mércores, 12 de xaneiro de 2011

A XERACIÓN NÓS

Atila en Galiza


1

"Ti dis: Galicia é ben pequena. Eu dígoche: galicia é un mundo. Cada terra é como se fose o mundo enteiro. Poderala andar en pouco tempo do norte para o sul, do leste para o oeste noutro tanto: poderala volver andar outra vez máis; non a has de dar andado. E cada vez que a andes, has atopar cousas novas e outras has botar de menos. Pode ela ser pequena en extensión; en fondura, en entidade é tan grande como queiras, e dende logo, moito máis grande de como ti a ves. Non din os filósofos que o home é o microcosmos, o compendio, o resumo do universo todo? Para canto máis unha terra con todos os homes que nela viven, un pobo que, se cadra, é unha sorte de Adam Kadmon...Do grandor do teu espírito depende todo; canto máis pequeno sexa, máis terra precisará. Se o teu pensar é fondo, a túa terra, para ti, non terá cabo, nela estará o mundo todo con todos os seu climas. Se o teu pensamento se detén na codia das cousas, non digas tampouco: Galicia é ben pequena; es ti, que endexamais poderás concebir nada grande."
Fragmento de Leria, Vicente Risco, 1961

2

"Algúns homes - galegos tamén - andan a falar dun idioma universal, único para toda a nosa especie. Son os mesmos que buscan a perfección baixando pola escala zooolóxica, deica sentiren envexa das formigas e das abellas. Son os mesmos que perderon o anceio de chegaren a ser deuses, e renegan das inquedanzas que produce a sabedoría. Son os mesmos que consideran o mito de Babel como un castigo e renegan da vida ascendente. Mais eu dígolles que a variedade de idiomas, coa súa variedade de culturas, é signo distintivo da nosa especie, o que nos fai superiores aos animais. Velaí vai unha demostración: un can de Turquía ouvea igual ca un can de Dinamarca; un cabalo das pampas arxentinas rincha igual ca un cabalo de Bretaña. E sabedes por que? Porque os pobres animais aínda están no idioma universal."
Fragmento de Sempre en Galiza, Castelao, 1944


3

"Eu non cultivei xamais a arte pola arte. A arte para min non foi máis ca un elemento, un recurso, un medio de expresión, co cal, a lapis ou a pluma, soamente quixen ser un intérprete fiel do meu pobo, das súas dores e das súas esperanzas. Debuxei sempre en galego, escribín sempre en galego, e se sacades o que hai de galego e humano na miña obra non quedaría nada dela."
Castelao, Fragmento dun discurso pronunciado en Buenos Aires en 1944


luns, 20 de decembro de 2010

Poema colectivo de arte menor

HIMNO PARA A CHEGADA DO 2011

1
Erguede as vosas mans
amosádeas baleiras
ensinade a vosa paz
sen armas defendédea
2
Xogade ao respecto
xogade a ser sinceros
xogade a non ter medo
3
O amor é movemento
este é o mellor momento
4
Loitamos por un mundo novo
loitamos por un mundo antigo
polo ben de cada ser vivo
5
Liberdade de aprender
liberdade de saber
para poder escoller
6
Escoller o que comer
escoller o que poñer
como vivir escoller
7
Alzade as mans, galegos,
alzade tamén o berro
ergamos o sentimento
non cometamos máis erros
8
Loitade, irmáns, loitade
a violencia é unha fogueira
chamas de desigualdade
queimando a túa caveira
9
Só hai desesperación
con violencia na rúa
a guerra non é solución
non che caiba a menor dúbida
10
Labradores do campo
deixade o gran medrar
apañade os fouciños
que hoxe saímos ceifar
11
A nosa liberdade
de ouro hase voltar
sacharemos a terra
farémola agromar
12
Xa imos escorrentar
aqueles que o merecen
botaremos de aquí
quen nos queira explotar
13
Berraremos dende os ríos
dende os máis lonxanos mares
dende as praias, dende os montes
ata as vilas e as cidades
14
O mundo nunca foi noso
os ventos xa estaban antes
os peixes e máis as aves
non destrúen os seus lares
15
A terra xa está morrendo
os seus fillos son suicidas
evitemos que os netos
respiren máis pesticidas
16
Aínda estamos a tempo
de mudar comportamentos
de facer que este mundo
non se volva un cemiterio
17
Ten que haber algún lugar
moi dentro do corazón
en que a paz estea a brillar
máis que unha explosión
18
Polo camiño da paz
nacerá unha nación
para toda a humanidá
será a nación do perdón
19
Xa é tempo de limpar
e enxoitarmos os choros
seremos todos irmáns
na alegría dos poros
20
Queridos nenos e vellos
queridos, queridos todos
hoxe é o noso futuro
dirixídeo a modo
21
Todo home é unha árbore
moi dereitiña a medrar
non queremos que se torza
a árbore do mañán
22
Dime cantos anos tes
e direiche como es...
os mozos sonche de pais
que colleitan o poder
de mudar, mudar, mudar
para todo acontecer

