mércores, 8 de xuño de 2011

FALEI COA MIÑA NAI E A MIÑA AVOA


Vista dende San Salvador ,antes da ETEA e da hermida,
 nun tempo en que Teis era agrícola  e estaba aprendendo
a autoxestionarse. Principios do séc.XX.


Cando a miña nai era pequena, Vigo era moi diferente de como é hoxe . Antes había moitos menos edificios e algunhas casa máis das que hai agora. Moitas desapareceron, tiráronas abaixo para edificar.

Antes a Travesía de Vigo estaba chea de campos de cultivo cunhas poucas casas esparexidas pola paisaxe. Na rúa Aragón todo eran fincas e dende calquera lado vías o mar, o Morrazo e as Illas Cíes. Agora, nacen edificios que tapian a rúa a un lado e máis a outro.

Un dos barrios que menos cambiou nas últimas décadas é Bichita, que conserva o vello polígono das casas baratas, reformado e conservando as zonas verdes; ben hai uns cantos edificios máis, algún con nove pisos de altura que desntoa na contorna de construcións de baixa altura.

A contorna de Samil non estaba urbanizada, era todo monte e bosque autóctono cunha fermosa cadea de dunas fixas, cheas de vexetación, que servían de barreira natural entre o mar e a terra.

O monte do Vixiador estaba cheo de animais, había xabarís, moitos tipos de paxaros, cabalos salvaxes...

Na illa de Toralla non había edificacións, nin casas, nin o rechamante edificio que fixeron nos setenta. Na zona do Bao practicamente non vivía ninguén. A única poboación perto da illa era Canido.

Os lugares que rodeaban cada pequeno barrio periférico de Vigo eran vertedoiros descontrolados. Toda a cidade en xeral era bastante sucia, pois non tiñamos o hábito de usar papeleiras e todo se tiraba ao chan.

A miña avoa comentoume que cando era pequena nin pola cabeza  lle pasaba que Vigo puidese cambiar tanto, nin en tan pouco tempo. No camiño de Frián non había nin un só edificio. Non existían os bloques de Fenosa, nin o Carrefour, nin Mercadona, nin o Cash, nin Dia. Coa paisaxe primitiva perdeuse moita seguridade , os camiños foron convertidos en estradas cheas de automóbiles, vitrasas e motos ; os nenos deixaron de ter lugares próximos ás casas para xogar e os vellos xogos caeron no esquecemento. Tamén se foi perdendo o trato amable entre veciños de toda a vida; antes os veciños visitábanse e a porta da casa estaba aberta para quen quixer entrar. Cando alguén facía sidra ou viño, todo o mundo probaba. Cando se pescaba moito, había peixe para todos. Cando había moita froita, regalábase. Nas fogueiras de San Xoan, reuníanse as familias en torno á mesma fogueira. No día da festa maior toda a parroquia se xuntaba para bailar e beber e comer o que fixera falta ata caer de cú.  En Teis, que é un barrio grande, coñecíanse as familias todas, dende Frián e Rorís ata o Praixal, A Riouxa, Ríos, A Oliveira, Espiñeiro, Guixar, A Robleda...
Mesmo había moi boa relación veciñal coa xente de San Xoán e do Calvario ou de Cabral.
Hoxe en día a ninguén lle importa o que lle pasa a outro e é frecuente a indiferenza entre xente que vive porta con porta.

Parece, pois, que Vigo mellorou no aspecto hixiénico, "nivel de vida", comodidade e capacidade adquisitiva pero perdeuse moito na calidade das relacións sociais e medioambientais.


fronteira cultural invisible
confluencia de Sanxurxo Badía -Guixar e García Barbón
1950
só un pouco antes da eclosión urbanística




Lembranzas familiares aportadas por...................FELPS

2 comentarios:

galego en londres dixo...

Moitas grazas por visitarnos. É un pracer saber que sabedes que en Londres tamén, e con esforzo, a xente da vosa idade estuda galego. O rechamante é que nesta cidade, onde se falan máis de 300 linguas, tamén se escoita galego. É unha pequena Babel. E nela estamos moi orgullosos/as de falalo, de termos ese valor diferencial, de sabermos máis.
We keep in touch.

tirarrollas dixo...

Estupendo, Londres. Onte, 13 de xuño fixemos unha visita masiva ao voso caderno cosmpolita en galego e gustáronnos moitas entradas. Procuraremos ir deixando comentarios. A ver se se animan os vosos alumnos a falarnos, temos tamén altas competencias en inglés. No noso centro hai varias seccións bilingües. Un forte abrazo para a Galiza metropolitana.