xoves, 12 de maio de 2011

LOIS PEREIRO, GUERRILLEIRO DA PALABRA






( Amor e sangue en Chiapas)

Ando á procura dunha ollada súa
que me confirme a fe que teño nela
e avanzo a cegas coa maior firmeza
noutra rebelión xusta que interna
nunha urxente esixencia de certezas
para este corazón rebelde e zapatista
obrigado a loitar polo evidente
cunha serea furia
antiga e sabia

desde o amor que resiste ó que o reprime
con ela por compaña como antes
ou ben só ben armado de nostalxias
deixareime invadir de sangue maia
para que retorne á súa propia terra
ou consiga vivir outras mil vidas
en loita contra o mundo
se é preciso
crebándolle o pescozo
e desviando
a historia do seu curso
xunto coas mesmas vítimas
de sempre

xullo 95

Lois Pereiro: Poesía completa, Xerais, 2011. Pertence ao libro Poemas póstumos, 2ª parte, titulada: " Luz e sombras de amor resucitado"

1 comentario:

tirarrollas dixo...

Da mesma quinta que Manuel Rivas, Salinas Portugal, Antón Reixa, Alberto Avendaño, o grupo de comunicación poética Rompente,e moit@s outr@s Lois Pereiro foi trestemuña do gran cambio que se produciu na Galiza dos anos 80; el rexistrou con versos implacables os novos ventos que callaron no que se deu en chamar "a movida". As súas propostas foron recollidas polos poetas máis novos da nosa terra que están dando a coñecer a súa obra na actualidade.