mércores, 26 de xuño de 2013

Proxecto petroglifos / 3ª fase: as nosas camisolas


A cousa empezou cun precioso documental sobre os que nos precederon na máis remota antigüidade. E xa estaban alí gravando pedras sen máis instrumento que un seixo afiado e unha pedra a modo de maza ou martelo. Agromaron moitas ideas, moitas preguntas, moitas ficcións e callaron nun cardume de pequenos relatos fantásticos, porque con eles puidemos practicar o verbo en presente, en pasado e en futuro. É máis, houbo quen se permitiu traballar o tempo en espiral, xogando con labirintos de ida e volta, na máis pura liña dos narradores experimentais. Despois necesitamos saber máis cousas sobre os celtas, os preceltas e o noso mundo antigo, necesitamos coñecer o mapa mundi dos gravados en pedra, o significado deses misteriosos deseños; eran pinturas rituais?, eran, son calendarios lunares?, marcan os petroglifos lugares sagrados?, por que hai labirintos, espirais e circos concéntricos en todo o planeta? Tivemos que parar de preguntarnos e ir velos, si, ir á capital dos petroglifos galaicos e  unha das maiores concentracións  de toda Europa, están aquí, moi perto, nos cumes de Pontevedra. E alá fomos. A verdade é que non puidemos ver todos os que quixemos, pero o cervo do carballo deixounos a todas e todos moi impresionados: toda unha laxa cuberta de deseños superpostos e retocados en varias épocas ao pé dun carballo vello que vai ti saber o tempo que ten. Con todas estas experiencias paleo e neolíticas empezaron a saír debuxos, preciosos, para estampar sobre as camisolas xa usadas que temos no fondo do armario. Algunhas, con deseño comercial, serviron de base para proxectar petroglifos futuristas; outras, sen debuxo ningún, quedaron coma novas co estampado. Ademais, case sen nolo propoñer, descubrimos as técnicas do estampado artesanal en tea: cera, lixivia, rotulador, pintura específica. Aprendemos a facer moldes, colaxes e un longo etcétera de novas habilidades. Pero o mellor de todo vai ser o curso que vén. Non só lle daremos continuidade ao obradoiro de camisolas, imos empezar a investigar niso que chaman xogos celtas, algúns moi semellantes aos xogos de damas e xadrez árabes, pero con pedriñas de diferentes tamaños e cores; este ano xa fixemos unha práctica preliminar cos pelouros, e aínda quedan por descubrir puzles intelixentes e xogos de estratexia. A ver, a ver.

Ningún comentario: