con espigas de madeira


MENÚ 3

Restaurante: BASCAS ESPACIAIS

ENTRANTES
Patatas pasadas de rosca, sazonadas con unllas de pés de alieníxena
Sopa de acetona e lapos
Ollos estrábicos de troita de Neptuno

PRATO SEGUINTE
Solombo de rata de sumidoiro
Cocido espacial: Orella de can de Saturno, garavanzos sen remollo de Marte e brécol de Venus con patacas en formas de meteorito
Reloxo frixido con baba de caracol de farmacia

POSTRES
Torta de satélite con forma de media lúa
Natiñas con dedos mainiños de pé esquerdo


MENÚ 5


ENTRANTES
Croquetas cubertas de botóns caídos
Omeleta de reloxos suízos
Empanadillas de mosquitos no seu sangue

POTAXE: Potaxe de algodón con plumas de edredón

1º PRATO: Salmón cuberto de unllas con cortinas frixidas
                  Bragas usadas con salsa de tomate tipo puaf!

2º PRATO: Solas de zapato vagabundo con colares á romana
                  Dentes cariados incluído crebanoces

BEBIDAS: Cóctel de colonias con pingas de chuvia

POSTRE: Pastel de pelos con caspa

mércores, 15 de xuño de 2011

O carro e o home - Antonio Roman (1945)



Documental etnográfico sobre a cultura do carro en Galiza. Rodado no 1945, ofértanos unha visión panorámica do mundo rural galego a mediados do séc.XX, centrándose no carro como eixo narrativo. Cómpre destacar que a Galiza rural conservou formas ancestrais de ocupación do territorio ata finais de século. O panorama está cambiando drasticamente debido á:

rede viaria de autovías e estradas que tallan a paisaxe de maneira brutal, illando poboacións que sempre estiveron comunicadas por unha rede de camiños

éxodo da poboación campesiña ás cidades por falta de viabilidade económica

concentración parcelaria para crear explotacións lucrativas

abandono xeralizado

NOTA: neste vídeo podemos atopar imaxes de vocabulario referido a aparellos e faenas agrícolas. Aproveitádeas.

martes, 30 de novembro de 2010

Campo semántico de PARTIR. Exercicio

Tradeamos ou furamos ou esburacamos....a pedra, a madeira, unha parede.
Relamos ou raspamos....o queixo, o apio, a cenoria.
Esfolamos, pelamos ou espelicamos...todo o que ten pel ou pelello ou pelella: os dedos, a froita, as castañas.
Fanicamos ou esfanicamos todo obxecto suceptible de que lle rompa unha lasca: Un prato, unha cunca, a porcelana, a pedra, o mármore, a lousa.
Estragamos ou escacharramos calquera obxecto que deixa de funciopnar: unha radio, un móbil
Tallamos...a carne, cortamos, lañamos ...o peixe, un dedo, recortamos...papel
Toramos, rebanamos...obxectos redondos para facer toros ou rebanadas: o chourizo, a pescada, o tronco dunha árbore
Esfiañamos...teas, tecidos
Esgazamos ou rachamos... bandeiras, as sabas, a roupa
Esmagamos e machucamos...materia branda que cede baixo presión: patacas cocidas, pan, biscoito
Esfarelamos, pulverizamos, rebentamos, esfrangullamos, esmigalllamos, moemos...toda aquela materia que queremos reducir a po
Abrimos, fendemos, agretamos, escachamos, esnaquizamos, fragmentamos, escachizamos, crebamos, quebramos, fracturamos, britamos...materia compacta e dura:pedra, vidro, ósos, a terra seca.
Desintegramos...só cando rebentamos a nivel atómico.