"Ti dis: Galicia é ben pequena. Eu dígoche: galicia é un mundo. Cada terra é como se fose o mundo enteiro. Poderala andar en pouco tempo do norte para o sul, do leste para o oeste noutro tanto: poderala volver andar outra vez máis; non a has de dar andado. E cada vez que a andes, has atopar cousas novas e outras has botar de menos. Pode ela ser pequena en extensión; en fondura, en entidade é tan grande como queiras, e dende logo, moito máis grande de como ti a ves. Non din os filósofos que o home é o microcosmos, o compendio, o resumo do universo todo? Para canto máis unha terra con todos os homes que nela viven, un pobo que, se cadra, é unha sorte de Adam Kadmon...Do grandor do teu espírito depende todo; canto máis pequeno sexa, máis terra precisará. Se o teu pensar é fondo, a túa terra, para ti, non terá cabo, nela estará o mundo todo con todos os seu climas. Se o teu pensamento se detén na codia das cousas, non digas tampouco: Galicia é ben pequena; es ti, que endexamais poderás concebir nada grande."
Fragmento de Leria, Vicente Risco, 1961
2
"Algúns homes - galegos tamén - andan a falar dun idioma universal, único para toda a nosa especie. Son os mesmos que buscan a perfección baixando pola escala zooolóxica, deica sentiren envexa das formigas e das abellas. Son os mesmos que perderon o anceio de chegaren a ser deuses, e renegan das inquedanzas que produce a sabedoría. Son os mesmos que consideran o mito de Babel como un castigo e renegan da vida ascendente. Mais eu dígolles que a variedade de idiomas, coa súa variedade de culturas, é signo distintivo da nosa especie, o que nos fai superiores aos animais. Velaí vai unha demostración: un can de Turquía ouvea igual ca un can de Dinamarca; un cabalo das pampas arxentinas rincha igual ca un cabalo de Bretaña. E sabedes por que? Porque os pobres animais aínda están no idioma universal."
Fragmento de Sempre en Galiza, Castelao, 1944
3
"Eu non cultivei xamais a arte pola arte. A arte para min non foi máis ca un elemento, un recurso, un medio de expresión, co cal, a lapis ou a pluma, soamente quixen ser un intérprete fiel do meu pobo, das súas dores e das súas esperanzas. Debuxei sempre en galego, escribín sempre en galego, e se sacades o que hai de galego e humano na miña obra non quedaría nada dela."
Castelao, Fragmento dun discurso pronunciado en Buenos Aires en 1944
1 comentario:
Este blog e xenial e redactades todo moi ben con peros e contras seguide facendoo asi!
Publicar un comentario