luns, 13 de decembro de 2010

O movemento Agrario

Directorio Antiforista de Teis
5 de xaneiro de 1908

Agrarios de O Grove







HIMNO DE ACCIÓN GALLEGA

¡Irmáns! ¡Irmáns galegos!
Desde Ortegal ó Miño
a folla do fouciño
fagamos rebrillar!

Que vexa a vila podre,
coveira da canalla,
a aldea que traballa
disposta pra loitar.

Antes de ser escravos,
irmáns, irmáns galegos!
que corra o sangue a regos
desde a montaña ó mar.
Ergámonos sen medo!

Que o lume da toxeira

envolva na fogueira
o pazo señorial!

Xa o fato de caciques
ladróns e herexes fuxe
ó redentor empuxe
da alma rexional!

Antes de ser escravos,
irmáns, irmáns galegos!
que corra o sangue a regos
dende a montaña ao val.

Ramón Cabanillas



Este é un poema escrito por Ramón Cabanillas no que o autor se ve integrado e fala como se fose un destinatario máis do poema, pois nel diríxese ao pobo galego para espertar nel o espírito rebelde fronte aos abusos dos amos da terra que escravizan os campesiños, para reclamaren os seus dereitos. Para facer isto o autor non utiliza unha forma de escritura moi adornada, o importante é a mensaxe e debe dicirse claramente para que o pobo a entenda. Podemos atopar algunhas hipérboles que dan contundencia ao que se quere transmitir, fálase de "derramar sangue a regos", pero o recurso máis utilizado é , sen dúbida, a invocación para alentar a rebelión. A voz lírica é un eu plural, un nós para demostrar que el se ve implicado na causa.
O poema son seis cuartetas de versos heptasílabos, con rima consonante no medio das estrofas e asonante os 4ºs versos entre eles, quedando o 1º solto. O ton é o adecuado para un himno e serviu para alentar as revoltas agrarias de principios do século XX pola redención dos foros.
Asinado: Luar, alumno de 4ºESO B

martes, 30 de novembro de 2010

Campo semántico de PARTIR. Exercicio

Tradeamos ou furamos ou esburacamos....a pedra, a madeira, unha parede.
Relamos ou raspamos....o queixo, o apio, a cenoria.
Esfolamos, pelamos ou espelicamos...todo o que ten pel ou pelello ou pelella: os dedos, a froita, as castañas.
Fanicamos ou esfanicamos todo obxecto suceptible de que lle rompa unha lasca: Un prato, unha cunca, a porcelana, a pedra, o mármore, a lousa.
Estragamos ou escacharramos calquera obxecto que deixa de funciopnar: unha radio, un móbil
Tallamos...a carne, cortamos, lañamos ...o peixe, un dedo, recortamos...papel
Toramos, rebanamos...obxectos redondos para facer toros ou rebanadas: o chourizo, a pescada, o tronco dunha árbore
Esfiañamos...teas, tecidos
Esgazamos ou rachamos... bandeiras, as sabas, a roupa
Esmagamos e machucamos...materia branda que cede baixo presión: patacas cocidas, pan, biscoito
Esfarelamos, pulverizamos, rebentamos, esfrangullamos, esmigalllamos, moemos...toda aquela materia que queremos reducir a po
Abrimos, fendemos, agretamos, escachamos, esnaquizamos, fragmentamos, escachizamos, crebamos, quebramos, fracturamos, britamos...materia compacta e dura:pedra, vidro, ósos, a terra seca.
Desintegramos...só cando rebentamos a nivel atómico.

venres, 19 de novembro de 2010

venres, 5 de novembro de 2010

Dentro/ fóra


Dentro da casa está o pequeno avión facendo malabares no salón aproveitando que a súa pequena casa ten a porta aberta, e o tigre está no corredor xogando cunha pelota, mais agora mesmo a deixa e vai para onde están as quenllas metidas no seu pequeno fogar azul. E fóra está o neno nun bosque cheo de verdor, cerca do neno hai un lago dunha cor azul moi clara, óese a música que fan os pequenos animais voadores que acostuman agocharse nas árbores.