Un neno celta xogando ás agachadas entre a vexetación esvarou e caeu nun foxo, bateu cunha rocha na cabeza e quedou inconsciente sumido nunha especie de ensoñación:
Onde estaría? Que me pasaría?
Non entenderei nada.
Andarei perdido por entre os canellóns que hai entre as pallozas rectangulares de moitísimos pisos que semellan menhires de cemento e vidro.
Premerei un botón e unha voz amiga sairá por un aparello mecánico dicíndome "agora vou".
Iremos xogar un anaquiño polo monte da Madroa e alí verei estraños animais traídos de moi lonxe, encerrados en gaiolas.
De noite irei sen sabelo onda a miña nai, e unha muller que non coñezo darame de cea catro paus fumegantes e unha cunca de leite desaborido que sairá dunha caixiña.
Irei durmir nunha caixa chea de mobles e roupa.
Volverei quedar co meu amigo do gran menhir. Xogaremos á bola feita dun estraño material colorido e eu lembrarei as nosas pelotas de vincha de porco.
Un día, habituado á rutina e coa garda baixa, levarame por diante un touro mecánico con cousas redondas en vez de patas; abrirei os ollos e estarei metido nun foxo, no medio do monte, rodeado de pequenos salvaxes que me preguntan se estou ben.
Idea narrativa de TIPEX
Ningún comentario:
Publicar un comentario