venres, 4 de marzo de 2011

A REVOLTA DOS ANIMAIS / GEORGE ORWELL

É un libro doado de ler, e moi interesante. Faise un símil da Revolución Rusa e do stalinismo que Geroge Orwell desprezaba. A novela non conta con case ningún elemento grotesco ou humorístico, sendo unha historia máis tráxica do que eu pensaba. Algúns detalles da narración resultáronme cómp`lices e hábiles, quizais porque son afeccionada á historia rusa. O conto é como unha chiscadela de principio ao fin, aínda que o significado tráxico e pesimista da acción o converte nun aceno de tristura. E, desde logo, non se lle pode negar un constante toque de fábula amena e sinxela, unha boa maneira de que mesmo un neno poida comprender sobre a dinámica de toda revolución. Algunhas decodificacións poden ser as seguintes:
PORCOS: a clase dirixente. Representa o goberno comunista e dictatorial da etapa rusa bolxevique. É o poder corrompido: MAIOR = LENIN ( o gran soñador, o formulador da utopía), SNOWBALL = TROTSKI (perseguido e desprezado polo goberno revolucionario), NAPOLEÓN = STALIN ( o gran dictador, o asasino do espírito revolucionario, o inventor do capitalismo do estado), 
SQUEALER = parece querer simbolizar o aparello propagandístico fanático e enganoso a favor do culto a Stálin.
A GATA = semella querer representar a actitude antirevolucionaria e conformista dos nobres que seguían a favor do antigo réxime zarista. Os membros da aristocracia rusa que sobreviviron ao embiste revolucionario acabaron exiliados fóra do país. O seu mundo estaba acabado.
O CORVO MOSES = simboliza a igrexa ortodoxa rusa, que apoiaba, santificaba e divinizaba aos zares na época anterior á revolución.
O CABALO BOXER = Representa o proletariado ruso. Matouse traballando para a revolución. Apoiou ata a extenuación o goberno revolucionario. Prometéranlle pensión de xubilación e coidados na vellez, finalmente, cando estaba xa exhausto, levárono ao matadoiro para expremerlle ata a última tallada de carne.
OS CACHORROS TRANSFORMADOS EN CANS DOENTES = simbolizan por un lado a xuventude rusa criada na educación autoritaria e obrigatoria que impuxo o réxime aos cativos rusos dende case o momento do seu nacemento, priorizando determinadas materias e áreas do saber e obrigándoos a prácticas académicas ao servizo dos intereses do estado. Tamén simbolizan, chegados a cans, as forzas de seguridade e todo o sistema de control do réxime sobre a poboación. Garanten a orde e a ausencia de calquera posible disidencia.
AS OVELLAS = a poboación submisa
O MUÍÑO = o progreso a calquera prezo
OS DEZ MANDAMENTOS = a lei, desprezada por quen a impón

Toda unha lección de lectura en paralelo

Reseña aportada por.......Allison

2 comentarios:

A vella na cova dixo...

Grazas por esta reseña!!!
No IES Pedro Floriani, de Redondela, utilizámola para preparar o noso traballo de 2013-14 sobre esta obra.

tirarrollas dixo...

Grazas a ti, por vires por aquí e lembrarnos que temos entradas tan apetecibles coma esta. Desculpa non che ter respostado antes. Un saúdo para Redondela!