luns, 25 de xuño de 2012

Estamos de aniversario



Este curso que remata o noso instituto está de aniversario, hai 25 anos que abriu as súas portas ao alumnado  da cidade para dar cabida a unha gran demanda de postos escolares na escola pública e fíxoo co nome de OS ROSAIS. 
O primeiro curso académico iniciouse con moito profesorado sen praza definitiva e con algúns  que tiveron continuidade ata a súa xubilación. Deses pioneiros aínda quedan no centro algúns en activo. 
Contaban estes días como non existía zona verde ningunha arredor do edificio e como todo o que hai plantado, excepto a herba brava, foi por vontade duns cantos profesores que empezaron a traer cedros, salgueiros, roseiras, palmeiras, faias antárticas, bambú, unha figueira, unha ameixeira ornamental que se pon tremenda nada máis rebentar a primavera, bulbos de amarelles, hortensias e un longo sen fin de especies vexetais que hoxe alegran os patios exteriores e interiores das instalacións. Vaian os nosos  agradecementos a quen tivo esa iniciativa porvirista. 
Andando os anos, non moitos, pasamos de ser ROSAIS para converternos no REPÚBLICA ORIENTAL DO URUGUAI, en honor ao país latinoamericano que acolleu con xenerosidade a todos os galegos que tiveron vontade ou a imperiosa necesidade de marchar ben por motivos económicos ou por motivos políticos. É se cadra por este vínculo co Uruguai que nós mantemos vivo que uns anos atrás o centro lideraba a acollida de alumnado inmigrante na cidade. Hoxe temos o honor de compartir as nosas experiencias con rapaces e rapazas de Rumanía, Senegal, Uruguai, Perú, Colombia, Pakistan, Costa de Marfil, Arxentina, Brasil e un longo etc.
O centro ten unha arquitectura moi peculiar que non encontra eco máis que nos vellos claustros monásticos do medievo, de onde se tomou a idea de facer unha cruceta central cuberta rodeada de catro patios interiores abertos ao céo o que lle dá unha gran luminosidade a todos os corredores e ás aulas cando teñen a porta aberta. 
Nesta cruceta demos co lugar ideal para facer unha montaxe de obxectos usados nas aulas e laboratorios ao longo de todos estes anos, están suxeitos a cadeas pero son cadeas rotas que só serven para ficar penduradas a modo de cortina futurista. Tamén fixemos un concurso de fotografía e dos traballos presentados o vídeo recolle só unha selección . Quen isto escribe agarda que sexa do voso agrado. Grazas a todos e todas as que formades parte desta pequena historia. Isto vai adicado a todos e todas as que estades, as que estivestes e as que aínda viredes para formar parte dela.
Feliz aniversario!

1 comentario:

tirarrollas dixo...

Pasounos tamén a nós, esquecemos poñer na peli os créditos da música de fondo. Isto arránxase enseguidiña: esa preciosa voz é dunha rapaza canadiana chamada Anjani Thomas, creo que foi decuberta por Leonard Cohen, e o título da canción é GRAZAS POLO BAILE (Thanks for the dance). Que o baile e a feste duren outros tantos anos e que non vos amarguen!