mércores, 26 de novembro de 2014

VOCABULARIO DE O bosque animado


                                                                  
   

                                                               
                                

O bosque animado
de Wenceslao Fernández  Flórez
Obra escrita orixinalmente en castelán e traducida ao galego por Xela Arias para Xerais


OUTEIRO: elevación do terreo

LEGUA:  antiga medida de lonxitude

FRAGA: bosque con moita biodiversidade

TORO: rebanda grosa de calquera cousa cilíndrica. Por extensión TRONCO

TOBO: gorida, refuxio na terra en forma de furado

REXO: duro, forte, cheo de saúde, louzán

BICO: punto máis alto de todo o que se eleva, dun monte, do tellado, dunha botella

CHAIRA: terra cha

ALBISCAR: ver ao lonxe, divisar, enxergar

RAMALLADA: conxunto de ramas, ramaxe

ESLOMBADO: co lombo dobrado

UZ: tipo de xesta con flor branca. As flores chámanse CHORIMAS

LISCAR: fuxir, escapar

LOUZANÍA: saúde, vitalidade

ESCORREGAR: deslizarse, esvarar, perder pé

TOXEIRA: terreo cheo de toxos, TOUZA, TOUCEIRA

PÓLAS: ramas

CARRIZA: herba alta, brión. ( Musgo en castelán)

FENTO: planta silvestre que se reproduce por esporas. FILGUEIRA é o terreo cheo de fentos

ENTREMECIDAS: enredadas e movéndose unhas a outras

LATEXANTES: que fan un movemento rítmico e oscilante

POEIRENTA: chea de po

CARQUEIXA: carrasco, carqueixa, queiruga, quiroga, carroucha, breixo. pequeno arbusto salvaxe de cuxa raíz se usa para confeccionar cachimbas.

CORREDOIRA: unha das moitas denominacións que teñen os camiños en Galicia: CONGOSTRA, CARREIRO, CARREIRA, VIEIRO, SENDEIRO

PEGA: ave do tamaño dos corvos de plumas brancas e negras

MACHADA: ferramenta para picar leña

RACHAR: esgazar, abrir unha materia fibrosa

ASUBÍO: ruído que se emite cos beizos para fóra. O canto dos paxaros.





COIO: croio, seixo, algunhas das múltiples maneiras que ten o galego de denominar as pedras, segundo o seu tamano e forma. Neste caso trátase dunha pedra pequena, redondiña, en que a composición fundamental é o cuarzo

BIDUEIRO, bido. Árbore caducifolia de cortiza prateada e follas pequenas que medra espontánea en terreos húmidos. Ao seu hábitat están asociadas as amanitas, eses cogomelos vermellos con aro e escamas brancas onde soen refuxiarse os ananiños cando chove.

GROMO:  rebento, gomo, abrocho, As primeiras folliñas que indican que a planta está viva e coleando.

SEIVA: substancia verde que dota as plantas da caracerística cor verde e que lles permite facer a fotosíntese.

RA: batracio verde que anda nos prados moi húmidos, pozas e lagoas

BAGATELA: cousa de pouco valor

ARAME: fío de metal máis ou menos groso

NIÑO: o acubillo que constrúen as aves para poñer os ovos e coidar dos pitiños.

OURIOL: verderolo ou vichelogrego. Pequeno paxaro de plumas cor amarela limón.

RECHOUCHIAR: asubiar. O cantar das aves máis miúdas.

RISTRA OU RESTRA: sarta, rosario de elementos entrelazados. Por exemplo de allos ou cebolas.

ESVELTO, esguío, lanzal. Alto e dereito.

CREBAR: escachar, partir, fender, abrir pola metade

PARDAL: gorrión. Paxaro pequeno que anda en bandadas moi numerosas.

GABARSE: presumir, fachendearse, exhibir algo dun mesmo.

COUZA: caruncho, povilla, insecto que ataca a madeira practicando túneles ata reducila a po.

LIQUE: tamén chamado brión. É a primeira materia orgánica que se adhire ás pedras.

QUEIRUGA: carrasca, carqueixa, quiroga, breixo, carroucha.

PREGUIZA: nugalla, pouca gana de facer calquera cousa.

PALPEBREXANTE: que move rapidamente as pálpebras. Intermitente.

BOROA: pan de millo

PIÑEIRO: a árbore que dá os piñóns

ACIVRO, ACIVO OU XARDÓN: árbore de folla perenne, moi lisa e brillante, de cantos rematados en pico. Dá acios de boliñas vermellas moi estimadas por algúns animais. É a única palabra que ten grupo consonántico VR no noso idioma.

CEDRO: conífera de gran altura que varía segundo a orixe. Haina do norte de África, do Himalaia, de Norteamérica. A súas piñas son redondas e máis pequenas ca as do piñeiro común. A súa madeira sempre foi moi estimada para facer lápises. No insti temos media ducia de fermosos exemplares do cedro do Atlas.

NOGUEIRA:  árbore das noces

VIMBIEIRA: árbore da familia dos salgueiros que dá varas idóneas para a confección de cestos, canastos ou paxes.

GANDO: conxunto de animais cuadrúpedos que se crían para tirarlle o leite ou a carne.

EMBORRALLAR: encher de borralla, enzoufar, estercar.

GORIDA: tobo, refuxio dos animais salvaxes.

RENXER: facer un ruído característico as portas ou ventas de madeira.

RABUÑAR: esgazar a pel con algo cortante

TEIMA: obsesión, idea fixa

ESCORRENTAR: axotar, facer fuxir

RUEIRO: conxunto de casas, aldea

AMOLAR, contrariar, facer rabear alguén.

RACHA: pode ser de vento ou de madeira. Esta última é cando esgazas a madeira en dirección á veta, cada fragmento é unha racha o acha.

GRAN: de millo, de centeo. Cada unha das sementes que dá unha planta.

REGATOS: ríos pequenos, regueiros

FUNGOS: hainos microscópicos e hainos visibles. Estes últimos son setas ou cogomelos.

OURIVE: artesán que fai xoias

PORCO TEIXO. teixugo, pequeno mamífero carnívoro común no bosque atlántico.

PICAPINOS ou PAXARO CARPINTEIRO ou PETO: paxaro de tamaño medio que fai o seu niño no tronco dos piñeiros practicando un furado

RODEIRAS: as marcas que deixan as rodas do carro nas grandes pedras que enlaxan os camiños

MORCEGO: mamífero insectívoro nocturno dotado de voo. Guíase polo sentido acústico, actuando o seu oído como un radar.

FENDA, grecha, laño, fendedura. Corte que presenta a superficie de calquera materia.

FUCIÑO: lugar na cara dun animal onde converxen o nariz e a boca

TÉPEDO: nin quente nin frío, morno

CADEIRA: asento con respaldo.


Ningún comentario: